A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A PAC e as producións labregas>
  4. Os papeis da PAC (2): Os principais cambios da nova Política Agraria Común con respecto á anterior

Os papeis da PAC (2): Os principais cambios da nova Política Agraria Común con respecto á anterior

10 de Outubro do 2020

Vacas de carne

O fondo da PAC non cambia, pero pode cambiar moito o que cobramos. De feito, os debates que hai no Estado e na Galiza son polos cartos, nada máis.Os outros debates non interesan e non saen nos medios de comunicación: prezos, custes de produción, renda, negociación colectiva dos prezos, desaparición da agricultura e da gandería familiar, quen nos alimenta, as consecuencias de que a UE sexa o maior importador e exportador de produtos primarios, as consecuencias dos tratados de libre comercio, as consecuencias da produtividade e competitividade infinitas, cando seremos o suficientemente grandes para o sistema agroalimentario, a función de labregos e labregas de ser subministradores de materia prima barata para a industria, a autoexplotación, a función das integradoras, a soberanía alimentaria, etc. Explicámoscho nesta segunda entrega dos Papeis da PAC (podes descargala ao remata da páxina).

Máis que unha reforma da PAC, é un gran cambio. Cambialo todo para que nada cambie, menos o que cada unha e un de nos cobra. O que temos que facer para cobrar tamén vai cambiar. E a maioría deses cambios dependen do Ministerio de Agricultura que, a estas alturas, aínda non nos dixo cal é exactamente a súa proposta e como nos vai afectar.

Imos ver, de seguido, os principais cambios que veñen coa nova PAC:

  1. Vaise definir outra vez quen vai cobrar a PAC. Neste novo período imos falar de persoa agricultora xenuína en lugar de persoa agricultora activa. Quen sexa esa persoa vai depender do Ministerio de Agricultura e das consellarías das comunidades autónomas. Se despois desta reforma seguimos vendo nos listados de perceptores PAC empresas que non nos parecen do sector, persoas que se dedican a outra cousa, xubilados e xubiladas, xente que non produce nada, será porque se decidiu así por parte dos políticos e políticas do Estado e da Galiza, non porque o impuxera unha instancia divina.

  2. O tope máximo de axudas. Estáselle dando moitas voltas a esta cuestión para rematar quedando como está agora. É dicir, con empresas e/ou persoas que cobran importes desorbitados e fora de toda lóxica. As negociacións comezaron debatendo un tope máximo para axuda básica á renda de 60.000 euros, descontando salarios. Aínda que esta proposta xa era unha barbaridade (xa que se lle poden sumar outras axudas adicionais), agora mesmo o tope de axuda básica á renda que se manexa para a nova PAC xa é de 100.000 euros. A nivel práctico, seguimos como estabamos: sen un tope máximo razoable, co cal será imposible realizar un reparto xusto da PAC e seguirá habendo empresas e persoas que ingresarán millóns de euros.

  3. O sistema de pago vai seguir sendo por hectáreas. Non se conseguiu avanzar nada noutras propostas, como facer un pago ás persoas en función da súa renda. A axuda básica á renda (que de axuda básica á renda só ten o nome) substitúe ao que agora é pago básico e antes foi pago único. Nestes momentos págase en función duns dereitos de pago asignados, pero está en debate se estes dereitos se manteñen, se mudan por outros dereitos ou se desaparecen e se paga en función das hectáreas que se declaren cada ano. En función desta decisión, poderían entrar (ou non) nos pagos as hectáreas de sectores que quedaran fóra deses dereitos na anterior PAC. Polo tanto, unha parte importante do que cobran actualmente as explotacións de carne e de leite de Galiza vai depender desta decisión. Tamén sectores que quedaron historicamente fóra -como a horta, viñedo ou froiteiras- poderían entrar nos pagos directos da PAC.

  4. O pago verde desaparece, aínda que se manteñen as súas obrigas transformadas en novas normas da condicionalidade. Temos un novo concepto: Os eco-esquemas, pero no ten nada que ver con ese pago verde.

  5. A condicionalidade segue sendo obrigatoria e convértese en condicionalidade reforzada: Ás boas prácticas agrícolas e medioambientais que hai que cumprir agora, engádenselle as medidas do pago verde. En canto aos requisitos legais de xestión, tamén hai algúns novos referidos á auga, sanidade animal e fitosanitarios,

  6. A axuda redistributiva (pagar máis as primeiras hectáreas subvencionables para equilibrar as axudas e distribuílas mellor) empezou sendo obrigatoria para os estados. Pero agora mesmo é voluntaria a súa inclusión nos paquetes de axuda estatais. No anterior período xa existía este tipo de axudas, pero o estado español non optou pola súa aplicación, deixando fora a posibilidade de equilibrar o reparto das axudas. Na actual proposta, o Ministerio inclúea pero cunha porcentaxe de financiamento moi baixa, perdendo de novo a posibilidade de reducir a grande diferencia existente entre os perceptores de axuda.

  7. Os pagos asociados: Decide o Ministerio de Agricultura que sectores van cobrar e como. É a única axuda que se cobra en función do que se produce. En Galiza é cuantitativamente importante para o bovino de leite e carne e pequena para ovino e cabrún. Polo tanto, está todo por coñecer neste aspecto tamén. Como novidade, o Ministro de Agricultura conseguiu que a UE permitira o pago a un novo sector: a oliva de mesa. E este é un cambio importante que previsiblemente supoña unha redución nos importes.

Ficheiro adxunto