A PAC elimina labregos e labregas. Desde moitas instancias pénsase que a Política Agrícola Común debería cambiar substancialmente debido ao fracaso en canto ao mantemento da agricultura familiar no territorio e tamén polo fracaso en canto ao establecemento de rendas dignas para as produtoras e produtores. A substitución destes por explotacións intensivas que producen grandes cantidades de materia prima barata para a agroindustria e para a exportación parece imparable. Na teoría seguen dicindo que en Europa e en Galiza hai necesidade de numerosas persoas no territorio con producións diversificadas para responder á demanda duns alimentos de calidade. Na práctica non é posible soster a esas persoas no territorio: cada tres minutos desaparece unha granxa en Europa.
En maior ou menor medida, en toda Europa temos dificultades para acceder á terra, ás sementes, ao crédito, a mercados xustos. Cada vez é máis difícil cubrir os custes de produción. As condicións de traballo tamén se degradan: máis autoexplotación dos e das titulares e peores condicións laborais para as persoas empregadas.
Polo tanto, esta reforma da PAC debería considerar que a intensificación, a concentración, o aumento constante da produtividade e a produción destinada á exportacións xerou efectos contrarios aos previstos: perda de agricultores e agricultoras, abandono dos pobos, envellecemento da poboación agraria, falta de relevo, un nivel de endebedamento insoportable, graves problemas ambientais...
Vendo as propostas que temos de Regulamentos da Unión Europea, parece que as intencións van por un lado e os feitos por outro. Non se modifica substancialmente nada. Aínda que o modelo actual fracasou, os nosos políticos seguen apostando pola continuidade do fondo, pero falando constantemente de medio ambiente e de cambio climático.
Se queremos avanzar nunha transición cara modelos agroecolóxicos, as produtoras e produtores deben ter garantía de prezos xustos que cubran custes de produción e a remuneración do traballo. Producir para a exportación fai que Europa sexa a principal exportadora mundial de alimentos, pero tamén a principal importadora. Este sistema destrúe emprego e vida, tanto en Europa coma no resto do mundo, e contribúe en grande medida ao cambio climático. Hai que repensar este sistema de alimentación que só favorece á agroindustria.
Cambiar a PAC é posible. Temos que conseguir como mínimo:
I) Un orzamento suficiente. Non podemos admitir unha baixada no orzamento e un aumento no cofinanciamento das axudas de desenvolvemento rural.
II) Unha verdadeira simplificación da Política Agrícola Común. Cada vez é máis difícil de entender e de xestionar.
III) Considerar que o desenvolvemento tecnolóxico baseado na dixitalización, na robotización e no uso de datos pode supoñer grandes inversións e perda de control da explotacións polo que pode ter o efecto contrario ao que se nos di: máis abandono e máis desertificación das zonas rurais.
IV) Os servizos de asesoramento ás explotacións deben ser públicos. Contribuirán de forma decidida no cambio cara un sistema agroecolóxico, diversificado, non intensivo e, en calquera caso, asesorarán no cumprimento da lexislación sobre a auga, a diminución do uso de pesticidas, a resistencia aos antimicrobianos, etc.
V) Establecemento de topes por persoa (labrego ou labrega) e por granxa. A proposta da Comisión Europea realmente permite que todo siga igual. O paso desta proposta pola Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo empeorou este tema. Segundo as cifras da Comisión Europea, menos do 1% das granxas europeas estarían afectadas por este tope, polo tanto a eficacia desta medida é discutible. Non se pode xustificar que, creen os postos de traballo que creen, teñamos explotacións que cobran cantidades desorbitadas. Non é xustificable nin entendible. No modelo proposto polo Regulamento, cremos que a nivel Europeo o tope non pode ser en ningún caso superior aos 60.000 euros o importe das axudas a unha explotación, calquera que sexa o número de UTAs ou o número de empregados/as.
VI) Os pagos directos disociados non poden seguir pagándose por hectárea, deben ser unha verdadeira axuda á renda. Este sistema de asignación de pagos directos sobre a base da superficie conduciu a unha grande concentración dos pagos sen ter en conta os diferentes modelos agrícolas ou o nivel de renda. As axudas debe estar ligadas á actividade, non basearse en ningún caso en dereitos históricos e servir realmente para conseguir equiparar as rendas dos e das agricultoras á media da renda do Estado. Outro problema do sistema proposto segue sendo que a axuda redistributiva complementaria á renda e á axuda para moz@s vai tamén en función das hectáreas. Así, sigue xerándose unha concentración dos pagos nas persoas ou explotacións que xa cobran e nada nas que non teñen dereitos de pagamento. Na Galiza determinados sectores quedaron sistematicamente fora destas axudas: horta, apicultura, fruticultura, viñedo... A proposta do Sindicato Labrego Galego é o establecemento dunha verdadeira axuda á renda, eliminando todas estas axudas que complican moito a xestión. Propoñemos un só pago como axuda básica á renda, incrementándose para as persoas instaladas na agricultura ou na gandería nos primeiros cinco anos e para as persoas titulares dunha explotación nunha zona considerada de alta montaña.
