Unha asamblea celebrada este sábado en Loentia confirmou que Directiva e empresa non queren dar información ás comuneiras. A área que presumíbelmente quere acaparar SUREXPORT é empregada arestora para pastos por nove granxas familiares
30 de Agosto do 2022
Unha asamblea celebrada este sábado en Loentia confirmou que Directiva e empresa non queren dar información ás comuneiras. A área que presumíbelmente quere acaparar SUREXPORT é empregada arestora para pastos por nove granxas familiares
O pasado sábado 27 de agosto celebrouse no Local Social de Loentia (Castro de Rei) unha asemblea convocada por membros da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Loentia, que contou ca participación da Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.
O obxectivo desta convocatoria era tentar aclarar a suposta proposta de alugueiro do monte veciñal realizada por parte da agroindustria Surexport, unha multinacional da exportación de froitos vermellos. A primeira nova sobre esta oferta remítese ao pasado mes de maio, cando a Dirección da Comunidade de Montes levou un punto á asemblea ordinaria co que pretendía diretamente proceder á votación dunha proposta de alugueiro de terras por parte de Surexport. A propia Dirección, encabezada polo seu presidente Carlos Sinde e o Secretario Jesús Regueiro, de xeito intencionado ou por falta real de información, non soubo xa daquela dar ningún dato á asemblea, situación que a día de hoxe segue a ser a mesma.
Esta incerteza, así como a negativa por parte da Directiva a dar máis información ou datos sobor desta proposta, está a xerar un grande malestar e preocupación entre a veciñanza afectada, que dende os anos 90 traballan estas terras, e en especial en varias granxas familiares que actualmente fan uso do pastizal agora amenazado pola oferta da empresa Surexport.
A raíz precisamente desta preocupación convocouse esta asemblea a través do SLG, que leva tempo asesorando ás comuneiras afectadas. Na xuntanza, a Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, sinalou que “é unha anomalía en si que despois de tanto tempo con este rumor a Directiva do monte non sexa quen de dar ningún dato nin ofrecer luz sobre esta proposta”, convidando á Comunidade de Montes a actuar de xeito democrático á hora de tomar unha decisión tan importante, que mesmo “polo visto noutros contratos pode comprometer o futuro da CMVC polos próximos 30 anos” .
Así mesmo, Vilalba, salientou que “unha empresa que de verdade quere crear emprego e riqueza para as súas veciñas ou para un concello o primeiro que fai é explicar polo miúdo os pormenores dun contrato, incluído que riscos pode haber hacia os acuíferos, que consecuencias poden ter os seus manexos, así como detallar o tipo de modelo de produción que se quere facer e onde”.
A pesares de haber representantes de Surexport na asamblea, estes unha vez máis negáronse a dar calquera tipo de información, nunha mostra máis de falta de democracia por parte da directiva do CMVC e da propia empresa, incidindo inda máis no grande malestar da veciñanza.
Acaparamento de terras agroindustrial
Como vimos alertando neste último ano, a agroindustria de froitos vermellos, e nomeadamente a multinacional andaluza SUREXPORT, está en plena estratexia de expansión tentando acaparar máis extensións de terra no noso país -xa conta con plantacións na Terra Chá-, onde os nosos recursos hídricos lle permiten aforrar en custos de produción e aumentar os seus beneficios.
O modelo agroexplotador implica xornadas laborais que se prolongan até 10 ou 12 horas, precarización salarial, desprazamento de poboación doutros países para traballar baixo estas condicións, amoreamento de traballadoras e traballadores en pésimas situacións de habitabilidade e, a nivel ecosistémico, cuestións tan graves como o alto risco de contaminación das augas por mor das substancias químicas empregadas nestas producións industriais, a coptación do cauce de mananciais públicos ou a destrucción derivada da construcción de grandes vías de acceso para os camións que distribúen a mercadoría.