A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG acada o compromiso de revisión de oficio do complemento de alugueiro a unha muller con prestación non contributiva

O SLG acada o compromiso de revisión de oficio do complemento de alugueiro a unha muller con prestación non contributiva

27 de Decembro do 2022

Cartaz solucións para as persoas dependentes

O SLG votou en contra do texto presentado no Consello Galego de Benestar Social na sesión do 21 de decembro, na que tamén se acadou a revisión de oficio do complemento de alugueiro. O novo proxecto para a tramitación da Dependencia non soluciona as listas de agarda e recorta prestacións

A vogal do Consello Galego de Benestar en representación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, Margarida Prieto Ledo, dirixiuse a este órgano o pasado mes de novembro, así como á Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria e á Valedora do Pobo, para alertar da existencia de casos de persoas en condición de vulnerabilidade social perceptoras de pensións non contributivas ás que a Administración pública está a denegar unha cuestión (mellor prestación) fundamental para a súa supervivencia, como é o complemento por alugueiro.

 O caso que fixo saltar as alarmas no SLG-CCLL foi o dunha muller de leva vivindo e pagando alugueiro na mesma vivenda en Redondela dende o ano 1973, e cobrando o complemento por alugueiro dende fai máis de dez anos. Non ten contrato asinado, ao tratarse dun contrato verbal de hai moitos anos. No expediente figura a documentación xustificativa que enviaba todos os anos, orden de transferencia bancaria, un recibo de pago, solicitude de exención de taxas de recollida de lixo... etc. Margarida Prieto, vogal do CGB en nome do SLG, en representación da afectada, o pasado 9 de novembro enviou, a maiores do recibo de pago que xa figuraba no expediente, o extracto bancario cos pagos de alugueiro correspondentes aos anos 2021 e 2022. Por parte da delegación de Vigo foille requirida varias veces “copia electrónica autentificada do contrato de alugueiro asinado por ambas partes, no que figure a data do contrato a localización da vivenda a identificación do arrendador e do arrendatario e a duración do contrato”. Esta muller enviara toda a documentación que posuía para xustificar que tiña o arrendamento, no seu caso verbal, pero ao contrario que en anos anteriores, ningunha documentación lle foi admitida.

Dada a gravidade deste caso, de que poida ser unha discriminación estendida a este colectivo vulnerable, conformado maiormente por persoas maiores con baixos recursos, e ante a sospeita de que poida haber moitos máis expedientes na mesma situación, dende o SLG solicitamos que por parte do Consello Galego de Benestar Social se iniciasen os trámites diante do departamento que corresponda da Consellería de Política Social para que á maior brevidade posible se investigue o caso concreto denunciado. Finalmente, na reunión do Consello do mércores 21 de decembro, conseguiuse acadar o compromiso de revisar de oficio o complemento por alugueiro desta muller.

O SLG en contra do novo proxecto para a tramitación da Dependencia

Na mesma sesión do mércores, 21 de decembro, a representante do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto Ledo, rexeitou apoiar co seu voto o proxecto polo que se regula o Procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos competentes, presentado como suposta solución ás listas de espera e os meses de atrasos na asignación de prestacións as persoas dependentes.

A modificación presentada pola Xunta de Galicia, un dos gobernos autonómicos que precisamente vén reducindo o orzamento adxudicado á atención á dependencia, empeora aínda máis a escandalosa precarización deste servizo público básico, agardando polo cal morreron no ano 2021 case medio milleiro de persoas en Galiza falecendo sen esta atención fundamental para a dignidade de calquera persoa, e á que a propia administración confirmou que tiñan dereito.

 “O texto presentado é inaceptábel. Restaura o silencio administrativo negativo do artigo 18 do decreto 15/2010 no caso do PIA, que foi anulado nos tribunais en varias sentenzas, nulo en canto estende o réxime do silencio negativo ao procedemento para a elaboración do programa individual de atención, no parecer do TSXG, sentencias 1090/2011 , de 26 de outubro e 586/2012 de 18 abril, e do Tribunal Supremo. Na práctica isto supón un novo recorte de facto nas prestacións, que se acumula ós atrasos e deixa ás persoas dependentes e as súas familias sen o acceso as prestacións e sen a posibilidade de reclamar sequera”, explica Margarida Prieto.

De feito, cómpre lembrar que a Xunta acumula condenas por reclamacións de atrasos e condenas en costas, que aínda por riba son pagadas pola propia cidadanía prexudicada pola mala atención da Administración. Ademais, previo a este Consello o SLG xa tiña presentado unha queixa diante o Consello e da Valedora polos retrasos en materia de dependencia e discapacide de máis de ano e medio na provincia de Lugo.

Ademais, no Decreto que se pretende derrogar, o 15/2010, de 4 de febreiro (modificado polo 148/2011) recollíanse dous procedementos: primeiro o recoñecemento do grao dependencia e logo a aprobación do Programa Individual de Atención (PIA), sendo os prazos máximos para resolver en cada procedemento de tres meses. Na proposta actual, unificando os procedementos non se reduce o prazo, que queda nun total de seis meses, igual que na lexislación hoxe vixente.

Polo tanto, se ben se unifican dous procedementos, isto non supón rebaixar substancialmente os prazos máximos de resolución, polo que a Administración galega segue sen abordar o fundamental, que é dotar de persoal suficiente os centros de valoración.

 “A proposta presentada pola Xunta de Galicia, e en xeral a súa política en materia de Dependencia, é unha burla a cidadanía, unha burla ás persoas dependentes e ás súas familias e unha nova burla a un dos sectores máis vulnerables da sociedade. Desgraciadamente, este Consello consultivo avalou, irresponsablemente, esta realidade que nos ven dada. Dende o SLG imos estudar recorrer este Decreto, dado que significa un grave retroceso en materia de dependencia, para o cal a sociedade no seu conxunto está a reclamar precisamente un reforzamento e o fin da súa precarización, incidiu a vogal do SLG-CCLL no Consello Galego de Benestar Social.