A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Rematar coa violencia contra as mulleres. Poñer a vida e os coidados no centro das políticas públicas

Rematar coa violencia contra as mulleres. Poñer a vida e os coidados no centro das políticas públicas

24 de Novembro do 2022

Mobilizacións25N

O SLG-CCLL participará mañá nas mobilizacións convocadas en toda Galiza con motivo do Día contra a violencia  machista. Instamos ás administracións a reformular estratexias para pór fin tanto á violencia directa como estrutural contra as mulleres

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participará mañá, venres 25 de novembro nas concentracións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres (MMM) en toda Galiza con motivo do Día internacional contra a violencia machista, baixo o lema “Se o presente é loita, o futuro será libre”.

Dende o SLG queremos poñer en valor que precisamente neste momento as mulleres galegas están a ser protagonistas de importantes mobilizacións sociais que teñen como obxecto a recuperación e fortalecemento duns servizos públicos que garantan o benestar da cidadanía. A loita das traballadoras do Servizo de Asistencia no Fogar (SAF), en folga dende o pasado 2 de novembro; mobilizacións na contra da privatización de servizos esenciais como a celebrada a pasada fin de semana en Santiago de Compostela ou a convocada por SOS Sanidade Pública para o vindeiro 30 de novembro, fan alusión aos sectores que sustentan a vida na nosa sociedade, como a sanidade, a educación ou os coidados no fogar, marcadamente feminizados na súa man de obra e cada vez máis precarizados.

Aliás, como temos reiterado, cando gobernos neoliberais como o do Partido Popular na Xunta de Galicia atacan estes dereitos ao benestar social, as mulleres son as principais prexudicadas, tanto no ámbito urbano como no rural. Porén, como constata o Informe anual da Valedora do Pobo ao Parlamento de Galicia (2021), as mulleres rurais padecen de xeito destacado esta violencia estrutural, ao adicarse a traballos domésticos, de coidado e informais en maior medida que as residentes en áreas urbanas, enfrontando máis dificultades na loxística cotiá e unha sobrecarga de tarefas e preocupacións a maiores, que polo xeral as mulleres conseguen resolver a costa de reducir ou eliminar por completo os seus propios autocoidados, co conseguinte impacto na súa saúde física e emocional.

Nunha sociedade na que a violencia no seu conxunto está cada vez máis normalizada, as institucións constatan tamén un aumento do número de mulleres vítimas da violencia machista. No Estado español 38 mulleres foron asasinadas no que levamos de ano. Dende o SLG-CCLL instamos ás administracións públicas a continuar avanzando na reformulación de estratexias que realmente permitan pór fin a esta violencia directa contra as mulleres.

Queixas como a recollida no último Informe anual da Valedora do Pobo ao Parlamento de Galicia (2021), sinalando a situación dunha muller asistida por un avogado de oficio asignado á quenda especializada en violencia de xénero que fora precisamente anteriormente condenado por violencia de xénero, son unha clara alerta da persistencia dunha violencia estrutural que agrava a vulnerabilidade das mulleres precisamente cando se atopan nunha situación de alto risco.

No que respecta á abordaxe de situacións de violencia machista, no caso dos concellos rurais son maioría os que carecen de servizos de prevención ou asistencia, tales como a prestación de alternativas de habitabilidade para estas mulleres e as súas fillas/os ou ferramentas laborais que lles permitan avanzar en saír da situación de violencia na que se atopan. Esta discriminación engádese no caso de moitas delas á carencia de dereitos profesionais e económicos fundamentais, como o acceso á titularidade das granxas ou a pensións dignas -un importante número de mulleres rurais só están podendo acceder a pensións non contributivas-.

Entre os exemplos da falla de compromiso da Administración na loita pola igualdade de dereitos e oportunidades de mulleres e homes, a Valedora recolle tamén no seu último informe as consecuencias da flagrante ausencia da aplicación da perspectiva de xénero da Consellaría do Medio Rural nunha convocatoria de axudas para a creación de empresas para persoas agricultoras mozas. Ante o caso dunha muller gandeira que debido ao seu embarazo viuse na necesidade de adaptar os tempos da súa incorporación á actividade agraria, a Consellaría do Medio Rural ignorou tanto a información ao respecto da situación de baixa por risco para o embarazo, da baixa maternal e da posterior baixa por risco para a lactación natural, como a propia solicitude da Valedora de revisión da resolución emitida, rexeitando aceptar a solicitude de ampliación por un ano do prazo de incorporación. Esta muller, moza, produtora de alimentos e embarazada, tivo que devolver as cuantías xa percibidas e perdeu o dereito ao cobro das axudas pendentes de pagamento.

Tamén no ámbito agroalimentario, non podemos esquecer que a chegada de empresas agroindustriais á nosa terra está a conlevar tamén a importación de escandalosas estratexias de explotación laboral de mulleres migrantes, traballadoras obrigadas a extenuantes xornadas de traballo, lamentábeis condicións de habitabilidade e sometidas aos intereses dunha empresa que decide que día traballan (e, polo tanto, cobran) e cal non, recrudecento a inseguridade dunhas mulleres que se atopan a milleiros de kilómetros dos seus fogares, nun Estado como o español, que fai da violencia contra a poboación migrante un sinal de identidade.

Dende o Sindicato Labrego Galego convocamos a toda a sociedade a seguir fortalecendo as loitas feministas para xuntas/os/es avanzar na construción dunhas relacións humanas e sociais que poñan fin ao heteropatriarcado no que se sustenta o capitalismo neoliberal, que non só ningunea a vida das mulleres, senón a Vida mesma no seu conxunto.

Na liña de traballo polos dereitos das mulleres, e nomeadamente polos dereitos das labregas, entre as actividades que convocamos periódicamente terá lugar o vindeiro 28 de novembro no local do SLG-CCLL en Ordes un obradoiro sobre o “bo trato” dirixido pola feminista e especialista en Terapia do Reencontro Tareixa Ledo.