No Centro Base de Valoracións de Lugo os retrasos para novas valoracións e revisións das presentadas superan os 12 meses. As persoas e familias afectadas afrontan ademais prexuízos administrativos vinculados á non tramitación dos expedientes
22 de Agosto do 2022
No Centro Base de Valoracións de Lugo os retrasos para novas valoracións e revisións das presentadas superan os 12 meses. As persoas e familias afectadas afrontan ademais prexuízos administrativos vinculados á non tramitación dos expedientes
O Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) vén de dirixirse ao Consello Galego de Benestar a través da vogal do SLG-CCLL neste órgano, Margarida Prieto Ledo, para alertar do enquistamento de importantes retrasos nas citas para as valoracións de discapacidades no Centro Base de Valoración de Lugo, tendo sido detectada a ausencia de tramitación en solicitudes de cualificación de grao -novas e de revisión- presentadas dende o mes de agosto do 2021.
Esta situación está a crear importantes prexuizos ás familias e persoas con diversidade funcional que precisan urxentemente da activación do apoio nos coidados aos que teñen dereito a tenor da normativa desenvolvida en materia de dependencia.
O primeiro prexuízo que padecen estas persoas é precisamente que a Administración pública tarde en darlle acceso aos dereitos socialmente acadados para acompañar unha situación de discapacidade. Ao mesmo tempo, engádense dificultades de carácter administrativo e de xestión cotiá, vinculadas a esta demora.
É o caso daquelas persoas que tiveron que facer a declaración de renda sen saber se teñen dereito ás deducións por grao de discapacidade e que, no caso de acadala, veríanse obrigadas a facer unha declaración da renda rectificativa ou complementaria, retrasando en moitos meses a percepción da devolución correspondente, que tería que estar solicitada na declaración de IRPF que rematou o pasado 30 de xuño.
No caso das deducións por discapacidade de ascendentes a cargo con discapacidade ou cónxugue podíase ter percibido mensualmente, polo que pode haber o caso de persoas que teñan sen cobrar como mínimo 1.100 euros.
Canda estas demoras de máis dun ano nas valoracións, a Administración tamén está a tardar máis de 12 meses en realizar as valoracións do grao de dependencia. Esta situación ten como principal prexuízo para as persoas afectadas o feito de carecer dos apoios asistenciais requeridos para poder desenvolver o seu día a día con dignidade, “nin que decir ten o que significa para os solicitantes e as súas familias o verse privados de servizos a apoio e atención a dependencia, servizos básicos e fundamentais para o coidado destas persoas”, apostilla Margarida Prieto na súa solicitude.
Dende O SLG-CCLL instamos ao Consello Galego de Benestar a dirixirse á Consellería de Política Social para que se solvente esta problemática, dotando dos medios humanos e técnicos precisos aos equipos para que sexa posíbel sacar adiante os expedentes con maior rapidez.