A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Finaliza o Encontro europeo das articulacións de diversidades e mulleres da CEVC na Guarda

Finaliza o Encontro europeo das articulacións de diversidades e mulleres da CEVC na Guarda

4 de Novembro do 2022

Grupo_CEVC

A Coordenadora Europea Vía Campesina reuniuse do 1 ao 3 de novembro na Guarda co SLG-CCLL como organización anfitrioa. 40 persoas integrantes de organizacións europeas analizaron estratexias de fortalecemento interno e da loita labrega

No serán de onte finalizou o encontro das articulacións de mulleres e diversidades da Coordenadora Europea (CEVC) do movemento labrego internacional La Vía Campesina (LVC) , do que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas forma parte activa dende a súa constitución no ano 1993, e que dende o 1 ao 3 de novembro tivo lugar no Centro Social O Fuscalho (A Guarda).

A xornada de peche deu comezo cos espazos internos de debate de ámbalas dúas articulacións. A articulación de mulleres analizou estratexias e prácticas intraorganizacionais que permitan proxectar a voz das labregas, avanzar na sororidade e apoio mutuo e desafiar a cultura patriarcal. Neste sentido procedeuse á identificación de propostas concretas para potenciar as demandas das mulleres, tanto nas organizacións de base como a nivel da Coordenadora Europea Vía Campesina, procurando xerar prácticas útiles para consolidar e gañar espazo político fomentando a sororidade e a cohesión interna.

Asemade, as súas integrantes elaboraron tamén unha axenda de traballo para o próximo período na que, entre outros obxectivos, está analizar as desigualdades de xénero nas políticas públicas que nos impactan como labregas, así como desenvolver unha estratexia de incidencia para eliminar as discriminacións nas axudas e medidas na Política Agraria Común que nos afectan como mulleres.

A articulación de diversidades orientou a súa actividade cara a elaboración dun plan de traballo específico para o ano 2023. Abordou claves como os aportes das diversidades á loita polo dereito á soberanía alimentaria dos pobos, e valorarou estratexias a pór en marcha para facer máis visíbeis as diversidades dentro das organizacións de base, fortalecerse e integrar o seu recoñecemento, loitas e reivindicacións a nivel da CEVC.

Para concluír, ás 15h. realizouse unha visita á granxa dunha afiliada do Sindicato Labrego Galego da comarca, na que as delegacións internacionais puideron coñecer de perto un modelo de produción diversificado de alimentación labrega.

A través deste encontro coordinado polo SLG, que contou ca participación de delegadxs de Alemania, Francia, Portugal, Holanda, Austria, Irlanda, Italia, Noruega, Reino Unido, Turquía, Euskal Herria e Andalucía, as organizacións agrarias articuladas a nivel europeo dentro de La Vía Campesina procuramos continuar avanzando no fortalecemento deste movemento social desde unha perspectiva feminista e a través da formación interna, partillando experiencias entre mulleres e diversidades de xénero e sexual desde o rural, intercambiando con aliadas feministas doutros movementos, e desenvolvendo estratexias, visións colectivas e estruturas para ámbalas dúas articulacións.