A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Conselleira impide por segunda vez un pronunciamento do COGAMADS sobre a invasión de polígonos eólicos

A Conselleira impide por segunda vez un pronunciamento do COGAMADS sobre a invasión de polígonos eólicos

31 de Maio do 2022

GZlibredemacroeólicos2

Nos días previos á segunda manifestación nacional contra os macroeólicos, a conselleira bloquea este órgano medioambiental. Solicitamos novamente a inclusión das demandas realizadas na anterior xuntanza e eliminación dos artigos 6 e 7 do RD 6/2022

Logo das irregularidades e abrupta finalización da anterior sesión, celebrada o pasado 26 de xaneiro -que motivaron a denuncia diante da Valedora do Pobo por parte do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL)-, na tarde de hoxe a Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, cun denso e farragoso argumentario baseado en voltar a culpa ao PSOE da desproporcionada vaga de solicitudes de polígonos eólicos, negouse reiteradamente a permitir un pronunciamento público por parte do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (COGAMADS).

Fronte á negativa de Vázquez, apelando ao regulamento de funcionamento do propio Consello, Diego Sánchez Agra, vogal do SLG-CCLL, reiterou a solicitude de inclusión na orde do día da vindeira xuntanza das solicitudes efectuadas no anterior pleno e ás que non se lle dou ningún tipo de resposta, nomeadamente:

1)A elaboración dun pronunciamento en forma de acordo sobre a necesidade de paralización dos informes e concesións de parques eólicos mentres non se revise o Plan sectorial eólico de Galicia e se someta a avaliación ambiental estratéxica. Instando, tamén, a que se establezan criterios de avaliación que eviten o fraccionamento dos proxectos e, por tanto, a emisión de informes parciais sobreo os seus impactos.

2)A promoción dun cambio na lexislación para que se protexa mellor á cidadanía, ao medio ambiente, ao patrimonio. Este texto debería facer mención explícita á necesidade de derogar as leis 5/2017 e 9/2021, polo que afectan á protección do territorio e ós valores medioambientais.

3)Encargar a elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego.

Aliás, o vogal do SLG-CCLL fixo uso da quenda de rogos e preguntas para solicitar por parte do COGAMADS un pronunciamento de apoio á supresión dos artigos 6 e 7 do Real Decreto-Lei 6/2022, en periodo de emendas até mañá, habida conta de que establecen modificacións na tramitación de proxectos eólicos e fotovoltaicos que limitan ou suprimen os trámites de avaliación ambiental e participación pública.

A menos dunha semana de que por segundo ano consecutivo milleiros de galegos e galegas expresen a súa preocupación pola imposición masiva de polígonos industriais eólicos no noso medio rural, e dado que o Consello Galego de Medio Ambiente voltou dar conta hoxe dun alarmantemente bloqueo por parte da Conselleira Ángeles Vázquez para impedir un pronunciamento ao respecto por parte deste órgano medioambiental de participación cidadá, Diego Sánchez Agra interpelou directamente á Conselleira: “Para que serve o Consello Galego de Medio Ambiente? Para que serve un órgano colexiado, se só veñen aquí a informar, se as aportacións que se fan aos documentos e proxectos que nos expoñen non son recollidas para melloralos, se nunca se vota nada, se non se dá curso ás solicitudes dos/as vogais? No COGAMADS estase impedindo a participación pública da cidadanía e das organizacións sociais. Dende o SLG no imos consentir órganos consultivos de paripé”.

Tamén, ante as queixas de Ángeles Vázquez polas críticas públicas ás irregularidades acaecidas na anterior convocatoria do COGAMADS manifestadas polo SLG e outras organizacións sociais; Agra puntualizou á Conselleira de Medio Ambiente que ela non só está a permitir este tipo de circunstancias no Consello Galego de Medio Ambiente, senón que foi protagonista mesmo da irregularidade ao abandonar precipitadamente a xuntanza eludindo tratar temas planteados na mesma.

Negativa á aprobación da acta

A convocatoria de hoxe, adiada en varias ocasións, viña precedida xa da denuncia pública por parte de varias organizacións ecoloxistas integrantes do COGAMADS da falta de exactitude da acta da xuntanza anterior. O vogal do SLG-CCLL, manifestando o seu apoio a esta denuncia, interveu para explicar que, “mentras non se corrixa a acta, adecuándoa á realidade, nós non podemos aprobala. Se non se fai a modificación, teremos que solicitar copia da gravación. Quen di nós, di a Valedora do Pobo, que supoño xa se tería posto en contacto con vostedes, ou a quen corresponda derivado das reclamacións xudiciais que se poidan dar”.

Finalmente a acta foi aprobada, cas votacións en contra do SLG e a CIG, e as abstencións de UUAA e a UDC -previa intervención para manifestar que consideraban que non se axustaba á realidade do acontecido na anterior xuntanza-.