A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. 27 de xuño: Manifestación en defensa duns servizos públicos dignos de atención á dependencia na Galiza

27 de xuño: Manifestación en defensa duns servizos públicos dignos de atención á dependencia na Galiza

21 de Xuño do 2021

Plataforma Servizos Públicos Dependencia

O Sindicato Labrego Galego foi unha das organizacións constituíntes da nova Plataforma Galega polos Servizos Públicos de Dependencia (PGSPD) que, de cara a canalizar a demanda social que existe para este sector fundamental nos coidados de persoas maiores e dependentes, vén de convocar unha manifestación para o vindeiro domingo, 27 de xuño, en Compostela. De seguido, compartimos o manifesto de constitución da PGSPD.

A pandemia de COVID tivo, como unha das súas consecuencias, deitar luz sobre a precaria realidade actual dos servizos de dependencia galegos e españois. As moitísimas mortes nas Residencias, o peche dos Centros de Día, os grandes problemas que tamén apareceron noutros servizos da dependencia, como os Servizos de Atención no Fogar (SAF), permitiron visualizar as grandes carencias e problemas que eses servizos sociais da dependencia presentan. Esa visualización deu paso a unha preocupación xeneralizada entre a cidadanía, así como a unha forte demanda social de que é imprescindíbel introducir cambios profundos no actual modelo de atención á dependencia. Con ese obxectivo, de actuar de canle da preocupación social que xera a enorme debilidade dos nosos servizos de dependencia e mobilizar á sociedade galega a prol duns servizos de dependencia públicos, universais e de calidade, vimos de constituír a “Plataforma Galega polos Servizos Públicos da Dependencia”.

No conxunto do Reino de España, o 81,7% dos dependentes teñen 65 ou máis anos, e esa porcentaxe é aínda maior en Galicia, unha sociedade que ten unha alta proporción de poboación maior. O 25% dos galegos e galegas teñen 65 ou mais anos, e as que teñen 80 ou máis anos chegan case ao 9% da poboación total: faise evidente que nunha sociedade tan envellecida como a nosa, é especialmente importante que existan uns fortes e bos servizos de dependencia, e desgraciadamente esa non é a situación hoxe.

Os actuais servizos de dependencia en Galicia e no conxunto do Estado Español, poden caracterizarse como de difícil acceso, por escasos e con prezos e copagamentos carísimos para os usuarios que, sobre todo no caso dos centros residenciais, convértense en prohibitivos ou case prohibitivos para unha parte importante da poboación con menos recursos económicos. Trátase duns servizos enormemente privatizados, nos que os grandes fondos internacionais de investimento penetraron profundamente, de tal xeito que conseguiron ser quen veu determinando a evolución dun sector, no que tamén ten un grande peso as institucións ligadas a igrexa católica. Mentres, os responsábeis das administracións públicas non só renunciaron á creación duns verdadeiros servizos públicos da dependencia, senón que traspasaron a xestión de moitos centros públicos ás empresas privadas, converteron en inoperantes os servizos de inspección, e semellan conformarse con ter só un papel subalterno, de meros facilitadores dos intereses privados das empresas do sector.

Nesta situación é preciso crear un forte movemento social amplo, plural e transversal, que mobilice á sociedade galega para esixirlles ás administracións públicas un compromiso real, para conseguir a creación duns servizos sociais da dependencia que se caractericen, entre outros aspectos, por seren:

▪ de financiación, titularidade, xestión e provisión 100% públicas;

▪ de cobertura universal, e polo tanto cun número de prazas acorde coas necesidades delas;

▪ adecuadamente financiados, e gratuítos na súa parte de coidados;

▪ de calidade contrastada nos coidados que prestan aos seus usuarios;

▪ con ratios de profesionais adecuados, debidamente formados, e cunhas condicións laborais e salariais dignas;

▪ ben coordinados cos servizos sanitarios públicos de Atención Primaria, que deberán contar cos recursos precisos para que esa boa coordinación poida ser realidade, algo que na actualidade non sucede; e

▪ abertos á participación dos usuarios e dos seus familiares, así como da veciñanza das localidades na que se sitúen ou ás que dean servizos.

