A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Apoio ás traballadoras do Servizo de Atención aos Fogares

Apoio ás traballadoras do Servizo de Atención aos Fogares

17 de Decembro do 2021

saf

O Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas estará este domingo 19 de decembro apoiando a manifestación convocada polas traballadoras do Servizo de Atención aos Fogares (SAF) ás 12h. con saída dende a Alameda de Santiago de Compostela.

 

Ao longo de todas as nosas etapas vitais, todas as persoas precisamos ser coidadas física e psicolóxicamente dun xeito acorde a cada circunstancia. Tódalas persoas somos interdependentes, e os coidados deben ocupar a pedra angular dunha sociedade que aspire á dignidade vital das persoas que a integran.

Un piar fundamental deste obxectivo irrenunciábel para vivir con dignidade son as traballadoras do SAF, na súa inmensa maioría mulleres. Sen embargo, como adoita facer o sistema capitalista co meirande das responsabilidades que teñen que ver ca sostenibilidade da Vida, estas traballadoras, lonxe de ter un recoñecemento económico e social acorde ao trascendental aporte que fan á sociedade no seu conxunto, son invisibilizadas e insultamentemente desprezadas por unha administración acomodada en infrarremunerar as actividades laborais feminizadas, apoiándose estratexicamente nesta minusvaloración para impulsar ao mesmo tempo un modelo de saúde mental e física privatizados, que converten os coidados de calidade nun luxo ao alcance daquelas persoas con altos niveis adquisitivos que poidan pagar a axuda vital que precisan de xeito particular.

O Partido Popular de Galicia, obcecado en destruír o público para convertelo nun negocio co que a empresas privadas se poidan lucrar cos nosos impostos, utiliza a Xunta de Galicia como un instrumento discriminador que supedita tanto a dispoñibilidade do servizo de atención familiar como a as condicións laborais destas traballadoras aos intereses de empresas que non dubidan en precarizalas até o extremo sen consecuencia administrativa ningunha, non só incumprindo sistematicamente un convenio xa obsoleto, senón negándose incluso a negociar un novo acordo.

Grazas ao traballo absolutamente esencial destas compañeiras, destas mulleres, moitas persoas poden, poderemos, chegar ao fin das nosas vidas no noso fogar e rodeadas dos nosos seres queridos. Sen embargo, elas padecen durísimas xornadas laborais nas que se vén privadas de Equipos de Protección Individual (EPI´s) ou carecendo de axudas técnicas nos domicilios, enfrontando situacións que provocan problemas músculo-esqueléticos, depresións, ansiedade... ademais doutras doenzas derivadas do seu traballo que seguen sen ser recoñecidas como enfermidades profesionais, impedindo reivindicacións tan básicas como posibilidade de acceder a unha xubilación anticipada.

As mulleres que coidan ás nosas persoas queridas son traballadoras pobres e serán xubiladas máis pobres aínda, e tamén enfermas. Cando sexan anciás, ou ante un accidente ou doenza que afecte á súa autosuficiencia, moitas destas traballadoras non poderán acceder aos coidados que elas mesmas proporcionaron durante a súa vida laboral, simplemente porque non o van poder pagar, e porque as listas de espera da Xunta de Galicia para poder acceder a servizos de dependencia a custo reducido son vergoñosamente inmensas.

As traballadoras do SAF atenden a máis de 25.000 persoas dependentes na Galiza. Levan anos loitando para seren escoitadas, pero pasa o tempo e as súas reivindicacións seguen esquecidas por parte das empresas sen que exista un atisbo de vontade de intervención das administracións públicas para subsanar esta situación intolerábel.

Este domingo 19 de decembro, o SLG-CCLL estaremos apoiando ás traballadoras do Servizo de Atención aos Fogares, e queremos tamén sumarnos á súa convocatoria e pedir o apoio de toda a cidadanía. A nosa loita ten como obxectivo situar a vida das persoas e do planeta no centro, se as compañeiras do Servizo de Atención aos Fogares gañan esta batalla, toda a sociedade gañamos con elas.