A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Tribunal Supremo rexeita o recurso de casación da CMR en contra da sentenza do TSXG que confirma a discriminación da maioría das granxas de carne nas axudas COVID-19

O Tribunal Supremo rexeita o recurso de casación da CMR en contra da sentenza do TSXG que confirma a discriminación da maioría das granxas de carne nas axudas COVID-19

31 de Outubro do 2022

TS Vacún de carne

No mes de abril o TSXG ditaminou eliminar o inciso que excluíu destas axudas á meirande parte das granxas de vacún de carne. As negativa da CMR a acatar a sentenza evidencia o seu interese en destruír o modelo galego de medianas e pequenas granxas

No mes de Setembro do ano 2020 a Consellaría do Medio Rural (CMR) publicou entre as Axudas Temporais e Excepcionais aos Sectores Agrarios máis Desfavorecidos pola Incidencia da Crise da COVID-19 (Orde do 28 de Outubro do 2020) unha axuda para o sector do vacún de carne.

As bases da mesma sinalaban como un dos criterios para poder solicitala ter un mínimo de 10 vacas nutrices. Este feito supuxo que, na práctica, esta axuda so a percibiran 4.621 granxas das case 19.000 que poderían ter sido beneficiarias. Isto implicou, por exemplo, que quedaran fóra desta axuda case a metade das 8.000 granxas de Ternera Galega Suprema.

Esta discriminación foi denunciada por parte do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) xa no momento mesmo da súa aprobación, ao tempo que paralelamente presentamos no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) unha demanda contra esta Orde e a Consellaría do Medio Rural (CMR). Denunciamos de xeito concreto o punto 5.4 da Orde, onde se fixaba como criterio para ser persoa beneficiaria ter máis de 10 vacas nutrices, ao entendermos dende o SLG que era claramente discriminatoria contra a maioría de granxas de vacún de carne do país, e en especial contra o modelo tradicional de produción.

No pasado mes de abril o TSXG resolveu a favor da demanda do SLG recalcando o discriminatorio que é por parte da CMR incluír ese criterio, e sentenciou anular o inciso 5.4, recoñecendo o dereito de todas as persoas titulares de explotacións de vacún de menos de 10 vacas -que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola actividade- a ser beneficiarias das axudas reguladas na Orde impugnada.

A Consellaría do Medio Rural, non conforme con esta sentenza e visibilizando claramente a súa vontade de impedir o acceso das pequenas e medianas granxas a este financiamento público, recurreu ante o Tribunal Supremo (TS).

O pasado 19 de Outubro o Tribunal Supremo rexeitou o recurso da CMR, mantendo en firme a sentenza favorable ás esixencias do SLG. Dende o SLG deamandamos á CMR que de xeito inmediato subsane este importante agravio contra as granxas que foron excluídas desta axuda, reparando o dano causado.

Esta “perrencha” que tivo a CMR contra a sentenza do TSXG -que evindenciou que as súas políticas son discriminatorias contra a maioría de granxas do país-, é unha mostra máis de que o Partido Popular de Galicia (PPdG) está privilexiando dende a Consellaría do Medio Rural a industrialización da producción de alimentos na Galiza, como vimos denunciando reiteradamente dende o SLG.

Para favorecer este modelo de macrogranxas, o conselleiro José González Vázquez está decidido a acabar coas granxas familiares e tradicionais, precisamente as que vertebran as zonas máis desfavorecidas do noso territorio, onde estas pequenas granxas permiten a moitas familias subsistir, fixar poboación, servizos etc. Certamente, ao modelo agroindustrial que apoia cas súas políticas e orzamentos públicos o PPdG non lle interesa que haxa persoas vivindo no territorio onde instalan as súas fábricas de alimentos.

Dende o Sindicato Labrego Galego temos claro, e os tempos estanos dando a razón, que a defensa de estas pequenas granxas é defender a produción sostible de alimentos, a agricultura familiar e as familias labregas do noso país, garantir unha cuestión esencial para a vida como é a alimentación san e saudábel, como son por exemplo os nosos xatos de Ternera Galega Suprema. Defender este modelo é frear o despoboamento do medio rural, a emigración e avanzar cara un dereito fundamental para os pobos como é garantir a nosa soberanía alimentaria.