A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG coordina a elaboración dunha campaña europea contra a explotación agroindustrial

O SLG coordina a elaboración dunha campaña europea contra a explotación agroindustrial

21 de Xuño do 2022

Durante a rolda de prensa

Acción reivindicativa ás 17.45h. de hoxe, martes 21, nas instalacións de Surexport no Arneiro (Cospeito; Lugo). "Agroecoloxía ou barbarie. Como nos maltrata a agroindustria", xornada aberta, mañá no Centro de Interpretación (Belvís).

Conchi Mogo (SLG-CCLL); Federico Pacheco (ECVC); Laurent Vonwiller (UNITERRE), Catherine McAndrew (Land Workers Alliance, LWA) e Nina Gordillo (Sindicato de Obreros de Campo-Sindicato Andaluz de Trabajadores, SOC-SAT), integrantes do Grupo de Traballo de Migración e Traballo Rural da Coordenadora Europea de La Vía Campesina (CEVC), presentaron na mañá de hoxe en rolda de prensa a xornada internacional “Agroecoloxía ou Barbarie. Como nos maltrata a Agroindustria” [PROGRAMA DA XORNADA]. Aberta ao público, o encontro terá lugar mañá, mércores 22, no Centro de Interpretacións de Belvís (Compostela) de 10h. a 19.30h.

 “Dende a súa constitución na década dos 90, o movemento labrego internacional La Vía Campesina -do que as organizacións hoxe presentes facemos parte- vimos denunciando as graves consecuencias que ten o avance agricultura industrial: acaparamento de terras, contaminación de terras e augas provocadas polo consumo intensivo de pesticidas, aceleramento do despoboamento rural, aumento de alerxias, cáncer e outras enfermidades vinculadas á comida industrial ...” -contextualizou a representante do SLG-CCLL, Conchi Mogo-.

Fronte a este escenario perigoso para a saúde das persoas e do medioambiente, é fundamental que a cidadanía tome parte, a través das súas eleccións como persoas consumidoras, no apoio á agricultura labrega, que é o único xeito de producir alimentos sans coidando das persoas que os producen, das que os consumen, da terra, das augas e do territorio. “Para fortalecermos esta alianza, dende o GT de Migración e Traballo Rural da CEVC consideramos fundamental sacar á luz que tipos de circunstancias abusivas son as que se agochan tra-los prezos dos produtos agroindustriais -abondou a representante do SLG-CCLL-. A xornada que levaremos adiante mañá no Centro de Interpretación de Belvís (Compostela) ten o obxectivo de contribuír a difundir esta vision máis ampla. Abordaremos a situación de explotación laboral e vulneración de dereitos humanos da que se aproveitan as industrias agrícolas para seguir impoñendo o seu negocio, un dos seus aspectos máis coñecidos, pero tamén o deterioro de terras agrarias e augas provocado polo emprego produtos químicos, as inxerencias destes conglomenrados agroindustriais nos mercados alimentarios que impiden que as labregas e labregos podamos obter prezos xustos polos nosos produtos, a degradación do medio rural en espazos industrializados, a perda de biodiversidade, etc.

Ademais das reprentantes do GT da CEVC, participarán na xornada aberta de mañá entidades aliadas en Europa (CNA, Portugal; Solidariedade Imigrante-SOLIM; Extinction Rebeletion...), no Estado español (Amigos de la Tierra, WWF, Justicia Alimentaria, Revista Soberanía Alimentaria, Fundación Mundubat, Ecologistas en Acción.... ) e na Galiza (FRUGA; CCOO; CIG; CUT, Marcha Mundial das Mulleres, Salva la Selva, Enxeñería Sen Fronteiras, Labregos DAIQUÍ, Foro Galego de Migración...). “Do traballo desenvolvido nesta xornada, canda o avanzado nunha xornada de traballo interna que terá lugar o xoves 23, temos o obxectivo de artellar unha estratexia e unha campaña común de denuncia dos abusos agroindustriais”, avanzou Mogo.

