A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Consellaría das macrogranxas porfía en sepultar as explotacións familiares de vacún de carne

A Consellaría das macrogranxas porfía en sepultar as explotacións familiares de vacún de carne

1 de Febreiro do 2022

AsambleaVacúnCarne20Dec21

Denunciamos que logo de case dous meses, a Consellaría do Medio Rural sigue impedindo, ca súa deixadez e inoperatividade estratéxica, a adopción de medidas para afrontar a grave crise pola que pasan as produtoras e produtores de vacún de carne, na súa inmensa maioría granxas familiares.

O 20 de decembro do 2021 foi trasladado por rexistro un escrito dirixido á Consellería de Medio Rural recollendo as medidas urxentes a aplicar no vacún de carne, elaboradas polo propio sector reunido en asamblea ese mesmo día. Medidas básicas e imprescindíbeis, como a convocatoria inmediata dunha liña de axuda baseada no número de vacas nutrices de cada granxa -ca que si contan gandeiras/os doutras partes do Estado ou de países como Francia-, a creación inmediata dunha mesa sectorial, o establecemento de métodos sinxelos para calcular os custos de produción ou a garantía de cumprimento das medidas pertinentes para non vender os produtos a perdas, son, ademais de responsabilidade propia da Consellaría do Medio Rural, accións sen especial complexidade que unicamente precisan de vontade e seriedade política para a súa a realización.

Este silencio evidencia unha vez máis como a Xunta de Galicia dá as costas ao sector de vacún de carne, nun momento no que é preciso apoialo a curto prazo e lexislar para que a longo prazo sexa viable. Logo da defensa pública do modelo agroindustrial baseado en macrogranxas apoiado recentemente polo conselleiro José González Vázquez, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas non podemos menos que alertar da posibilidade de que, logo de sete semanas sen obter resposta ás demandas das gandeiras e gandeiros do sector vacún de carne, a Administración estea obviando as súas responsabilidades de xeito estratéxico, deixando esmorecer e morrer afogadas as explotacións sen nin sequera establecer un mínimo diálogo co sector, acelerando a destrución da articulación produtiva da nosa terra para deixar o campo libre ao modelo da agroindustria.

De feito, a Consellaría do Medio Rural non só está a empeorar a gravidade da situación nas granxas familiares por pura desidia das súas responsabilidades, senón que inda por riba cando actúa é precisamente para discriminalas, como fixo por exemplo ao excluír das axudas para sectores agrarios afectados pola COVID-19 ás explotacións que teñen menos de 10 vacas nutrices, Orde publicada en decembro do 2020, contradictoria ca normativa europea, e contra a cal o SLG-CCLL ten interposto un recurso contencioso administrativo.

Canda esta denuncia pública da ausencia consciente de actuación ante as demandas do sector e deixadez na execución de funcións, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas reiteramos unha vez máis as esixencias de (1) convocatoria inmediata dunha liña de axuda baseada no número de vacas nutrices que axude a paliar as perdas que actualmente están as sufrir as granxas -e de non convocala, que o conselleiro de Medio Rural dea a cara e explique ao sector por que non se fai nada para mitigar a crise que están a sufrir as explotacións-, (2) convocatoria urxente dunha mesa do sector con todos os axentes implicados -produción, industria e distribución-, e que (3) asuma as súas competencias en lugar de derivalas a terceiros, como está a facer actualmente coas estratexias para a dinamización do sector da carne e do leite.

Dignidade e loita gandeira 

O vacún de carne galego, un dos principais sectores produtivos no tocante á vertebración socioeconómica do noso medio rural, históricamente ten dado conta súa implicación e vontade de loita para defender unha cuestión esencial para a cidadanía como é a produción de alimentos saudábeis, que repercutan positivamente no benestar das persoas e do planeta.

O pasado 20 de decembro un cento de persoas gandeiras convocadas polo SLG reuníronse en asamblea aberta en Lugo co obxectivo de denunciar ante a sociedade e a Xunta de Galicia a precaria situación na que estas granxas se atopan a día de hoxe, a cal, de non ter solución a curto prazo, provocará o peche de centos de granxas por todo o País ao ser absolutamente insostíbel a súa situación económica, marcada polos baixos prezos que perciben polos tenreiros e a subida constante de custos de produción.

Ao finalizar esta xuntanza concentráronse baixo o lema “SOS SECTOR DA CARNE” diante do Edificio Multiusos da Xunta de Galicia -adxuntamos fotos de arquivo-, e procederon ao rexistro da devandita solicitude de medidas á Consellaría que, a día de hoxe, segue sen ter ningún tipo de resposta.