A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. O SLG NON asina o protocolo IXP TG da CMR e denuncia que é unha posta en escena para desmobilizar ao sector

O SLG NON asina o protocolo IXP TG da CMR e denuncia que é unha posta en escena para desmobilizar ao sector

28 de Marzo do 2022

vacas

É intolerable que o texto non aborde ningunha das cuestións clave: nin prezo, nin custos, nin compromisos da Industia. Denunciamos a posta en escena protagonizada pola CMR e UUAA para simular un peche en falso que desmobilice ao sector.

Esta mañá vén de ter lugar en Santiago de Compostela o acto para a firma entre industrias, cadeas de distribución e organizacións agrarias do Protocolo para a protección das explotacións de vacún de carne adheridas á IXP Terneira Galega.

O Sindicato Labrego Galego-ComisiónsLabregas (SLG-CCLL) estivo representado neste acto pola súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, e o seu vogal na IXP Tenreira Galega, Adolfo Cabarcos.

 O SLG-CCLL NON asinou o devandito protocolo presentado pola Consellaría do Medio Rural. Como sinalou durante a propia realización deste acto a Secretaria Xeral SLG, o documento presentado “non deixa de ser un papel en branco nun momento de crise extrema nas explotacións, dita proposta non deixa de ser fume non recollendo nada en concreto que mellore a situación das granxas do sector”, aliás de ter sido trasladado ás partes con pouquísimo tempo de marxe -foi remitido durante a tarde do pasado xoves-.

 Esta posta en escena da Consellaría, abondou Vilalba, “non deixa de ser un brinde ao sol e palabras bonitas para un sector afogado, e a pesares de que algúns o califican de acordo histórico, en dito protocolo nin se fala de prezo, nin de que criterios se van a ter en conta para o cálculo dos custos de produción nin de compromisos reais por parte da IXP para a defensa da Terneira de Suprema, nin compromisos reais por parte da Industria, xa que en dito protocolo a Industria e distribución só se comprometen a cumprir a legalidade que de por si xa deben cumprir”.

 “É un acto de absoluta irresponsabilidade calificar este papel en branco de “acordo histórico”, inda que xa todas e todos sabemos quen ten como costume vender fume e anotarse tantos que nin son tal nin son méritos deles”, sentenciou Vilalba referíndose á foto entre a Consellería de Medio Rural e Unións Agrarias (UUAA) do pasado venres para a sinatura deste texto. “A foto do pasado venres entre Consellería e UUAA, ven a demostrar que este protocolo foi cociñado de espaldas ao sector e pactado sen conseguir ningunha mellora para aliviar a situación do sector. Trátase dunha foto cara a galería, que á Consellería non lle custou un peso e a UUAA dalle leña para facer fume e venderse diante do sector mentras as granxas de Suprema siguen a afogar e a non cubrir custos”.

 O pasado xoves pola tarde a sorpresa foi maiúscula para o SLG cando recibimos unha proposta deste tipo, con acto de presentación incluído, para o luns pola mañá. Procedemos á consulta da Dirección do Sector do Vacún de Carne, entendendo as persoas integrantes da mesma que o texto tal e como nolo plantexaron o xoves pola tarde era inasumible, e non podiamos asinalo por ser un papel en branco sen medidas concretas. Polo tanto, explicou hoxe Vilalba no acto de presentación do Protocolo, “fixemos chegar á Consellería durante a mañá do venres as nosas achegas para tentar mellorar o texto e que este Protocolo de verdade recollera algunha medida que fixera mellorar a situación e deste xeito poder asinalo. Xa nos demos conta ao ver a foto da Consellería con UUAA que non estaban dispostos a escoitar ao sector e que estaba todo pactado de antemán ”.

 Por todo o dito anteriormente o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas NON asinou no acto organizado pola Consellería dito Protocolo. Aliás, como explicou Isabel Vilalba, “dende fai meses levamos esixindo á Consellería de Medio Rural unha axuda inmediata para as granxas de nutrices para poder sobrevivir, así como estudos de custos inmediatos, diferenciación clara dentro da IXP entre a carne de Suprema e de Normal... E atopámonos con esta falta de respecto e engano cara o sector. Dende o SLG continuaremos a seguir facendo as asembleas que estabamos a facer por todo o país, a mobilizarnos para protestar contra esta tomadura de pelo e esixir medidas reais. Tamén falaremos con todos aqueles colectivos ou asociacións que do mesmo xeito ca nós se opoñen a este protocolo, para seguir a facer forza para que de verdade se lexisle en favor da supervivencia e do futuro das granxas de Suprema no noso país”.

 Os éxitos do presente protocolo xa os estamos a ver. Apenas 48 horas despois da firma de este magnífico e histórico acordo, como o definía UUAA ou algúns, xa estamos vendo incumprimentos por parte dos asinantes e xogo sucio para que as industrias sigan a gañar e as granxas a perder. Durante toda a mañá de hoxe fumos sabendo a través de produtores/as do sector como a industria inscrita na IXP Terneira Galega, habendo aínda convocado un paro de transporte, está presionando para que os animais que cumpren os 10 meses agora non manteñan a caterogría, como anunciara a IXP coa moratoria para estes animais. É esta unha mostra de boa vontade por parte da Industria?”, criticou a Secretaria Xeral do SLG concluíndo a súa intervención.

 

Aquí podes descargar o protocolo da Xunta e as consideracións do SLG: 

 

 

Ficheiro adxunto