A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG fai unha rolda de xuntanzas cos partidos políticos do Parlamento de Galiza para formar unha fronte común na PAC

O SLG fai unha rolda de xuntanzas cos partidos políticos do Parlamento de Galiza para formar unha fronte común na PAC

12 de Outubro do 2020

SLG Parlamento

O Sindicato Labrego Galego iniciou, en outubro, unha rolda de contactos cos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia para expoñerlles a necesidade de adoptar unha postura común de país para defender unha Política Agraria Común (PAC) que beneficie os nosos sectores agrogandeiros e a singularidade do noso rural (Puedes descargar la traducción íntegra al español del presente texto en el icono que encontrarás al final de esta página).

O 20 de outubro,tivemos o últimos destes encontros co Bloque Nacionalista Galego (BNG), e nel estiveron presentes Ana Rodríguez e Xosé Ramón Cendán por parte do SLG; e María González Albert, Carme Aira e Xosé Luís Rivas “Mini”, por parte do Bloque. Nos anteriores encontros, reunímonos coa viceportavoz do Partido Popular no Parlamento, María Elena Candia, e Daniel Vega, presidente da Comisión de Agricultura, Gandería e Montes, o 5 de outubro; e con Martín Seco García, vogal do PSOE na Comisión de Agricultura, Gandería e Montes, o 14 de outubro.

A maiores, e dentro da mesma campaña, enviouse unha CARTA COAS DEMANDAS MÍNIMAS DO SLG para os regulamentos que se están votando durante esta semana no pleno do Parlamento Europeo aos eurodeputados galegos Francisco José Millán Mon (PP) e Nicolás González Casares (PSOE), e a a Ana Miranda, portavoz do BNG na Unión Europea.

A todos e a todas explicámoslle que as negociacións da Política Agraria Común (PAC) entran nun momento decisivo a nivel europeo e estatal, que culminará en primavera de 2021 cando o Ministerio de Agricultura publique o borrador do Plano Estratéxico da PAC para España. De feito, esta mesma madrugada, o Consello de Ministros e Ministras de Agricultura pecharon un acordo sobre a PAC. Polo tanto, cómpre exercer un papel activo como galegos e como galegas para defender os nosos intereses comúns.
Porén, en Galiza semella que o tema non preocupa. Hai constituído un grupo de traballo da PAC no Consello Agrario Galego que, desde o noso punto de vista, tense xuntado moi pouco para debater temas tan transcendentais para os sectores agrarios e gandeiros galegos. Cómpre ter en conta que as decisións sobre a PAC vainas tomar o Ministerio de Agricultura e que no Estado Español conviven realidades produtivas moi distintas con intereses moi dispares.

A PAC aínda carece de instrumentos para regular mercados e prezos

De seguido, expoñemos as peticións que, dende o Sindicato Labrego, estamos pedindo que defendan os partidos políticos galegos:

  1. Pedimos aos nosos políticos e políticas que sexan quen de pensar noutra PAC alternativa que contemple instrumentos para regular os mercados os prezos. Mentres sigan tentando convencernos de que o futuro para garantir uns prezos dignos en agricultura son as Organizacións de Produtoras e Produtores (OPs) -levamos anos constatando a súa absoluta inutilidade no sector lácteo- seguiremos padecendo prezos baixos en orixe e falta de rendibilidade na profesión agraria.
  2. Pedimos que teñan en conta temas moi importantes doutros sectores que parece que non entran na PAC pero si se están modificando e aféctannos moito: autorizacións de novas plantacións de viñedo, a denominación “ viños desalcoholizados”, variedades permitidas de uva, a reserva de crise, cuestións sobre os produtos cárnicos, denominacións de orixe, etc.

Xuntanzas Parlamento SLG

Xosé Ramón Cendán e Ana Rodríguez, do SLG, participaron nas xuntanzas cos partidos politicos galegos xunto a Diego Sánchez Agra

Galiza, un dos países con menor superficie agraria de Europa, fica marxinada nas axudas por hectáreas

O único tema sobre o que hai debate é o reparto dos fondos do chamado primeiro piar da PAC (axudas directas). A postura do Sindicato Labrego Galego e da Coordinadora Europea da Vía Campesina é a seguinte:

  1. Unha única axuda por persoa activa: Agora mesmo, as axudas directas do primeiro piar concédense por dereitos históricos e por hectárea, unha modalidade na que Galiza per-de moito, como veremos de seguido. Dende o SLG demanda- mos unha axuda directa por persoa activa na profesión agraria, nunca un pago por hectárea. A nosa proposta consistiría en facer un só pago como axuda básica á renda, incrementándose para as persoas que se instalen na agri- cultura ou na gandería durante os cinco primeiros anos e incrementándose tamén para granxas en zonas de montaña. Eliminaríanse o resto de pagos desacoplados do primeiro piar que complican moito a xestión e , ademais, serven de pouco.
  2. Galiza perde se as axudas se reparten en función da superficie agraria: Nos debates no Estado, agora mesmo só hai dous temas enriba da mesa: Quen vai cobrar as axudas no próximo período e e en función de que superficie. Cómpre lembrar que Galiza, coa estrutura territorial que ten sae permanentemente desfavorecida des-te debate para todo o Estado. Agora mesmo, con estas premisas, Galiza está fóra da PAC e levará, coma sempre, só unhas migallas. 

