A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG estivo en Lisboa para defender unha nova PAC na manifestación da Coordinadora Europea da Vía Campesina

O SLG estivo en Lisboa para defender unha nova PAC na manifestación da Coordinadora Europea da Vía Campesina

15 de Xuño do 2021

PAC

O Sindicato Labrego Galego foi unha das organizacións da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) que apoiou coa súa presenza, o 14 de xuño, a manifestación de Lisboa en demanda dunha nova Política Agraria Común (PAC) feita atendendo aos intereses dos labregos e das labregas, á soberanía alimentaria dos pobos de Europa e que deixe de marxinar a Galiza. Tamén estiveron delegacións do Sindicato de Obreiros e Obreiras do Campo de Andalucía (SOC), COAG, EHNE Bizkaia, Confédération Paysanne e, por suposto, contamos coa acollida da Confederação Nacional de Agricultura (CNA).

A manifestación consistiu nunha marcha a pé que partiu do Centro de Congressos de Lisboa e rematou fronte ao Centro Cultural de Belém, onde se atopaba reunido o Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da UE no marco da Presidencia portuguesa da UE. Na manifestación houbo intervencións de Isabel Vilalba Seivane, en nome do SLG, e de Sonia Vidal Lamas, en nome da ECVC e como integrante do Comité Coordinador da mesma. O lema que presidiu estas protestas foi “Por unha PAC máis xusta e solidaria / Axudas mellor distribuídas / Unha vida digna para os labregos e as labregas”

En efecto, había moitas razóns para que o Sindicato Labrego Galego estivese en Lisboa: Queremos unha distribución máis xusta das axudas, que deben ter un tope máximo para garantir que son cobradas por labregos e labregas, e non acaparadas por terratenentes e grandes grupos empresariais; queremos políticas que aposten polos sistemas curtos de comercialización, que garantan prezos xustos en todos os sectores agrogandeiros e que facilite o relevo xeracional e a incorporación de xente nova á actividade agraria; queremos que, máis alá da produción de alimentos, se promova o desenvolvemento de servizos públicos no rural para dignificar a vida dos e das súas habitantes... Queremos soberanía alimentaria para Galiza.

Porén, a actual PAC marxina a nosa terra, xa que o actual sistema de axudas está baseado no pagamento por hectárea. Galiza, ao ser un dos territorios con menor superficie agraria útil de Europa (20,8% fronte ao 47,7% da media española; a media europea supera con creces o 40%), debido a décadas de forestación ilegal de terras agrarias fomentada pola Xunta. Por iso, nun pago por hectárea Galiza sempre perderá. Os feitos así o proban: Galiza ten un dos importes medios máis baixos por beneficiario/a nas axudas da PAC (2590,10 € de importe medio por persoa beneficiaria na Galiza; 3.959,45 € de importe medio por persoa beneficiaria en España).

Se queres saber máis, podes descargar a declaración oficial da manifestación de Lisboa premendo na icona que atoparás no remate desta páxina.

Manifestación Lisboa

Ficheiro adxunto