A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. Unha treboada perfecta asombra o sector da carne de vacún na Galiza coa complicidade do PP e do PSOE

Unha treboada perfecta asombra o sector da carne de vacún na Galiza coa complicidade do PP e do PSOE

10 de Outubro do 2019

Vaca en treboada

No Fouce 326 xa informabamos da negociación dun tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur (Arxentina, Brasil, Uruguai, Paraguai e Venezuela). Xa daquela advertiamos que este acordo comercial resultará catastrófico para Galiza, especialmente para o medio rural, se realmente se acaba asinando. Sectores estratéxicos para a nosa economía agraria como o da carne de vacún resultarían arrasados.

As cifras así o indican. O acordo no sector da carne de vacún permitirá a entrada na UE de 99.000 toneladas de carne en canal equivalentes a 2 millóns de vacas nutrices. Isto supón máis do número total de cabezas de gando de Bélxica, Bulgaria, Dinamarca, Estonia, Grecia, Croacia, Chipre, Letonia, Luxemburgo, Hungría, Malta, Eslovenia, Eslovaquia, Lituania, Finlandia e Suecia xuntas.

Por se non abondase, a isto habería que engadirlle as 65.000 toneladas de carne de vacún que se permitirá importar sen aranceis en virtude do CETA, o acordo comercial con Canadá ratificado por España en 2017. En total, a Unión Europea acabaría abrindo o seu mercado a 164.000 toneladas de carne de vacún a moi baixo prezo que afundirían os nosos mercados e arruinarían as nosas granxas.

Para empeorar as cousas, en agosto coñeciamos que, por presións da Organización Mundial do Comercio (OMC), a Unión Europea accederá a abrir o seu mercado a un continxente de 45.000 toneladas de carne de vacún libre de hormonas doutros países, das cales 35.000 serán de Estados Unidos. Este último acordo mantívose oculto até ser aprobado, de maneira que o sector non soubo nada das negociacións entre Estados Unidos e a UE, que se desenvolveron dende o 19 de outubro de 2018 até o 27 de febreiro de 2019, até que estas foron un feito consumado.

A maiores, por se non abondase co devandito, temos unha nova ameaza para o sector: en caso de producirse un Brexit duro en outubro, coa saída polas bravas do Reino Unido da Unión Europea, esta perdería un dos principais consumidores de carne bovina do mercado común, o que levaría a unha saturación do mercado que afundiría os prezos.

Importancia esencial do sector da carne de vacún para o rural galego

Aínda que Galiza é coñecida polo seu potencial na produción de leite, con 7.355 explotacións en xuño de 2019; o certo é que é o sector de vacún de carne o máis estendido e de maior implantación no noso medio rural: 20.919 granxas segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2018. Cómpre salientar que este tipo de granxa é o único existente en amplas zonas do noso territorio, especialmente na montaña, onde non son posibles outro tipo de producións gandeiras; e que o modelo produtivo que representan é o máis sostible, en base a pastoreo de praderías naturais. Resulta obvio que o sector da carne de vacún é esencial na Galiza para conservar a pouca estrutura socio-económica que sobrevive no noso medio rural e para manter xestionado o territorio, especialmente no que se refire á prevención de incendios forestais.

Coma sempre, coa complicidade do PP e do PSOE

Grazas a deixar vendidos sectores agrogandeiros enteiros, beneficiaranse da apertura de fronteiras de Mercosur a industria automobilística de Centroeuropa ou multinancionais do sector da alimentación con capacidade loxística e capital para exportar produtos como viño, pexegos e tomates en conserva, aceite de oliva, porcino, patacas conxeladas ou algunhas froitas frescas. A industria automobilística tamén foi determinante á hora de permitir a entrada de 35.000 toneladas de vacún estadounidense, xa que o país gobernado por Trump ameazou con subir os aranceis aos coches europeos se non cedían.

Para o Sindicato Labrego Galego resulta indignante que o ministro de Agricultura, Luís Planas, considere positivo un acordo como o de Mercosur, que resultará catastrófico para sectores esenciais da nosa agricultura na Galiza, e tamén no resto do Estado; da mesma maneira que resulta incomprensible que o conselleiro de Medio Rural, Jesús González, non se pronuncie sobre unha ameaza sobre o principal sector gandeiro da nosa terra. Dende o SLG, pedímoslles a ambos que, en virtude das responsabilidades que ocupan, adopten unha postura clara, inequívoca e activa en contra da sinatura dese acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur.

Para o Sindicato Labrego, calquera acordo comercial debe garantir a integridade dos sectores produtivos de cada país. Hai que acabar con este tipo de acordos baseados nunha competitividade que só poden exercer grandes multinacionais con potencial suficiente para exportar, que deixan fóra de xogo as pequenas e medianas empresas e as granxas incapaces de competir a ese nivel. Os acordos comerciais deben basearse na cooperación, nun intercambio de bens que os países receptores non teñan capacidade para producir e sen danar as súas estruturas produtivas e de comercialización.