A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG organiza en Chantada dúas actividades formativas no sector gandeiro e agrario

O SLG organiza en Chantada dúas actividades formativas no sector gandeiro e agrario

7 de Septembro do 2022

Curso con Antonio Tucci

O curso de gandería rexenerativa estase a desenvolver os días 6, 7 e 8 de setembro no local do SLG en Chantada. O 14 de setembro organizarase en Castro de Carballedo unha xornada para promover a incorporación das mulleres aos dereitos económicos do sector agrario.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) organiza durante o mes de setembro, na comarca de Chantada, dúas actividades formativas de interese para as persoas que xa teñen en marcha un proxecto gandeiro ou agrícola ou que queren inicialo.

Curso de gandería rexenerativa

 Gandeiras e gandeiros de toda Galiza están a participar no curso de gandería rexenerativa que comezou onte, 6 de setembro, e estase a desenvolver no local do SLG, en Chantada, durante o 7 e 8 deste mes. O obxectivo desta formación é obter granxas gandeiras máis eficientes e rendíbeis, formando ás persoas asistentes na importancia da interacción entre o solo, a planta e o animal. Antonio Tucci, gandeiro, biólogo ambiental e asesor é o responsábel de impartir a formación. Tucci conta cun máster en agricultura e gandería ecolóxicas e leva máis de seis anos asesorando granxas. O curso consta de clases teóricas pola mañá e visitas prácticas en granxas pola tarde. Onte, día 6 de setembro, as persoas participantes desprazáronse a Esmoriz, á granxa de Victor Fernández, gandeiro en ecolóxico. Hoxe, día 7, a xornada práctica terá lugar na granxa de Ricardo Gómez, gandeiro e socio de Airas Moniz.

 Incorporación das mulleres aos dereitos económicos do sector agrario

 O mércores 14 de setembro organizarase unha xornada para promover a incorporación das mulleres aos dereitos económicos do sector agrario, en Castro de Carballedo, na Oficina de Turismo. A programación comezará ás 11:00h cunha presentación a cargo da Secretaría Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane. De seguido, Inés Santé Riveira, Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), conversará sobre un dos problemas máis importantes a día de hoxe na Galiza: a dispoñibilidade de terras e de superficie agraria útil para as mulleres e homes que comezan e para as que xa teñen actividade agraria. Para iso, analizarase as posibilidades da Lei de recuperación de terras agrarias en Carballedo e na comarca. Ás 12:30h está previsto un faladoiro aberto entre todas as asistentes á formación para coñecerse, establecer redes de traballo e debullar as diferentes posibilidades de cooperación. A xornada rematará cunha visita a un proxecto do Concello arredor das 18:00h.