Eses servizos deberán estar baseados no principio de “envellecer na casa” e deberán ter o seu alicerce nuns fortes servizos de proximidade (Servizos de Axuda no Fogar, Centros de Día, Teleasistencia, ...) que procuren adiar a “institucionalización”, e dicir o ingreso nun Centro Residencial, até o momento no que xa non sexa viábel manter á persoa usuaria no seu domicilio.”

Para poder facer realidade a existencia dun forte sector público da dependencia como o que se describe nos parágrafos anteriores, é imprescindíbel rematar co infrafinanciamento crónico da Dependencia que existe no Estado Español. O gasto público en dependencia viuse fortemente reducido a partir dos recortes establecidos no ano 2012, de tal xeito que nos 9 anos transcorridos entre 2012 e 2020, os recortes da administración central en Dependencia tiveron unha contía de 6.322 M€ a nivel estatal, e de 256 M€ en Galicia. Afortunadamente, o Plan de Choque da Dependencia aprobado para o ano 2021, semella sinalar o fin dos recortes. Mais debe ficar moi claro que incluso sen recortes, existe un crónico infrafinanciamento público da dependencia, que só se é superado permitirá termos uns servizos de dependencia suficientes e de calidade. No ano 2017, segundo ao OCDE, o Reino de España só dedicou o 0,7% do PIB (da riqueza que se produce) aos servizos da dependencia, mentres que a media europea é do 1,7%, e nos países do norte de Europa a porcentaxe da súa riqueza dedicada aos servizos da dependencia duplica amplamente esa cifra.

O dereito a uns coidados adecuados cando se está nunha situación de dependencia, situación frecuente no solpor da vida, debe ser considerado un dereito das persoas que as administracións públicas teñen o deber de garantir. Tradicionalmente, viña considérase ao ensino, a sanidade e o sistema público de pensións, como os tres piares esenciais do estado de benestar que temos e que defendemos contra os intentos neoliberais de privatizalos. A pandemia da COVID veu demostrar a urxente necesidade de non só defender o estado de benestar, senón tamén de amplialo cuns fortes servizos sociais, entre eles os da dependencia, que deben constituír o cuarto piar do estado de benestar.

É preciso facer os cambios lexislativos que sexan precisos para que as administracións públicas garanten o recoñecemento do dereito a uns coidados dignos da dependencia. Nese camiño, e preciso que se faga realidade o recoñecemento do dereito subxectivo ás prestacións da dependencia, que formalmente figura recollido na Lei de Dependencia (Lei 39/2006) mais que seguirá sendo unha declaración baleira mentres o goberno central non cumpra co establecido na Disposición Final sétima da Lei 36/2011, reguladora da xurisdición social. Ese incumprimento sigue impedindo que os asuntos xudicializados en materia de dependencia pasen á xurisdición do social, e obrigando ás persoas dependentes e as súas familias a reclamar os seus dereitos na xurisdición contencioso que é moito mais lenta, custosa, ensarillada e nada garantista.

Para comezar xa a canalizar a demanda social de cambios no sector da dependencia, a “Plataforma Galega polos Servizos Públicos da Dependencia” realizará unha grande mobilización en Compostela o domingo 27 de de xuño de 2021. A manifestación terá como slogan central

“Por uns servizos de dependencia públicos, universais e de calidade” !!!

27X Manifestación Servizos Dependencia ______________________

A “Plataforma da Dependencia”, no momento actual, está constituída por persoas relacionadas co mundo da dependencia a título individual, así como polas seguintes organizacións sociais, sindicais, e políticas:
Vellez Digna (Asociación Galega de Familiares e Usuarios de Residencias), TReGa (Traballadoras Galegas das Residencias), MODEPEN (Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos, SLG (Sindicato Labrego Galego), CNT (Confederación Nacional do Traballo), CSIF (Confederación Sindical Independente de Funcionarios), CUT (Central Unitaria de Traballadores), PROSAGAP (Sindicato de Profesionais da Sanidade Galega Pública), Anova, BNG (Bloque Nacionalista Galego), EU (Esquerda Unida) e Podemos.