A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Lactalis volta secuestrar as granxas galegas e utilízaas como escudo para deixar o leite sen recoller

Lactalis volta secuestrar as granxas galegas e utilízaas como escudo para deixar o leite sen recoller

17 de Marzo do 2022

lactalis secuestro granxas

Malia que o sector do transporte garantíu o subministro de alimentos, algunhas industrias ameazan con non recoller o leite. Valoramos iniciar medidas legais contra aquelas industrias que non se responsabilicen do leite que se neguen a recoller

Ao longo do día de onte, varias industrias fixéronlle saber por diversos medios ás granxas que non lles recollerán o leite. Este é o caso, por exemplo, de Lactalis, Nestlé, Pascual, Inleit ou do comunicado enviado a última hora pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL), indicando que deixarían de recoller leite por mor da folga de transportes.

 

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas queremos salientar que, como vimos de constatar a través de diversos contactos, hai disparidade de situacións, sendo posíbel que a maioría de industrias lácteas manteñan a recollida ás graxas, posto que o compromiso dos convocantes da folga é deixar pasar os camións da recollida e alimentación.

 

Son industrias coma Lactalis, que conta cun longo precedente de prácticas abusivas con respecto ás gandeiras e gandeiros, as que deron aviso de non recollida en todo o Estado. Dende o SLG temos claro que esta industria, responsábel da maior parte de recollidas na Galiza, está usando as granxas como escudo e arma arreboladiza contra esta folga, cando os principais responsables de que non se recolla son eles.

 

No actual escenario non hai causa de forza maior para non recoller o leite ás gandeiras e gandeiros, posto que a os vehiculos de recollida de leite poden circular libremente. A industria que neste momento se estea negando a recoller o leite, terá que responsabilizarse del. Neste sentido, o SLG estudará as vías legais para facer cumprir os contratos. Non admitiremos que a industria, e nomeadamente Lactalis, utilicen as granxas para as súas cobizosas estratexias comerciais.