A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Solicitamos un informe das afeccións da mina San Acisclo (Muras) sobre a Rede Natura e a RB Terras do Miño

Solicitamos un informe das afeccións da mina San Acisclo (Muras) sobre a Rede Natura e a RB Terras do Miño

21 de Marzo do 2022

Muras2

A ampliación, proxectada en plena Rede Natura dentro dunha RB, non conta con avaliación ambiental, nin estudo hidrolóxico. En canto coñecimos a tramitación da nova ampliación mineira, rexistramos alegacións alertando das múltiples irregularidades

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas vén de dirixirse á Área de Relacións Internacionais e Reservas da Biosfera do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, así como á Deputación de Lugo, para que investiguen e se pronuncien ao respecto das irregularidades que arrodean ao proxecto de explotación e o plan de restauración da explotación de recursos mineiros da sección C) de ampliación a San Acisclo número 4076, situada no termo municipal de Muras (Lugo) -un dos 26 concellos da Reserva da Biosfera (RB) Terras do Miño-, da promotora Materiales Cerámicos Materias Primas SL.

O lugar de actuación é un monte totalmente cuberto de vexetación e dominado polo Pico de Escoiras e as paraxes da Pena da Abelaida, Pena Redonda, Ameixón, Sumeiro, Chao do Sumeiro, Cal da Restrebada e Pico do Corno. A mega-explotación divídese en catro frentes: Penalonga, Evelio, Kaspar e Forster. Calquera destes frontes producirían impactos na AEIP_11_11 Serra do Xistral. A poligonal da mesma, que está claramente sobredimensionada, estenderíase incluso á beira oposta do río Landró polas paraxes de Riveira, Castelo García, a Fonte dos Cardos, Carranco, Castrosol e aos núcleos de Cabana, A Rúa, Coto, Margarida, Navallo, o Coto das Pedras… etc. 

Concretamente, dende o SLG-CCLL solicitamos que por parte do Consello Científico, órgano asesor do Comité MaB do Organismo Autónomo Parques Nacionales (OAPN), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sexa emitido un informe sobre a afección desta explotación mineira á conservación da superficie de hábitats da Rede Natura e afección aos valores da Reserva da Biosfera Reserva Terras do Miño, dado que se proxecta en zona proposta para a ampliación da Rede Natura.

Plagado de irregularidades, cómpre destacar en primeiro lugar que o proxecto presentado pola promotora para a extracción de feldespato é idéntico ao denegado pola Xefatura Territorial o 31/10/2019, pero visado en distinta data. Engádese a este feito novas alarmantes circunstancias, como que o novo proxecto mineiro de San Acisclo non conte nin tan sequera con avaliación ambiental nin estudo hidrolóxico, ou que a ampliación mineira estea proxectada plenamente na zona de ampliación de Rede Natura, cas múltiples afeccións que isto suporía.

A sumar a todas estas irregularidades manifestas, dende o Sindicato Labrego  entendemos tamén que os dereitos mineiros non están vixentes,  e así consta en informes recentes da propia Xefatura Territorial de Lugo, dado que non foron consolidados -conforme o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 22/1973- por informe negativo da Delegación Provincial.

Á vista do catálogo de ilegalidades que parece acumular este proxecto de explotación mineria, lembramos tamén que resulta moi sospeitoso o total oscurantismo que planea sobre estes expedentes. De feito, dende o Sindicato Labrego Galego vímonos obrigadas a acudir á Valedora do Pobo en maio do ano pasado para poder ter acceso a infomación, xa que por parte da Consellaría de Industria paralizaron/arquivaron en varias ocasións as nosas solicitudes de información no ano 2020 e 2021.

Xa a principios deste mesmo mes presentamos tamén alegacións contra a aprobación deste proxecto.

Agardamos que a Deputación de Lugo e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico fagan valer o principio de precaución e paralicen a ampliación desta explotación mineira ate que sexan emitidas as conclusións do informe de afeccións solicitado.