A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Rede Galega Stop Eólicos declara a situación de emerxencia social ante a INVASIÓN EÓLICA do medio rural

A Rede Galega Stop Eólicos declara a situación de emerxencia social ante a INVASIÓN EÓLICA do medio rural

20 de Outubro do 2021

MapaInvasiónEólica

Dúas representantes da Rede Galega Stop Eólicos (RGSE), Margarida Prieto Ledo (SLG) e Bruno Centelles (SOS Groba e Instituto de Estudos Miñoráns ), denunciaron en rolda de prensa en Santiago de Compostela a situación de emerxencia social na que se atopa o noso país diante da invasión eólica da que está a ser obxecto o medio rural galego.

Amparándose na estratexia de transición enerxética, e nunha carreira por facerse polo fondos europeos da COVID-19 para a recuperación económica, o noso rural está a vivir un auténtico pesadelo: ducias de solicitudes en tramitación que acribillan as nosas aldeas coa instalación de aeroxeradores e liñas de alta tensión. Segundo datos do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) no 2019 tiñamos instalados na Galiza 4.026 aeroxeneradores e unha potencia de 3.900 mw. Na actualidade hai arredor de 275 solicitudes de novos parques da Xunta e do Estado, e segundo a patronal eólica proxéctanse máis de 7.500 mw, case o dobre dos intalados na actualidade.

É unha invasión clara do medio rural: dos 4.000 aeroxeradores que temos instalados a metade están en municipios de entre 2.000 e 4.000 habitantes. Ademais, cómpre lembrar que veñen á engadirse á problemática das concesións mineiras en moitas das comarcas afectadas, constituíndo un auténtico espolio enerxético legalizado pola Xunta de Galicia.

Esta invasión pódese ilustrar con estes tres exemplos:

O Parque eólico Vilartoxo, nos municipios da Baña e Val do Dubra (A Coruña), de Green Capital Power, S.L.. Sitúase nunha zona que recolle uns 127 aeroxeradores en funcionamento, entre eles os correspondentes aos parques de Castelo, Fontesilva, Zas e Corzán, próximos ao ámbito do Parque Eólico Vilartoxo. Nesta zona existe a previsión de instalar 303 aeroxeradores máis.

Parque eólico Alborín, no municipio de Rodeiro na comarca do Deza (Pontevedra), tamén de Green Capital Power, S.L. Nun radio de 5 km ás infraestruturas de evacuación do parque hai 165 aeroxeradores.

Parque eólico Badulaque, nos municipios de As Pontes, As Somozas, Cedeira, Cerdido, Moeche, e Valdoviño (A Coruña), de Enel Green Power España, S.L. Nunha contorna de 20 km arredor do parque eólico proxectado, atópanse na actualidade máis de 37 parques eólicos construídos e unha media de 291 aeroxeradores.

A dimensión global desta problemática pode ser observada a través do Mapa da Ameaza Eólica na Galiza habilitado pola RGSE.

Este escenario implica deixar de coñecer o noso rural como o vimos coñecendo até o dagora. Galiza converteríase nun xigantesco parque industrial. As terras, os montes, converteríanse nunha paisaxe cada vez máis industrial, co abandono progresivo e crecente dos tradicionais mosaicos agro–forestais. O impacto paisaxístico e a fragmentación dos hábitats é inasumible desde o punto de vista do benestar das familias afectadas, o que empeorará o despoboamento rural. Ademais, a perda da biodiversidade que acarrea esta explotación intensiva é totalmente incoherente coa crise climática actual”, abondou Margarida Prieto. “Se o plan da Xunta de Galicia en connivencia con determinadas empresas enerxéticas sigue adiante, estariamos diante da vulneración flagrante de Dereitos Humanos inalienables das persoas individuais e das comunidades rurais.”

O obxectivo da Rede Galega Stop Eólicos é prestar apoio á veciñanza que se enfronta de repente cun macroproxecto deste tipo. Colabora achegando información do que significan estes proxectos, convocando reunións informativas, participando nas que organiza a veciñanza ou elaborando recursos xurídicos e alegacións a todos os proxectos que están saíndo. Tamén damos a alerta en moitos lugares onde, sobre todo fai uns meses, estes proxectos pasarían desapercibidos, xa que como temos denunciado en moitas ocasións, non se dá unha participación e información pública real.

Ante o anuncio en exclusiva a través dun medio de comunicación dunha moratoria para a admisión de novos proxectos de parques eólicos dende xaneiro do ano 2022 até xullo do 2023, a RGSE tildou de “insulto á cidadanía” o feito de que a Xunta de Galicia pretenda presentar esta acción como un xeito de frear a “locura administrativa” da “explosión de proxectos”, cando precisamente a Administración galega distínguese a nivel de todo o Estado por ter elaborado un corpus lexislativo especificamente permisivo para que estas empresas podan contar con prazos de exposición máis limitados, se lles acelere a tramitación e, deste xeito, tentar pasar por riba da oposición da poboación.

