A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. “Froiteiras de Noso” Campaña de recuperación de froiteiras autóctonas na provincia de Lugo

“Froiteiras de Noso” Campaña de recuperación de froiteiras autóctonas na provincia de Lugo

25 de Outubro do 2022

FroiteirasDeNoso

Reivindicamos a recuperación de froiteiras como unha estratexia imprescindíbel para avanzar cara a soberanía alimentaria. Solicitamos a colaboración cidadá para aportar información que facilite a localización e recuperación destas variedades

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de pór en marcha a campaña de recuperación de árbores froiteiras autóctonas da provincia de Lugo “Froiteiras de Noso”, á que xa se pode acceder a través do blogue Froita da Mariña (https://froitadamarinha.blogspot.com/2022/10/froiteiras-de-noso.html).

No Sindicato Labrego Galego levamos un tempo tentando localizar variedades locais de froiteiras que, por diversos motivos, foron indo a menos no territorio até o ponto de estar en claro risco de desaparecer.

Entendemos que son moitas as razóns polas que convén rescatar do esquecemento estas árbores, para que volvan ter a importancia que tiveron noutros momentos. Cremos que poden chegar a ter un papel importante para rachar a nosa dependencia alimentar como País, xa que poden axudar no futuro a asegurar a nosa capacidade produtiva para fornecer de alimentos sans, diversos, locais e de calidade ao conxunto da poboación do territorio. Son, ao noso ver, imprescindíbeis para incrementar a nosa resiliencia colectiva e para camiñar cara á Soberanía Alimentar de Galiza.

Neste momento estamos realizando un traballo de prospección no territorio da provincia de Lugo para tentar recoller información sobre a presenza destas variedades nas distintas comarcas e a súa situación, co obxectivo último de evitar a súa desaparición.

Para este fin precisamos da colaboración de todas as persoas que acrediten na importancia de non perder de xeito irreversíbel estes recursos que son parte do noso patrimonio colectivo; e tamén buscamos a colaboración e a complicidade de asociacións ou colectivos actuantes no territorio que poidan compartir estes obxectivos.

As persoas e colectivos interesados en participar poden contactar co Sindicato Labrego Galego no teléfono 630 970 132 (tamén Telegram e WhatsApp), no correio ribadeo@sindicatolabrego.com ou en calquer local do Sindicato Labrego Galego.