A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG pide ao Concello de Vilalba que apoie o plan para o coidado de persoas maiores diante do acordo concitado

O SLG pide ao Concello de Vilalba que apoie o plan para o coidado de persoas maiores diante do acordo concitado

14 de Maio do 2021

Centro de Día

Dende que o Sindicato Labrego Galego rexistrou senllos escritos remitidos ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, e á conselleira de Política Social, Fabiola García, solicitándolle a elaboración dun plan de dotación de centros de día para Vilalba, o apoio de diversos partidos políticos municipais non deixou de sucederse. Dende o SLG, tivemos constancia, do seu acordo coa proposta, do Partido Popular e de Vilalba Aberta, ademais do expresado pola conselleira de Política Social, Fabiola García.

Diante deste sentir unánime, dende o SLG animamos ao goberno de Vilalba a coordinar todos estes pulos e a poñerse mans á obra para redactar unha proposta para presentarlle á Xunta co apoio integral das forzas políticas vilalbesas. Ademais, pensamos que sería interesante abrir un proceso participativo para que a cidadanía vilalbesa, a través dos colectivos e asociacións municipais máis representativas, dilucidase cales son as principais necesidades que se deben cubrir a través deste plan e a través de que proxectos concretos. Así llo comunicamos á alcaldesa, Elba Veleiro, a través dun escrito rexistrado hoxe mesmo no Concello.

Trátase dunha oportunidade única, xa que desta vez non estamos dando brindes ao sol, senón que imos dispor de recursos financeiros suficientes e do apoio das institucións autonómicas, tal e como llo ratificou a conselleira de Política Social, Fabiola García, á nosa secretaria xeral, Isabel Vilalba, nunha contestación por escrito á nosa proposta con data do 10 de maio. Na súa resposta, a conselleira di que “Cando cheguen estes fondos, o Goberno galego podería colaborar economicamente para que concellos como o de Vilalba poidan poñer en marcha e xestionar servizos coma este centro de día ao que se refire na súa carta (...) Como temos demostrado en múltiples ocasións, a Xunta de Galicia está sempre disposta a escoitar, propoñer solucións e cooperar. Unha das nosas preocupacións é mellorar o benestar dos veciños da Terra Chá e por iso, tan pronto como dispoñamos dos fondos europeos, sentarémonos xunto ao Concello de Vilalba a explorar todas as vías de colaboración para construír un centro de día nesa localidade. Estamos convencidos de que xuntos lograremos que as veciñas e veciños de Vilalba teñan na súa contorna todos os servizos necesarios para garantir o seu benestar nesta etapa da súa vida”.

Dende o SLG, aledámonos da boa disposición da Xunta a unha demanda histórica do pobo de Vilalba. Diante desta confluencia de distintas forzas políticas e institucionais cara a un mesmo obxectivo, que é o de dotar de servizos públicos de calidade o coidado e benestar das persoas maiores en Vilalba, dende o SLG animamos ao Concello a iniciar as xestións necesarias para que sexa posible, contando coa voz e participación da sociedade vilalbesa no proceso.