A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. O sector vacún de carne esixe á Xunta medidas concretas e inmediatas que freen o peche de granxas por mor do aumento de custos e os baixos prezos

O sector vacún de carne esixe á Xunta medidas concretas e inmediatas que freen o peche de granxas por mor do aumento de custos e os baixos prezos

20 de Decembro do 2021

vacúncarne201221

Arredor dun cento de gandeiras e gandeiros do sector vacún de carne acudiron na mañá de hoxe a Lugo para participar na asemblea convocada polo Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas co obxectivo de analizar a situación do sector e tomar decisións para demandar un apoio real por parte da Consellaría do Medio Rural.

Este sector é un dos máis importantes do noso rural, contando aínda a día de hoxe con máis de 19.000 granxas, na maioría dos casos familiares, que contribúen de xeito directo a fixar poboación, coidar o territorio e xerar emprego e riqueza en todo o país.

Como vén reiterando o sector vacún de carne -na mesma liña que o sector leiteiro e outros sectores produtivos primarios-, de non existir solucións reais a curto prazo a graves problemáticas como a suba dos custos de produción e os baixos prezos, moitas destas granxas veranse obrigadas a pechar.

As medidas a activar, se realmente existe un interese pola Consellaría do Medio Rural en apoiar aos milleiros de persoas que arestora viven da produción de vacún de carne e subministran este alimento á poboación, son ben claras. En reiteradas ocasións llas temos trasladado á Xunta de Galicia e, na xornada de hoxe, procedeuse ao rexistro electrónico das mesmas, apremiando á activación urxente das seguintes accións:

Convocatoria inmediata por parte da Xunta de Galicia dunha liña de axuda baseada no número de vacas nutrices de cada granxa, que permita compensar as perdas que estamos sufrindo coa subida dos últimos meses nos insumos, no gasóleo agrícola ou na luz…

  1. Crear métodos sinxelos e accesibles para as granxas para o cálculo dos custos de produción, e que estes cálculos se trasladen de xeito inmediato ao prezo que percibimos polo noso produto, garantindo por lei que non se poida mercar por debaixo destes custos de produción. A Lei da Cadea alimentaria que se vén de aprobar non aporta solucións reais para que isto non ocorra, e as gandeiras e gandeiros seguimos sen estar dotados de mecanismos reais que permita a nosa subsistencia.
  2. Creación dos mecanismos necesarios para unha diferenciación clara do noso produto fronte a alimentos criados dentro dun modelo intensivo, como poden ser os cebadeiros, e que esta diferenciación sexa perceptible dun xeito claro para as persoas consumidoras. A creación destes mecanismos son necesarios para aumentar o valor engadido do noso produto e que este repercuta nas nosas granxas no prezo que percibimos.
  3. Convocatoria dunha mesa sectorial por parte da Xunta de Galicia, composta polas persoas produtoras, a industria, a distribución e outros axentes do sector con poder de toma de decisións e que permita levar a cabo as medidas anteriormente mencionadas.
  4. Protección inmediata do noso modo de vida e produción, lexislando por parte das administracións públicas para unha verdadeira protección da Superficie Agraria Útil permitindo o acceso fácil a terra agraria e protexendo a existente, asumindo a necesidade aumentala ata polo menos un terzo do noso territorio.
  5. Cubrir o 100% dos danos que provoca a fauna silvestre asumindo a responsabilidade civil subsidiaria e o lucro cesante por parte da Administración.
  6. Creación dunha normativa hixiénico sanitaria que permita dun xeito sinxelo acceder ás granxas a realizar venda directa, e creación dunha rede de matadoiros comarcais para dotar de valor engadido as granxas.
  7. Logo da reunión, as produtoras e produtores desprazáronse ata as instalacións da Xunta de Galicia en Lugo onde tivo lugar unha concentración para visibilizar a crítica do sector ante o desleixo e abandono da administración pública, dende onde o Partido Popular de Galicia sempre se amosou máis proclive a apoiar proxectos agroindustriais que contaminan e aceleran o despoboamento rural, que unha actividade intrínseca da nosa cultura económica como é a cría de vacún de carne