A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. Encontro europeo das articulacións de diversidades e mulleres da CEVC na Guarda (Pontevedra)

Encontro europeo das articulacións de diversidades e mulleres da CEVC na Guarda (Pontevedra)

1 de Novembro do 2022

cevc

A Coordenadora Europea Vía Campesina reunirase do 1 ao 3 de novembro na Guarda co SLG-CCLL como organización anfitriona. 40 persoas integrantes de organizacións europeas analizarán estratexias de fortalecemento interno e da loita labrega

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, integrante da Coordenadora Europea do movemento labrego internacional La Vía Campesina (LVC) acollerá por segunda vez neste ano 2022 un encontro europeo que contará ca participación de varias organizacións membras da ECVC e aliadas.

Dende hoxe até o xoves 3 de novembro desenvolveranse xornadas de traballo e eventos, tanto internos como abertos ás organizacións aliadas e público en xeral, no Centro Social O Fuscalho (A Guarda).

Os obxetivos xerais deste encontro son o fortalecemento do movemento desde unha perspectiva feminista e a través de formación interna, partillar experiencias entre mulleres e diversidades de xénero e sexual desde o rural, intercambiar con aliadas feministas doutros movementos, así como desenvolver estratexias, visións colectivas e estruturas para ambas articulacións.

Na tarde do martes 1, logo da benvida á cargo da Secretaria Xeral do SLG Isabel Vilalba ás persoas que participarán nas xuntanzas da Articulación de Mulleres e da Articulación de Diversidades da Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC), terá lugar unha introdución ás loitas sociais desenvolvidas por este movemento labrego internacional con case trinta anos de traxectoria, presentada pola ex-secretaria xeral do SLG, Lídia Senra, e Paula Gioia, integrante do Comité de Coordinación da CEVC e responsábel polo traballo de Diversidades. Até o serán levaranse adiante debates e conversas arredor dos avances realizados e os retos para o futuro.

A mañá do mércores 2 arrincará ca mesa de debate Feminismos, alianzas e loitas interseccionais e descolonización. Agroecoloxía e Feminismo, historia do traballo de xénero no movemento na que participarán Yildiz Temürtürkan (Marcha Mundial das Mulleres), Isabel Álvarez Vispo (Urgenci) e a Responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro. A segunda mesa, Feminismo e interseccionalidade das nosas loitas, estruturarase nos bloques Xustiza racial e abilismo, con Deirdre Woods (Landworkers’ Alliance); Perspectivas da Mocidade (poñente desde a Mocidade de CEVC) e Dereitos trans, a cargo de Laura Bugalho (SLG). Ao longo da tarde desta xornada transcurrirán as reunións internas da Articulación de Mulleres e a Articulación de Diversidades da CEVC.

Dende ás 21h. terá lugar a cea, que contará ca realización dunha queimada e lectura do “Conxuro Antipatriarcal”, seguido do concerto do grupo musical As Punkiereteiras, actividades abertas ao público en xeral.

O encontro finalizará na xornada do 3 de novembro, continuando durante a mañá cas reunións internas das articulacións de mulleres e diversidades. Ás 15h. está programada unha visita a unha granxa local e ás 18h. terá lugar o peche da xuntanza. Varias das asistentes á mesma, incluída unha delegación do Sindicato Labrego Galego, sairán da Guarda cara Portugal para participar na asamblea xeral da Coordenadora Europea Vía Campesina, que terá lugar do 4 ao 7 de novembro.