A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Apoio ás mobilizacións convocadas por MODEPEN para o sábado 12F

Apoio ás mobilizacións convocadas por MODEPEN para o sábado 12F

9 de Febreiro do 2022

mobilizacións MODEPEN

As persoas xubiladas de todo o Estado español van volver saír á rúa o próximo sábado día 12 de febreiro. Na Galiza, o Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN) ten convocado dúas manifestacións: unha no sur, en Cangas do Morrazo, e outra no norte, en Ribadeo.

O Sindicato Labrego Galego comparte a reivindicación das organizacións convocantes de revalorización das pensións coa referencia do “Índice de Prezos ao Consumo Anual Acumulado” (“IPC Acumulado”, ou “IPC Real”), co obxecto de garantir o mantemento do poder adquisitivo das pensións. Entendemos que calquera revalorización que fique por debaixo destas cuantías estaría a incrementar a brecha de desigualdade que provocaron as políticas neoliberais das ultimas décadas.

No caso das persoas xubiladas dos sectores agrarios e gandeiros na Galiza, que veñen percibindo pensións que na maior parte dos casos non superan o importe mínimo, a actualización das cuantías resulta imprescindíbel. Por outra parte, as dificultades engadidas para o acceso aos servizos públicos, a cada paso máis precarizados, que teñen as persoas xubiladas que viven no medio rural galego, agrava aínda mais a situación.

O SLG vai participar nestas mobilizacións como xeito de expresar a nosa solidariedade coas persoas xubiladas actuais, pero tamén para demandar un compromiso político explícito co sistema público de pensións para o futuro.