A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Esiximos ao Goberno central e galego atender as reivindicacións do transporte e garantir servizos mínimos

Esiximos ao Goberno central e galego atender as reivindicacións do transporte e garantir servizos mínimos

16 de Marzo do 2022

SA xa

A chegada de penso para alimentación animal e a apertura dos matadoiros, urxente para evitar o colapso das granxas galegas. Opoñémonos a respostas curtopracistas que afondan inda máis no modelo capitalista que nos levou á grave situación actual.

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, participou na mañá de hoxe canda representantes da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), Unions Agrarias (UUAA), Federación Rural Galega (FRUGA) e a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) nunha rolda de prensa conxunta para abordar os impactos da actual folga de transporte nas granxas galegas.

Nestes momentos son varias as fábricas de penso que xa non teñen cereal, polo que non poden atender as demandas das granxas. Os camións cisterna non están podendo levar o leite para as fábricas situadas fóra da Galiza. Tampouco está a ser posíbel o sacrificio de animais nos matadoiros, e hai unha dificultade xeralizada para que saian das fábricas os produtos elaborados, e mesmo para que entren os materiais necesarios para esa elaboración.

Urximos aos Gobernos galego e estatal a sentar co sector do transporte, atender as súas demandas e, no cumprimento das súas responsabilidades como Administración pública, establecer a garantía duns servizos mínimos que eviten o colapso da produción e distribución de alimentos no noso país. As granxas galegas precisamos xa ter asegurada a alimentación animal e o acceso aos matadoiros para evitar un bloqueo agroalimentario e a quebra das explotacións.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos amosar o noso apoio ao sector, sobre todo aos pequenos autónomos, víctimas dun constante encarecemento do combustible exacervado por unha dependencia de combustíbeis externos -e fósiles- da que as organizacións sociais levamos alertando dende fai moito tempo.

Non se pode permitir que nunha situación de emerxencia social como a que estamos vivindo, dende as distintas administracións non haxa absolutamente ninguén liderando o establecemento de medidas de apoio ao sector e para garantir o abastecemento de alimentos saudábeis para o conxunto da poboación, así como a alimentación do gando.

A clase política tense que posicionar: ou está cos dereitos das persoas, ou cos beneficios do Capital. E se realmente os gobernos galego e estatal queren pór fin a esta situación, o que precisamos é o establecemento de dinámicas produtivas e de consumo que poñan fin á depencia de insumos externos nunha cuestión imprescindíbel para a Vida como é a alimentación. A Soberanía Alimentaria, é dicir, o dereito dos pobos a producir a súa alimentación no seu propio territorio a través do modelo agroecolóxico, é unha demanda imprescindíbel para a nosa supervivencia, como vimos repetindo dende fai décadas.

Á situación actual chegamos por culpa de decisións políticas que implementaron un modelo no que uns poucos se aproveitaban das necesidades de toda a sociedade, intensificando a súa dependencia de servizos de pago. Denostar e despreciar o modelo de produción alimentaria labrego e de autoconsumo fomentando a dependencia de importacións a milleiros de kilómetros, dificultar o establecemento de dinámicas de autoabastecemento enerxético ou lexislar para que empresas privadas ocupen terras agrarias para inzalas de explotacións forestais e enerxéticas ao servizo dun puñado de empresas privadas estreitamente relacionadas con partidos políticos que lexislan na materia -como o caso do Partido Popular con ENCE ou Greenalia, por exemplo-, foi a tónica predominante de administracións públicas como a Xunta de Galicia ou o Goberno de España.

Estas institucións non traballaron nestes anos polo ben da súa poboación, senón que foron cómplices necesarios do establecemento de políticas agresivas para a cidadanía, que sitúan como obxectivo final o máximo beneficio de grandes empresas que entenden as nosas necesidades vitais como simples nichos de mercado.

Dende o SLG queremos alertar tamén de que esta destrutiva connivencia cos poderes económicos, lonxe de estar sacándolles as cores ás administracións que hipotecaron a propia supervivencia da cidadanía á que se deben, está a tentar venderse como a resposta para paliar a actual situación. O plantexamento da entrada de alimentos que non respectan as normativas europeas, como é o caso dos alimentos modificados xenéticamente ou o uso de determinado tipo de agrotóxicos, é absolutamente insultante. Agora que o tempo deunos a razón, non imos permitir que as consecuencias das decisións políticas baseadas na avaricia curtopracista do capitalimo neoliberal sexan pagadas pola cidadanía no seu conxunto e quenes precisamente advertimos deste perigo.