A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG demanda que a CMR garanta prezos por riba dos 6,20€/kg de custos de produción que ela mesma calcula

O SLG demanda que a CMR garanta prezos por riba dos 6,20€/kg de custos de produción que ela mesma calcula

2 de Xuño do 2022

vienesas

A CMR confirma que as granxas seguen vendendo a perdas: 6,20€/kg custos de produción fronte aos 5,20€/Kg prezo de venda. O SLG desenvolve campaña de asembleas para informar dos termos do Protocolo, do seu incumprimento e valorar accións.

Este pasado luns a Consellería de Medio Rural (CMR) presentou un estudo de custo de produción no sector cárnico que evidencia con claridade que as granxas galegas seguen a vender a perdas. Dito informe fixou o custo de produción arredor dos 6,20€/kg. , pero a día de hoxe o prezo que perciben as produtoras, no mellor dos casos, non supera os 5,20€/kg., non sendo tan sequera este o prezo xeralizado.

Malia que algunha das partes asinantes deste Protocolo pretende obviar a realidade e seguir cualificando este documento como “histórico”, o certo é que a día de hoxe séguese sen cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e as granxas galegas vendendo a perdas, e en moitos casos pensando no peche.

Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos á Xunta de Galicia que cumpra coas súas obrigas e cree os mecanismos que contempla a Lei da Cadea Alimentaria de xeito inminente, establecendo os mecanismos de control e sanción que estean na súa man para evitar que as granxas sigan a vender a perdas, e que se deixe de fotos e vender fume con falsos representantes do sector cun protocolo que xa está confirmado que nin serviu nin vai a servir para nada.

Así mesmo, esiximos activación urxente dunha liña de axudas dende a propia CMR para paliar a difícil situación que atravesan as granxas galegas, e que de xeito inmediato a IXP Tenreira Galega fixe os prezos tomando como referencia este estudo de custos de produción, fixando polo tanto o prezo mínimo da mesa en 6,20€/kg.

A pesares de non termos asinado o Protocolo, lembramos á CMR que ten a obriga de escoitar ás granxas que forman parte do SLG, absténdose de tentar silenciar ou apartar as voces que non fan a campaña política de turno que quere a Consellería.

Conselleiro Vázquez, tome en serio as medidas debatidas na estratexia para a dinamización do sector da carne impulsada pola propia Consellaría do Medio Rural a través da Fundación Juana de Vega, espazo no que se están reunindo dende fai meses todos os axentes do sector, ainda que partes asinantes do cacarexado acordo pretendan restarlle valor a este verdadeiro foro de traballo.

Dende o SLG seguiremos a convocar asambleas polas distintas comarcas, sendo a máis próxima en Becerreá o 17 de Xuño, para informar ás granxas do contido deste Protocolo, explicar as razóns polas que a Dirección da Carne do SLG non asinou, e coñecer que medidas concretas valoran as granxas que se teñen que levar a cabo para que CMR e industrias respecten os seus propios documentos.

 

Protocolo insuficiente

No pasado mes de marzo, a CMR presentou un borrador para a dinamización do sector do vacún da carne entre produtoras, industria e granxas. Este documento foi valorado nese momento por parte da propia Consellería e por algunhas das organizacións de produtoras como “histórico”, porque supostamente ía impedir que as granxas galegas deixaran de vender a perdas.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) fixemos chegar á Consellería de Medio Rural achegas que entendíamos eran necesarias para facer que este acordo fose útil para as granxas galegas e non fora papel mollado. Ante a negativa da CMR de incluír as medidas propostas polo SLG no acto de firma do pasado 25 de marzo, o SLG non asinou, dado que o protocolo non fixaba ningunha das reivindicacións históricas do sector, e non tiña ningunha medida concreta que a curto prazo mellorara a situación das granxas galegas.