A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Requirimos xuntanza urxente coa CMR ante a mensaxe de socorro do sector vexetal

Requirimos xuntanza urxente coa CMR ante a mensaxe de socorro do sector vexetal

15 de Septembro do 2022

Imaxe Seca

Un mes despois de solicitar xuntanza co conselleiro José González Vázquez, o SLG non recibiu ningunha resposta. A alza de custos e seca dificultaron a produción de flor e plantacións de verán, comprometendo tamén os froitos do outono-inverno. 

Compostela, 15 de Setembro 2022. Un mes despois de que o responsábel de Sectores Vexetais no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Santiago Rodríguez Cid, solicitase unha xuntanza urxente co conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, para demandar medidas concretas coas que paliar as perdas no sector vexetal galego derivadas da seca e do incremento de custos de produción, seguimos sen recibir ningunha resposta por parte da consellería.

"É claramente unha omisión do seu labor", sinala Rodríguez Cid, "o seu labor é ter un medio rural vivo e o conselleiro mostra cero interese polo noso sector, que está pasando unha crise moi grande, un sector ao que non se lle axudou o máis mínimo. É grave que se ignore desta maneira a nosa mensaxe de socorro", apuntou.

Por outra banda, "é aínda máis despropósito o seu abandono cando seguen subindo os prezos dos alimentos para as familias e na CMR ignoran por completo un sector tan importante na alimentación como é o vexetal, e máis en concreto a horta, nun país como este que debería ser riquísimo en horta". En relación a iso, denunciamos que na Galiza "están entrando a diario alimentos de fóra e o conselleiro segue sen ter en conta o sector vexetal e a horta do país", explica Rodríguez Cid. Por todo isto, denunciamos a neglixencia da Xunta de Galicia e solicitamos, de novo, xuntanza urxente co conselleiro José González Vázquez.

As medidas precisas

Ao igual que noutros sectores, os custos de produción nas fincas labregas para a alimentación humana experimentaron unha desproporcionada suba no relativo aos insumos e materiais precisos para producir, transportar ou repartir as colleitas, xa sexa entregar cestas, ir a mercados, tendas etc. Canda este ascenso de custos, outro factor importante é a baixa ou a perda de produción, por mor da calor constante e duradeira, constatando nas prospeccións realizadas até o de agora que existen mermas importantes nas colleitas e perda comercial por deformidades ocasionadas por estrés hídrico.

Hai perdas xeneralizadas en froitas, malas colleitas e con máis podredume en tubérculos, deterioro visual de tamaño en xudía e moitas das verduras que producimos, perdas importantes no sector da flor, así como na recollida do cereal de inverno -arredor dun 30 %- e no cereal de primavera -máis do 50%-, con pouca granación por planta e pouco peso de gran ao secar prematuramente polas altas temperaturas.

Entre as medidas concretas a solicitar, Santiago Rodríguez urxe a activar o investimento en captacións necesarias nos lugares e as pequenas infraestruturas para garantir o consumo mínimo necesario. Asemade cómpre a activación dun pago directo de máis da metade do salario mínimo interprofesional (SMI) anual para o numero de agricultores/as a título principal (ATP) que paguen a Seguridade Social en cada granxa, sumando o importe do custo da seguridade social de 6 meses. Para as titulares (ATP) de pataca e similares que superen determinado numero de hectáreas habería que permitir complementar até acadar as cantidades solicitadas por activo, limitado a catro persoas.

É unha obriga institucional facilitar a investigación nas actuais circunstancias climáticas, para apoiar o saber labrego e agroecolóxico, viabilizar mellor as producións de secano e facer o máis sostíbel posíbel o rego”, lembrou Rodríguez. “Nesta situación hai unha actuación de fondo que é responsabilidade da Administración, non pode seguir mirando para outro lado. A crise climática está adiantando os seus efectos varios anos con respecto o calendario previsto pola Ciencia. É preciso realizar investimentos estruturais de contado para facer máis sostíbeis as producións, dende a silvícola, coas especies non pirofitas máis axeitadas que axudan a conservar auga e humidade, até as agrogandeiras, fuxindo do produtivismo e industrialización que nas épocas de seca non hai auga que lles chegue”.