A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Destrución agroindustrial: acapara terras, contamina augas, escraviza persoas, aniquila o medio rural vivo

Destrución agroindustrial: acapara terras, contamina augas, escraviza persoas, aniquila o medio rural vivo

22 de Xuño do 2022

agroecoloxíaoubarbarie

Agroecoloxía ou barbarie. Como nos maltrata a agroindustria”, xornada no Centro de Interpretación de Belvís (Compostela). O GT de Migración e Traballo Rural da CEVC prepara dende Galiza unha campaña internacional contra a agroindustria

Ao longo do día de hoxe o Sindicato Labrego-Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) está desenvolvendo en Santiago de Compostela (Centro de Interpretación de Belvís, de 10h. a 19.30h.) a xornada internacional aberta ao público “Agroecoloxía ou Barbarie. Como nos maltrata a Agroindustria”, ca participación do Grupo de Traballo de Migración e Traballo Rural da Coordenadora Europea de La Vía Campesina (CEVC).

Ademais das reprentantes do GT da CEVC, están a participar na xornada entidades aliadas na Europa (CNA, Portugal; Solidariedade Imigrante-SOLIM; Extinction Rebeletion...), no Estado español (Amigos de la Tierra, WWF, Justicia Alimentaria, Revista Soberanía Alimentaria, Fundación Mundubat, Ecologistas en Acción.... ) e na Galiza (FRUGA; CCOO; CIG; CUT, Marcha Mundial das Mulleres, Salva la Selva, Enxeñería Sen Fronteiras, Labregos DAIQUÍ, Foro Galego de Migración...).

A análise dos impactos agroindustriais estructurouse nos eixos “Non queremos agroindustria. Queremos agricultura labrega”, “A agroindustria maltrata ás persoas: a explotación laboral e social”, “A agroindustria é machista e patriarcal” e “O impacto da agroindustria no medioambiente”.

A Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba, encetou a xornada introducindo a campaña “Surexplotación fóra da Galiza”, activada dende o ano pasado contra os abusos laborais e medioambientais da empresa onubense de exportación internacional de froitos vermellos Surexport, instalada na Terra Chá.

Vilalba alertou sobre o espolio de recursos do modelo intensivo destas agroindustrias, contrapoñendo o valor do modelo territorial galego, revindicando o minifundio como un sistema de articulación de terras máis equilibrado, e orientado cara a alimentación da nosa poboación. Porén, enfatizou, “na Galiza a tendencia é a desaparición de terras agrarias; a día de hoxe temos tan só un 21% de superficie agraria útil, é moi escasa, precisamos incrementala para poder producir alimentación de calidade para o noso pobo. No noso país, malia térense habilitado ferramentas como o Banco de Terras, as administracións non se comprometeron co seu desenvolvemento, apoiando pola contra a mobilización de grandes extensións de terra, poñendo os recursos do noso país ao servizo destas grandes empresas, non de quen habita e dá vida ao territorio e fai unha produción biodiversa”.

O modelo global está orientado ao mercado internacional -abondou a Secretaria Xeral do SLG-CCLL-, non ás necesidades alimentarias da poboación. Vivimos nun planeta no que 193 milllóns de persoas están en situación de fame. Grandes porcentaxes de poboación están limitadas na posibilidade de acceder a alimentos, dado que as terras empréganse para monocultivos intensivos orientados á exportación, en lugar de estar orientadas a fornecer unha alimentación nutricionalmente diversa e saudábel. Ademais, a agroindustria vai en moitos casos da man da expulsión das persoas que viven nos lugares onde se queren instalar, en ocasións mesmo atacando á poboación directamente. É unha ameaza á que dende La Vía Campesina vimos facéndolle seguemento dende a nosa constitución, a través da nosa estructura internacional. Poderíamos tomar o exemplo do Brasil, onde 1.833 persoas labregas e dirixentes sociais foron asasinadas só entre o ano 1985 e 2007”.

A destrucción do modelo labrego de produción de alimentos mediante a imposición da industrialización agraria é ademais unha setenza de morte para a biodiversidade e poboación das contornas onde se instalan. “As persoas que viven perto dunha explotación agroindustrial padecen as fumigacións e outras prácticas nocivas para a saúde das persoas e do planeta. As labregas e labregos viven onde producen, o coidado da terra é inherente ao seu propio rol como produtoras de alimentos. Os donos das agroindustrias, en cambio, non viven nin dentro nin ao lado das súas fábricas contaminantes”, apuntou Isabel Vilalba.

Laurent Vonwiller, da organización suíza UNITERRE, apuntou que o desenvolvemento da agricultura industrial está vinculado á expansión do neoliberalismo a nivel económico e político. Vonwiller situou as raíces do modelo agroindustrial na propia agricultura colonial, salientando como cuestión central o feito de seren sistemas produtivos que distorsionan a orientación natural das producións alimentares. A consideración da alimentación como produto en lugar de como un dereito son comúns a ámbolos dous sistemas.

Nina Gordillo, traballadora en campos de recolección de froitos vermellos e representante do Sindicato de Obreros de Campo-Sindicato Andaluz de Trabajadores (SOC-SAT) afirmou “é un perigo para a vosa terra a agricultura que están tentando implantar aquí. Aquí inda se pode actuar, inda podedes paralizar a expansión destas industrias que vulneran os dereitos humanos e destrúen o medioambiente”. Ademais, explicou, “non só non respectan os dereitos laborais, senón que as súas aberracións en zonas como Huelva chegan ao punto de acoso sexual e violacións ás mulleres traballadoras”.

A xornada “Agroecoloxía ou Barbarie. Como nos maltrata a agroindustria” continuará situando ao longo do día de hoxe os principais perigos e ameazas que acarrea a instalación da agroindustria nos territorios, impactos negativos que se producen dende o primeiro momento: acaparamento de terras, escravitude laboral, violencia machista, racismo, contaminación de terras e augas, expulsión do campesiñado, despoboamento rural e, en definitiva, a aniquilación dun medio rural vivo no que as labregas e labregos podamos producir alimentos que coiden da saúde das persoas e do planeta.

Fronte a este escenario perigoso para a saúde das persoas e do medioambiente, é fundamental que a cidadanía tome parte, a través das súas eleccións como persoas consumidoras, no apoio á agricultura labrega, que é o único xeito de producir alimentos sans coidando das persoas que os producen, das que os consumen, da terra, das augas e do territorio.

Do traballo desenvolvido nesta xornada, canda o avanzado nunha xornada de traballo interna que terá lugar mañá, o GT de Migración e Traballo Rural da Coordenadora Europea de La Vía Campesina (CEVC) ten o obxectivo de artellar unha estratexia de denuncia dos abusos agroindustriais para desenvolver a nivel internacional.

Agroexplotación fóra da Galiza

Dende o mes de xullo do ano pasado dende o Sindicato Labrego Galego iniciamos unha campaña de visibilización e denuncia das prácticas abusivas que a agroindustria de froitos vermellos, e nomeadamente a empresa andaluza de proxección internacional Surexport, está trasladando á Galiza. No marco da mesma realizouse unha concentración nas instalacións de Surexport na Terra Chá (Lugo) e unha acción de visibilización nas superficies comerciais.

Máis recentemente, no mes de abril do presente ano, representantes do Sindicato Labrego Galego participaron nunha delegación internacional de La Vía Campesina (LVC) que se desprazou a Huelva (Andalucía) e Odemira (Alentejo-Portugal) para coñecer sobre o terreo as condicións das persoas traballadoras, na súa maioría inmigrantes, da produción de amorodo e outros froitos vermellos nesas rexións.