En segundo termo, Federico Pacheco destacou que a inclusión da agricultura dentro da Organización Mundial do Comercio (OMC) na década dos noventa do século pasado provocou “a mercantilización da produción de alimentos, e a día de hoxe a situación é de monopolio e concentración do poder: unhas poucas empresas controlan as sementes, o abono, a maquinaria...”. Porén, malia que esta concentración destrúe a economía labrega, a día de hoxe un 60% da alimentación mundial segue a ser proporcionada por labregas e labregos. “O avance da agroindustria pode ser revertido. Dende o movemento labrego mundial La Vía Campesina, propoñemos a agroecoloxía como modelo produtivo e a soberanía alimentaria como marco para as políticas agroalimentarias. Queremos un comercio local que respete a soberanía dos países, que garanta condicións xustas para o campesiñado (recursos, acceso a terras, políticas públicas...) e para as traballadoras/es rurais, moitas veces persoas migrantes que precisan dunha rede de apoio reforzado”, explicou Pacheco. “Con estas xornadas procuramos algo importante: ver dende unha visión global como combater este modelo agroindustrial e defender o modelo labrego dende unha visión integrada: campesiñado, traballadoras/es rurais, clima, terra, augas, etc. Tamén seguiremos socializando e difundindo as nosas propostas dende a LVC: soberanía alimentaria, agroecoloxía, reforma agraria campesina e popular, Declaración dos Dereitos Labregos aprobada pola ONU, feminismo campesino popular...”.

Laurent Vonwiller, pola súa banda, destacou a importancia de coñecer a situación na Galiza, un territorio onde a agroindustria inda non está imposta ao nivel doutras áreas do Estado español, como Huelva, Almería, Murcia... “Queremos saber como se está reaccionando aquí á introdución do modelo agroexplotador da man da empresa de exportación de froitos vermellos Surexport, instalada xa na Terra Chá. Queremos ver que podemos facer para protexer e fortalecer a agricultura labrega onde inda non avanzou tanto a industrial. A partir da experiencia de Galiza poderemos extraer modelos de resistencia e de tránsito cara unha recuperación do modelo campesiño”. Ademais, enfatizou Vonwiller, “no plano social é importante denunciar a precariedade absoluta na que viven as persoas traballadoras destas explotacións industriais, habitando infravivendas, cobrando por embaixo dos salarios estipulados, presionadas nos seus postos de traballo, atacadas durante as súas reivindicación... E acadar unha solidariedade e alianzas a nivel local, nacional e internacional”.

Nesta mesma liña, Nina Gordillo do SOC-SAT afirmou “é vital para o noso sindicato a realización deste tipo de xornadas. Levamos máis de vinte anos traballando en zonas como Huelva, onde non existe ningún tipo de respecto ás traballadoras rurais, con unha explotación grandísima. Estamos contentas e consideramos moi fructífero ter este espazo de traballo”.

Catherine McAndrew pechou a rolda de prensa poñendo o foco sobre o poder das persoas consumidoras para, cas súas eleccións no momento de comprar, fomentar modelos de produción de alimentos respectuosos co medioambiente e as persoas, fornecendo alimentos sans e de calidade. “Unha das nosas liñas de traballo dende a CEVC é confrontar ás superficies comerciais que obteñen beneficios poñendo á venda os produtos destas industrias. Recentemente levamos adiante con éxico unha campaña de presión desenvolvida recentemente en Almería contra o xigante mundial da distribución TESCO”.

 

Acción reivindicativa en Surexport (LUGO)

Na tarde de hoxe terá lugar unha acción reivindicativa nas instalacións da empresa Surexport no Arneiro (Cospeito, LUGO: https://goo.gl/maps/cVgXW7gJLzb7cdKD6), ás 17.45h.

Agroexplotación fóra da Galiza

Dende o mes de xullo do ano pasado dende o Sindicato Labrego Galego iniciamos unha campaña de visibilización e denuncia das prácticas abusivas que a agroindustria de froitos vermellos, e nomeadamente a empresa andaluza de proxección internacional Surexport, está trasladando á Galiza. No marco da mesma realizouse unha concentración nas instalacións de Surexport na Terra Chá (Lugo) e unha acción de visibilización nas superficies comerciais.

 Máis recentemente, no mes de abril do presenta ano, representantes do Sindicato Labrego Galego participaron nunha delegación internacional de La Vía Campesina (LVC) que se desprazou a Huelva (Andalucía) e Odemira (Alentejo-Portugal) para coñecer sobre o terreo as condicións das persoas traballadoras, na súa maioría inmigrantes, da produción de amorodo e outros froitos vermellos nesas rexións.