A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. VIII Xornada de Granxas Abertas: Afondando na normativa hixiénico-sanitaria para adaptala ás producións labregas

VIII Xornada de Granxas Abertas: Afondando na normativa hixiénico-sanitaria para adaptala ás producións labregas

30 de Abril do 2021

Galiña de Mos

O 30 de abril, o Sindicato Labrego Galego celebrou a súa VIII Xornada de Granxas Abertas na Terra Chá. Desta vez, o programa estivo centrado na nova normativa hixiénico sanitaria que posibilita algunhas producións alimentarias artesanais. Para iso, visitamos a granxa de avicultura artesanal Aves do Concello, en Vilalba; a queixería Don Gabino, en San Simón da Costa; e o obrador Sensucre, en Cabreiros (Xermade).

A elección destes proxectos respondeu a que consideramos da máxima importancia e urxencia que a normativa hixiénico sanitaria -polo de agora cun real decreto introdutorio aprobado en 2020 (RD 1086 / 2020)- se flexibilice para as pequenas producións labregas ou artesás no real decreto pendente no que se regulará a aplicación práctica desta normativa. Un bo exemplo de flexibilización sería contemplar a posibilidade de contar cun rexistro único por granxa con alta en varias producións alimentarias á vez, como castañas, froita, verduras, colmeas, vacas de carne, etc, de maneira que non se deixe marxinadas as explotacións multifuncionais que traballan con varias producións alimentarias a un tempo, como a maioría das galegas, ou as que seguen modelos agroecolóxicos.

Galiñas Vilalba

É fundamental que a normativa hixiénico-sanitaria se adapte a este tipo de producións”, explica a técnica do SLG, Conchi Mogo, responsábel de coordinar a actividade, “e que estes proxectos poidan obter o valor engadido que supón poñer no mercado produtos transformados de gran calidade, así como que as persoas consumidoras poidan acceder a estes alimentos, fomentando coa súa compra a economía local e contribuíndo a reducir a pegada de carbono ao optar por produtos de preto que non requiren grandes rutas de transporte”.

Para o SLG, a normativa que desenvolva o RD 1086 / 2020 para regular as producións artesás de alimentos debe xurdir dun proceso de traballo colectivo, onde todos os actores deben ter o seu papel, tanto as autoridades sanitarias competentes como as persoas labregas que queren transformar os alimentos que producen. Porén, o Estado Español é un dos membros da Unión Europea con máis atraso na aplicación de flexibilidade da normativa comunitaria. Neste senso, cómpre lembrar que moitos países membros da UE levan dende 2006 aplicando criterios para regular as producións alimentarias artesanais que aquí comezamos a regular aínda o ano pasado, pero que aínda non se conseguiu levar á práctica.

Agora mesmo, consideramos fundamental a formación do control oficial para que se poida aplicar correctamente o RD 1086 / 2020 nos diversos territorios do Estado, e para que se diferencien claramente as producións industriais das pequenas producións labregas e artesás. Dende o Sindicato Labrego Galego, que traballa conxunta e activamente con outros colectivos do Estado nesta materia, consideramos fundamental esta cuestión, así como que se teña sempre en conta a realidade e opinión dos diversos sectores en todo momento.

Queixería Don Gabino