A Xunta e a grandes empresas do sector levan anos preparando a normativa par facilitar a implantación destes parques. A Lei de implantación de Actividades Empresariais, a famosa Lei de Depredación aprobada no ano 2017, e posteriormente na Lei de Simplificación Administrativa, déronse as primeiras grandes modificacións da normativa para axilizar a tramitación e dificultar, por non dicir case imposibilitar, á cidadanía a exercer o seu dereito a informarse ou alegar sobre unha afección tan directa e importante nas súas vidas”, explicaron dende a RGSE.

Estas leis ao servizo das empresas enerxéticas fan posible que sexan tramitados como proxectos de interese autonómico e iniciativas empresariais prioritarias tanto os parques eólicos como aquelas infraestruturas “estratéxicas” para continuar co espolio, é dicir, as que serven de conexión futura para a evacuación de moitos outros parques que ata agora ficaban esquecidos. Os parques eólicos son contemplados como proxectos de interese autonómico ou iniciativa empresarial prioritaria, e aplícaselles a declaración de urxencia, que permite reducir os prazos da tramitación á metade, o que supón un período de exposición pública de tan só 15 días.

A lexislación da Xunta de Galicia favorece a propia multiplicación dos clúster empresariais que se alían para pagar menos. Empresas eólicas con intereses comúns na mesma área xeográfica xeran alianzas e crean acordos para sacar adiante un plan industrial eólico encuberto. O resultado: o plan industrial eólico dun clúster preséntase a exposición pública en proxectos fragmentados ou independentes co triplo obxectivo de aforrar custos, conseguir unha tramitación administrativa simplificada e diluír os impactos ambientais do conxunto do Plan, que por outra banda, ao tratarse precisamente un Plan de desenvolvemento eólico para o mesmo ámbito xeográfico, debera ser sometido a avaliación ambiental estratéxica.

Hai múltiples exemplos de fragmentación fraudulenta de grandes Polígonos Industriais Eólicos artificiosamente divididos en pequenas pezas coa evidente intención de saltarse o marco legal.:
Conxunto A Serra da Groba (parques eólicos Albariño I + TorroñaI + Torroña III); Conxunto “Mascaró” en terras de Trives, Manzaneda e Valdeorras (parques eólicos Ventumelo, Neboada, Treboada, Orballeira e Xeada); Conxunto “Mariña Oriental”(parques eólicos Barreiros I, II, III e IV); Conxunto Becerreá – Ancares (parques eólicos Serra do Furco, Serra de Piñeira, Serra do Como, Chan de Marco...) ou o Conxunto Bergantiños (parques eólicos Bustelo-Baralláns, Torreiro, Monte Muriño...).

Logo da mobilización social do sábado 16 en Madrid, e diante da evidencia de burla, engano, falla de transparencia, ocultación de información, obstrución administrativa a nivel municipal, autonómico e estatal... Logo do desprezo absoluto polo rural, pola propiedade do solo, polo patrimonio común... E ante a cantidade de irregularidades que se están a cometer a cada paso, a evidencia do "pelotazo" e ilegalidade continuada... A única saída sería unha paralización definitiva de toda a "maquinaria" administrativa previa ás anulación íntegra do PSEG”, demanda a RGSE.

Esta instalación compulsiva de aeroxeradores enmárcase en proxectos sobredimensionados e sen planificar que non teñen en conta a múltiples afeccións que van a traer. Por unha banda afeccións directas á Rede Natura, tanto das poligonais como das infraestruturas dos parques. Grandes afeccións a solos agrícolas e forestais altamente produtivos, así como a bosques de ribeira, moi importantes na regulación hídrica. Os bosques son os únicos que poden axudar a captar as emisións de CO2, non ten sentido xustificar a loita contra o cambio climático sen un mínimo de ordenación das estruturas eólicas. Graves afeccións a aves ao situar estes parques dentro de zonas sensibles e en zonas de paso durante as migracións destas. Graves afeccións aos bens patrimoniais. Moitos dos parques están situados tamén onde abundan restos arqueolóxicos, moitos deles catalogados e outros sen catalogar.

O plan eólico da Xunta de Galicia e das empresas involucradas no mesmo, bota por terra o plantexamento de sostenibilidade das enerxías renovábeis. Ademais das afeccións nomeadas, implican esquilmar recursos naturais debido aos minerais que se precisan para para a súa construción e os residuos que xeran. E toda estra destrución para que? Para que un puñado de grandes empresas enerxéticas se enriquezan atracando as economías domésticas aproveitándose da nosa dependencia enerxética. Na actualidade o prezo da electricidade é un 44% superior ao do ano pasado. En definitiva, estas empresas, protexidas e reforzadas pola lexislación a medida da Xunta de Galicia, róubannos o rural para vendernos a enerxía.