A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Defendemos no CES a xestión pública da auga e garantir o seu acceso por parte da poboación

Defendemos no CES a xestión pública da auga e garantir o seu acceso por parte da poboación

2 de Febreiro do 2022

auga para todas

Nestas semanas está a ter lugar no seo do Consello Económico e Social de Galiza (CES) o proceso de debate e emendas do denominado “Anteproxecto de Lei de Mellora da Xestión do Ciclo Integral da Auga”, o cal modifica a Lei 9/2010 de Augas de Galicia. Este ditame do CES será remitido á Xunta de Galicia, para a súa posterior tramitación como Lei no Parlamento Galego, puidendo ter incorporado as achegas formuladas polo CES, ou non.

No ano 2010 optouse por crear a empresa pública Augas de Galicia para exercer a través dela tódalas competencias en materia de augas da Xunta de Galicia. No seu momento o Sindicato Labrego Galego opúxose a este plantexamento, pois as competencias da administración non deben recaer nunca en empresas, aínda que sexan públicas. Lamentabelmente, o anteproxecto Lei de Mellora da Xestión do Ciclo Integral da Auga mantén esta forma de exercicio das súas competencias, e nalgúns aspectos parece afondar no camiño da privatización, malia que as administracións deberían ir precisamente no sentido contrario, recuperando a xestión pública dos recursos e servizos esenciais para a sociedade.

O representante do SLG no CES trasladou a nosa preocupación por esta nova ofensiva contra os dereitos da cidadanía. Reiteramos que débese evitar a toda costa unha xestión puramente recadatoria e especulativa do acceso á auga, que como elemento esencial e básico, non pode estar supeditado ao poder adquisitivo de cada persoa, e máis tendo en conta a tendencia ao empobrecemento social a través da suba de produtos básicos -alimentación, enerxía...-. As competencias propias das políticas de abastecemento e saneamento, así como a intervención na planificación territorial e urbanística, e tamén a materia tributaria das augas, teñen que quedar en mans das administracións públicas. O benestar da cidadanía e a sustentabilidade do medio ambiente ten que estar garantido.

Ademais, dada a importancia do recurso e a complexidade da súa xestión, debe primarse o apoio necesario para que os concellos que así o decidan, poidan facer unha xestión pública destes servizos, tanto no saneamento como no abastecemento, resultando esencial o apoio que poida prestar Augas de Galicia en diferentes aspectos.

Do mesmo xeito, é responsabilidade dos gobernos garantir o subministro e a calidade da auga para o consumo a toda a poboación, con independencia de se viven no rural ou en áreas urbanas, ou do grado de dispersión do asentamento, asegurando tamén auga suficiente e de calidade para os animais e para a agricultura como actividade de produción de alimentos para a poboación.

Para a vida no rural e o desenvolvemento de actividades agropecuarias ou hortos de autoconsumo, a auga é un elemento fundamental. As explotacións agrícolas e gandeiras sempre dependeron da auga como elemento esencial para desenvolver a súa actividade, e maioritariamente sempre o fixeron mediante captacións propias, sendo moi poucos os casos nos que as explotacións reciben o servizo dunha rede municipal. Con todo, resulta preocupante que no texto do anteproxecto permanezan diferentes disposicións que continúan no camiño de cobrarlle o canon de abastecemento e de vertedura a vivendas que non están recibindo ningún servizo, senón que tiveron que dotarse dos seus propios sistemas de abastecemento e de saneamento, e teñen que afrontar os seus propios custes de xestión e mantemento. Entendemos que non procede a aplicación destes tributos cando non hai prestación de servizos posto que afonda na discriminación das persoas que viven no rural ou exercen actividades vinculadas ao mesmo.

Na proposta presentada pola Administración bótase en falta tamén referencias e contido dirixido ao control dos grandes consumidores de auga que poderían condicionar ou comprometer abastecementos domésticos, así como medidas de control de actividades que poidan resultar contaminantes ou afectar á calidade das aguas. Non hai medidas nin mecanismos de control previstos aínda estando diante de competencias propias da Xunta.

Neste sentido, cómpre lembrar que asistimos no verán pasado a varios episodios de acaparamento das instalacións hidroeléctricas que comprometeron os caudais ecolóxicos e as necesidades da cidadanía, sen que a administración da Xunta actuase dalgún xeito, polo que unha lei que pretende regular o ciclo integral da auga, debería imprescindíbelmente establecer disposicións ao respecto para poder actuar no futuro fronte a estas prácticas abusivas.

Demandamos tamén a habilitación de ferramentas que fomenten a transparencia en canto ás cantidades de auga gastada polos grandes consumidores industriais, volume de vertidos que realizan e pagamentos que lle corresponden polos respectivos conceptos, información que a día de hoxe non se está proporcionando. Abondando nesta liña, dentro dos principios de xestión das augas recollidos no anteproxecto, propomos a inclusión dos de “transparencia, bo goberno e datos abertos na xestión”, para que a cidadanía poidamos acceder aos datos sobre analíticas das augas de consumo das redes de abastecemento, redes que se xestionan, cargas contaminantes detectadas, etc

Tamén vemos como nos últimos anos se están implantando grandes focos de consumo e de contaminación como está a acontecer en diferentes comarcas de Galiza coa proliferación de granxas sen base territorial, que ocasionan un serio problema de contaminación de augas, sen que Augas de Galicia lle poña remedio de forma efectiva, ou limite a apertura de novas explotacións. Algo semellante está a acontecer ca polémica agroindustria Surexport, que acapara en distintas zonas da Galiza grandes cantidades de auga nun sistema de produción moi intensivo, para producir alimentos para a exportación, nun modelo que non respecta os dereitos laborais das persoas, non fixa poboación nas zonas onde produce e deixa contaminación e esgotamento de recursos, poñendo en risco a afectación das capas freáticas. O texto lexislativo que se propón, tampouco recolle ningunha disposición que conteña medidas para afrontar estas ameazas, malia que habida conta do avance agroindustrial, son situacións que poden darse con máis frecuencia no futuro, polo que precisamos as ferramentas necesarias para xestionalas de forma axeitada.