A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Polo FUTURO do VACÚN DE CARNE. Polo FUTURO da NOSA COMARCA Inicio de campaña en Xinzo de Limia

Polo FUTURO do VACÚN DE CARNE. Polo FUTURO da NOSA COMARCA Inicio de campaña en Xinzo de Limia

31 de Agosto do 2022

xinzo310822--

O SLG-CCLL arranca campaña para demandar solucións institucionais ás problemáticas que afrontan as granxas de carne. Reivindicamos prezos xustos, diferenciación do produto, mesa sectorial, matadoiros comarcais, SAU e apoios económicos

Dende fai anos o sector vacún de carne é víctima dun absoluto desleixo por parte das administracións públicas que está a empurrar ao peche ás pequenas e medianas granxas galegas. “Estamos vendo como continuamente están a aumentar os nosos custos de produción; como non existen mecanismos reais que eviten que nos merquen o noso produto a perdas e garantan un verdadeiro poder de negociación; como nos recortan nas axudas da PAC que percibimos para ir parar a mans de explotacións intensivas dun modelo desligado totalmente da terra e dunha produción de alimentos saudábel, ou como os nosos tenreiros, criados nun modelo sostible, con benestar animal e dun xeito tradicional, non están a ter ningunha diferenciación no mercado respecto dos produtos do modelo agroindustrial”, exemplifica o responsábel do sector vacún de carne no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Samuel Formoso.

A campaña do SLG-CCLL “Polo Futuro do Sector Vacún de Carne. Na defensa das nosas comarcas” deu inicio na mañá de hoxe cunha concentración reivindicativa na Praza Carlos Casares (Xinzo de Limia), acompañada da entrega ás formacións políticas presentes no Concello dunha batería de medidas a activar de xeito inmediato para abordar a crise na que a alza de custos de produción, os baixos prezos ás produtoras/es e, de xeito destacado, a falta de asunción de responsabilidades por parte das distintas administracións, teñen sumida ás granxas de vacún de carne do noso país:

1) Rectificación por parte do Ministerio de Agricultura para incluír de xeito inmediato na orde de axudas por mor da crise de Ucraína o pago por xato cebado nas granxas tradicionais, e compromiso por parte da Xunta de Galicia de incluír este pago na axuda complementaria á anterior. Así mesmo, esiximos á Xunta de Galicia que deixe de xogar cos nosos cartos lucrando indirectamente ás entidades bancarias, e que en lugar de autorizar o anticipo desta nova axuda vía bancaria, dun xeito pouco ou nada transparente, que a convoque de xeito urxente permitindo o cobro polos becerros tamén das granxas de vacún que fan cebo tradicional.

2) Creación de métodos sinxelos e accesíbeis para o cálculo dos custos de produción das granxas, e que estes cálculos se trasladen de xeito inmediato ao prezo que percibimos polo noso produto, garantindo lexislativamente que non se poida mercar por debaixo dos custos de produción. Así mesmo, esiximos á Xunta de Galicia que faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e tome dende xa como referencia o prezo dos custos de produción calculados no seu propio estudo o pasado mes de Xuño (6,30€), e que a ningunha granxa se lle poda mercar por debaixo deste prezo.

3) Creación dos mecanismos necesarios para unha diferenciación clara do noso produto fronte a alimentos criados dentro dun modelo intensivo, e que esta sexa perceptible dun xeito claro para as persoas consumidoras.

4) Convocatoria urxente dunha mesa sectorial por parte da Xunta de Galicia, composta polas persoas produtoras, a industria, a distribución e outros axentes do sector con poder de toma de decisión e que permita levar a cabo as medidas anteriormente mencionadas.

5) Protección inmediata do noso modo de vida e produción, lexislando por parte das administracións públicas para unha verdadeira protección da Superficie Agraria Útil (SAU), permitindo o acceso á terra agraria e protexendo a existente, asumindo a necesidade de aumentala ata polo menos un terzo do noso territorio.

6) Cobertura ao 100% dos danos que provoca a fauna silvestre, asumindo a responsabilidade civil subsidiaria e o lucro cesante por parte da administración pública. Instamos á Xunta de Galicia a cumprir con estes puntos, como recolle o novo protocolo para a xestión do lobo que vén de ser aprobado polo Goberno central.

7) Impulso e creación dunha normativa hixiénico-sanitaria que permita dun xeito sinxelo acceder ás granxas a realizar venda directa, e creación dunha rede de matadoiros comarcais como único xeito de dotar de valor engadido as granxas.

8) Dotación de fondos económicos e de medios para facer fronte a episodios de seca como a que se está a vivir e, en todo caso, financiar a adecuación a esta nova realidade das granxas galegas. 

A campaña “Polo Futuro do Sector Vacún de Carne. Na defensa das nosas comarcas”, encetada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas hoxe na Limia, trasladarase nos vindeiros días a outras cabeceiras comarcais, na procura de apoios institucionais para do desenvolvemento das medidas solicitadas. Hoxe a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama (PSdG) e o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde (BNG) comprometéronse a levar esta batería de propostas ao pleno dos seus respectivos concellos.