A axuda galega media é de 2.590 € fronte a unha media estatal preto dos 4.000 €

De seguido, enumeramos unha serie de datos que cómpre ter en conta se queremos que Galiza saia realmente beneficiada coa nova PAC:

  1. O pago por hectárea, no caso de Galiza, é completamente inxusto e permitiu que sexamos a única comunidade autónoma no Estado Español que ten máis persoas que cotizan polo réxime agrario (29.013) que solicitudes únicas da PAC (26.805).
  2. Galiza está entre as comunidades co ratio máis baixo subvencións / renda empresarial agraria (19,5% en Galiza fronte ao 30,3% da media española).
  3. Tamén temos unha superficie agraria útil (SAU) das máis baixas do Estado e de Europa, e unha porcentaxe de superficie con dereitos sobre SAU total dos máis baixos do Estado (58,5% fronte ao 80,7% da media en España). Galiza ten unha SAU por explotación das máis baixas do Estado (20,8% fronte ao 47,7% da media española).
  4. Temos un importe moi baixo de axudas tanto por explotación como por Unidade de Traballo Agrario (UTA). No caso das explotacións de bovino de carne e de leite, unha porcentaxe importante das axudas son as acopladas.
  5. Galiza ten un dos importes medios máis baixos por beneficiario/a nas axudas da PAC (2590,10 € de importe medio por persoa beneficiaria na Galiza; 3.959,45 € de importe medio por persoa beneficiaria en España).

En resume: Galiza ten moitas máis persoas traballando na agricultura e na gandería que solicitantes da PAC. Tamén ten pouca SAU (das SAU por explotación máis pequenas do Estado) e, desta, só o 58,5% ten dereitos de pago. Todo isto implica, entón, que a axuda media individual da PAC que cobramos en Galiza sexa das máis baixas do Estado.
Polo tanto, se queremos que todas aquelas persoas activas na actividade agraria en Galiza cobren unha axuda básica á renda e intentar igualarnos á media española en axudas, nunca o vamos a conseguir se as axudas seguen a repartirse en función da superficie agraria, tal e como se está propoñendo.
Por todo isto, conminamos aos políticos e ás políticas de Galiza, sexan do partido político que sexan, a formar unha fronte común para defender diante do Ministerio de Agricultura unha Política Agraria Común que se adapte aos intereses e á realidade galegas.

Sixpac minifundio

Acordo no Consello de Ministr@s de Agricultura da UE con España defendendo os intereses do sector oliveiro

Na madrugada do 20 de outubro, o Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da Unión Europea chegaba a un acordo sobre a nova Política Agraria Común. Neste acordo, viuse ás claras que o Ministerio de Agricultura será a entidade que terá a última palabra para definir a PAC no Estado, e que, agora mesmo, está a defender os intereses de producións e modelos que nada teñen que ver con Galiza. De feito, no Consello o ministro conseguiu que se inclúa a oliva de mesa entre os sectores que poden recibir axuda asociada (non estaba na listaxe inicial da UE) e proporá que se inclúa o sector olivareiro nos programas sectoriais que se financian co 3% do primeiro piar a través de organizacións de produtores (xa os había para viño, apicultura e froitas e hortalizas).

Polo demais, as principais novidades da nova PAC proposta é que se mudan cousas para que todo siga máis ou menos igual: cuns poucos que levarán o maior parte dos cartos, e unha maioría -nela está Galiza- que repartirá as migallas ou quedará sen nada. Ademais, as novas normas ambientais e os ecoesquemas non garanten que o agro vaia servir frear o cambio climático, xa que aos sectores da gandería industrial que máis contaminan non lles afecta. Se non hai unha aposta clara para evolucionar cara a modelos agroecolóxicos, non servirán de nada. Estes son os principais puntos do acordo:

  1. Pago básico: Levará o 60% do primeiro piar (o que se destina a axudas directas). A condicionalidade (normas ambientais) serán máis estritas.
  2. Ecoesquemas: Levarán o 20% do primeiro piar. Trátase dun pago adicional para aquelas explotacións que cumpran condicións medioambientais extra.
  3. Pequenos produtores: Terán que cumprir as mesmas condicións que o resto.
  4. Mulleres: Por primeira vez inclúese a figura da muller labrega na PAC, de maneira que os estados poderán facer discriminación positiva nos seus plans.
  5. Mocidade: Levará, como mínimo, o 2% da PAC, a través de complementos ao pago básico e axudas de primeira instalación cun tope de 100.000 euros por mozo ou moza.
  6. Pago redistributivo: Permítese que os estados incrementen o importe recibido polas primeiras hectáreas para beneficiar granxas pequenas e medianas con pouca superficie.
  7. Autorizacións de viñedo: Amplíanse até 2040.
  8. Período transitorio: Durante os anos 2021 e 2022 seguiremos funcionando coa PAC de agora, pero tirando xa do novo orzamento.

Faldón PAC

Ficheiro adxunto