VII) As axudas teñen que ir destinadas ás persoas que producen alimentos, a tempo completo ou parcial. Definición precisa de agricultor/a xenuíno ou xenuína: en ningún caso se considerará como tal o propietario ou propietaria dunha granxa intensiva sen terra, solicitarase un requisito de residencia e definirase agricultor/a a título principal e pluriactivo en función da renda e do tempo que destina á actividade
VIII) A proposta do Sindicato Labrego Galego é unha axuda básica á renda. Non obstante, se isto non fora así cremos que no resto dos pagos directos se debe, como mínimo, conseguir que:
A axuda que figura parapequen@sagricultor@s cun máximo de 1.250 euros non ten ningunha eficacia en canto axuda á renda. Non pode figurar ese importe no Regulamento. Propoñemos como máximo 7.500 euros.
A axuda redistributiva á renda debe modificar o sistema de pago. Se o importe máximo é por hectárea e é unha cantidade tan pequena, realmente non serve como axuda redistributiva.
Axuda complementaria á renda para mozos/as. Ten que modificarse para que permita o pago as persoas incorporadas, sexan moz@s ou non, e o pago non pode ser en función dos dereitos de pago e das hectáreas. A proposta do SLG é que o pago sexa automático cando esa persoa sexa beneficiaria dunha axuda á incorporación e polo número de unidades mínimas que se lle solicitan para dita axuda. No caso das persoas que non solicitan axuda á incorporación, pago previa solicitude demostrando a actividade.
As axudas asociadas tamén teñen que ter topes máximos. En ningún caso se pode financiar coa PAC agrocombustibles.
A condicionalidade reforzada. Estamos completamente de acordo con que toda a agricultura e a gandería debe cumprir requisitos de boas prácticas en todo o relativo ao cambio climático, a auga, a diversidade, ás paisaxes, aos nitratos....Agora ben, asegurar nos papeis o cumprimento destes requisitos supón unha burocracia considerable e en ocasións con interpretacións contraditorias. E temos a constante contradición do apoio á agricultura e á gandería industrial que xeran problemas que pagamos entre todas e todos.
A converxencia por hectárea sigue favorecendo un reparto nada equitativo e inxusto.
IX) En canto ao Desenvolvemento Rural, habería que priorizar en grande medida ás mulleres e aos e ás acabadas de chegar , sexan moz@s ou non; as medidas de apoio para a transición a sistemas agroecolóxicos; unha verdadeira política de instalación de persoas produtoras de alimentos; un impulso decidido aos mercados locais e ás compras públicas. Non se pode atribuír a estes fondos a capacidade de solucionar os problemas de servizos públicos que teñen os territorios rurais: os Estados teñen que dispoñer de fondos que garantan un nivel de servizos públicos axeitados no medio rural. As axudas que se conceden para inversións deben ter límites, tanto para as explotacións como para as empresas transformadoras. Estar atentas a que a inclusión de instrumentos financeiros non se utiliza para promover inversións e endebedamentos desmesurados.
X) Os tipos sectoriais de intervencións pasan de estar no Regulamento da OCM ao Regulamento dos Plans Estratéxicos. Se houbera un cambio substancial da PAC, estas intervencións sectoriais non terían obxecto. Caso contrario, pedimos no sector apícola a distinción entre apicultura non profesional e profesional, apoiando as dúas modalidades. No sector do viño, os programas operativos non serven para zonas como en Galiza con moi pequenas superficies pero que manteñen a actividade económica e a paisaxe. Polo tanto, necesitan unha adaptación as axudas previstas para reestruturación e conversión de viñedos e tamén as inversións en adegas moi pequenas.A posibilidade de abrir tipos sectoriais de intervencións a outros sectores cos obxectivos do artigo 59, parece que privatiza definitivamente o control das producións e a xestión das crises.
XI) Polo que se refire ao regulamento da OCM, foi xa baleirado do seu contido nas sucesivas reformas da PAC. Apostamos por un debate a nivel galego deste regulamento porque nunca entra no debate da Política Agraria Común e aínda é fundamental en moitos sectores. En principio, prevese unha modificación pequena nesta reforma, pero aínda así hai cuestións importantes:
Habería que dotalo das ferramentas necesarias para a regulación dos mercados e o control das producións .
Regular a autorización de plantacións de viñedo de forma que permitan condicións favorables para as superficies moi pequenas, non admitir a especie vitis labrusca para a elaboración de viño, non permitir a introdución do termo viño desalcoholizado
Regular os contratos do leite e o resto de contratos de tal forma que estableza a obrigatoriedade de que o prezo cubra custes de produción e que remunere o traballo
Permitir a negociación colectiva dos prezos, entre outras moitas cuestións que habería que repensar no Regulamento da Organización Común de Mercados.
