A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Só a enerxía pór e para o pobo é unha enerxía xusta e sustentábel. Eólica así non. Temos alternativa

Só a enerxía pór e para o pobo é unha enerxía xusta e sustentábel. Eólica así non. Temos alternativa

4 de Xuño do 2022

EnerxíaPorEParaOPobo

Manifestación o domingo 5 de xuño, ás 12.00h. en Santiago de Compostela, convocada pola coordenadora “Eólica así non”. Marco legal de 1997, falsas moratorias, bloqueo do COGAMADS e sentenzas condenatorias evidencian a conivencia da Xunta co oligopolio enerxético.

Canda milleiros de galegas e galegos, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participará este vindeiro domingo 5 de xuño, Día do Medio Ambiente, na mobilización convocada ás 12h. en Santiago de Compostela pola coordenadora de organizacións sociais e veciñais “Eólica así Non”, da cal formamos parte.

Logo dun ano dende que a sociedade galega visibilizara a súa preocupación pola vaga masiva de solicitudes de instalación de polígonos industriais eólicos, o goberno da Xunta de Galicia e, nomeadamente, a Consellaría de Medio Ambiente capitaneada por Ángeles Vázquez, seguen a ser os principais cómprices dos abusos do oligopolio enerxético no noso país.

A Xunta de Galicia négase a actualizar o Plan Eólico aprobado no ano 1997, manifestamente obsoleto para as novas xeracións de parques eólicos, que contemplan centos de muíños case tres veces máis altos ca Catedral de Santiago pegados ás aldeas, a 500 metros dos núcleos poboacionais, e a 200m. de vivendas “illadas”. O informe emitido polo Consello da Cultura Galega en decembro do 2021 identifica claramente esta grave situación.

A Xunta de Galicia modificou o marco legal para dificultar que a poboación poda defenderse destes xigantes empresariais. O goberno do Partido Popular de Alberto Núñez Feijoo, a través da Lei de Implantación de Actividades Empresariais -a famosa Lei de Depredación aprobada no 2017 polo PP facendo valer a súa maioría absoluta nun clima de fortes protestas sociais- e da Lei de Simplificación Administrativa aprobada a principios do 2021, configurou un marco legal ao servizo dos intereses da patronal eólica, que provocou a actual situación de presión territorial insostíbel que está a converter Galiza na colonia enerxética do resto de Europa. A redución de tempos de exposición dos proxectos de 30 a 15 días impostos por estas leis, xa irregular no momento da súa propia aprobación, habida conta de que contradecía o estipulado na Directiva Europea de Medioambiente, conta xa con sentenzas xudiciais que consolidan a súa ilegalidade.

Foi tamén o Partido Popular quen, instrumentalizando a Xunta de Galicia, tentou desmobilizar á poboación afirmando, a través dun único medio de comunicación seleccionado ao efecto, a aprobación dunha falsa moratoria de parques eólicos. Dende a súa suposta entrada en vigor o 1 de xaneiro deste ano, o DOG anunciou a tramitación de 25 parques eólicos de competencia galega. Por certo, de competencia estatal saíron só arredor de 6, quen elabore os argumentarios da Conselleira Vázquez ao estilo clásico de “a culpa é do PSOE”, debería primeiro coñecer a existencia do DOG e do BOE.

Pola súa banda, a Conselleira de Medioambiente, Ángeles Vázquez, seguindo a liña de actuación da anterior conselleira, Beatriz Mato, que viu premiado o seu servilismo aos intereses das empresas enerxéticas con un posto de traballo no Consello Executivo de Greenalia -unha das empresas ás que máis proxectos eólicos lle está a tramitar a Xunta de Galicia-, bloqueou dúas veces en seis meses -en xaneiro e esta mesma semana- a posibilidade de que o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel (COGAMADS) poda pronunciarse ao respecto da pertinencia dunha verdadeira moratoria que poña fin á tramitación compulsiva de parques eólicos.

Canda esta conivencia gubernamental, imprescindíbel para dar cobertura ás obscenas intencións de estragar o medioambiente, contaminar as augas, expulsar á poboación das súas casas e logo converter a electricidade nun produto de luxo polo que nos chegan a cobrar a máis de 700€/MWh, algunhas destas empresas non dubidan ademais en importar as tácticas de desarticulación social postas en marcha para esquilmar recursos nos países en vías de desenvolvemento, encargando investigacións que identifiquen líderes ou grupos de persoas que están articulando a defensa da nosa terra, ou organizando xuntanzas ca empresa e persoas expertas supostamente independentes.

A loita por un modelo enerxético xusto e sustentábel segue a fortalecerse na Galiza. Son milleiros de alegacións as presentadas. Somos milleiros de persoas as que temos a determinación de non deixar pasar este abuso. A enerxía é un ben básico, a especulación e encarecemento premeditado da mesma para enriquecer unhas poucas compañías a costa do maltrato a millóns de persoas só cabe ser respostada cunha forte confrontación dende tódolos ámbitos, e a posta en marcha de accións que nos leven a acadar unha soberanía enerxética que nos protexa desta violencia económica e maltrato medioambiental.