A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Sen solucións para a perda de axudas de ecolóxico no ano 2022

Sen solucións para a perda de axudas de ecolóxico no ano 2022

14 de Decembro do 2022

Reunión Isabel Vilalba, Santiago Cid con Balseiros

 O Sindicato Labrego esixe ao Director Xeral de Agricultura subsanar a exclusión de 250 granxas das axudas do CRAEGA. A SAU galega inscrita actualmente no CRAEGA é só do 5,15%, moi lonxe do obxectivo do 25% estipulado pola UE para o 2030. Demandamos a activación dunha liña específica de traballo co sector da horta, esencial para fornecer alimentos de proximidade.

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, e o Responsábel de Sectores Vexetais, Santiago Cid, entrevistáronse na mañá de hoxe con Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e Director do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), José Balseiros.

 Trasladando a alarma xerada no sector ecolóxico, o SLG puxo sober a mesa o absoluto descalabro provocado pola neglixencia da Consellaría ao non calcular nin establecer un orzamento real para garantir apoios para todas as solicitantes da agroambiental de ecolóxico inscritas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

 Cómpre contextualizar que esta convocatoria foi dinamizada dende a administración europea, estatal e autonómica e o palgo te lexisron ropio CRAEGA, acadando a incorporación de 150 novas granxas ao modelo ecolóxico -polo tanto tamén á solicitude de axudas-, as cales viñeron a se engadir ás 100 explotacións que non puideron solicitala anteriormente, cumprindo un total de 250 incorporacións. Segundo confirmou a principios do presente mes de decembro o propio Director do CRAEGA, Francisco L. Valladares, esta información foi puntualmente trasladada polo CRAEGA á Consellaría do Medio Rural, ao que, segundo Valladares, a CMR sempre respostou “non vos preocupedes, que hai fondos suficientes” (Minuto 4´10´´).

 Nun momento no que a Política Agraria Común (PAC), en consonacia coas directrices estatais, aposta por chegar a ter un 25% das terras agrícolas na UE en agricultura ecolóxica daquí a oito anos, a irresponsabilidade da Consellaría do Medio Rural (CMR) ameaza con deixar sen apoios económicos para esta conversión a practicamente a metade das terras que solicitaron a súa inscrición este ano neste Consello Regulador. Esta situación é gravísima. É a primeira vez que granxas en ecolóxico quedan fóra destas axudas.

 O aumento da produción certificada como ecolóxica é unha cuestión secundada polo meirande das administracións, o aumento de solicitudes en ningún caso pode ser considerado inesperado, como pretendeu xustificar hoxe Balseiros. Este avance cara a produción dunha alimentación máis san e saudábel para as persoas e o medioambiente está a ser incentivada pola Unión Europea, tanto a través do “Pacto Verde Europeo” (2019), como dos documentos a Estratexia da granxa á mesa e a Estratexia Biodiversidade Horizonte 2030, presentados polos gobernos centrais de tódolos estados membro, e de grande influecia no Plan Estratéxico da PAC.

 Así pois, parece que todas as administracións están dacordo en apoiar a gandería e agricultura ecolóxica para poder chegar a acadar o obxectivo do 25% para o ano 2030 na UE. Todas, menos a Xunta de Galicia. Segundo datos do CRAEGA no 2020 estaban inscritas 32.000 has, un 5,15% da Superficie Agraria Útil (SAU) galega (moi lonxe do 25%). De feito, se conseguiran inscribirse as 12.000 has. que a mala praxe da CMR pode deixar fóra, apenas estariamos nalgo máis dun 7%.

 Dende o Sindicato Labrego Galego instamos hoxe ao Director Xeral de Agricultura, José Balseiros, a subsanar inmediatamente as consecuencias da ausencia de planificación por parte da CMR, ampliando a partida adicada á produción ecolóxica garantindo que todas as persoas solicitantes podan acceder ás contías inicialmente establecidas.

 Asemade, Vilalba e Cid trasladaron tamén a Balseiros a fonda preocupación xerada pola decisión da CMR de quitarlle a 8.255 granxas as axudas vinculadas a zona xeográfica desprotexida -único apoio económico ao que até o dagora tiñan acceso moitas das granxas de horta e sectores vexetais-, demandando que corrixa inmediatamente esta medida e garanta o verdadeiro cumprimento do obxectivo específico destes orzamentos públicos: evitar o abandono de terras agrarias.

 Neste sentido lembraron ao DX de Agricultura que non existe actualmente unha liña de traballo no sector da horta por parte da administración, malia ser este esencial para fornecer alimentos de tempada e proximidade á poboación, aliás de constituír unha actividade produtiva que adoita contribuír á instalación de persoas mozas no medio rural.

 Dende o SLG-CCLL incidimos na xuntanza de hoxe na necesidade de activar inmediatamente un programa de apoio á comercialización e compra pública destes produtos, así como apoiar a realización de mercados de proximidade. Balseiros sinalou que existe a intención de facer unha estratexia de diagnose participativa e dinamización para o sector da horta, como se ten feito noutros sectores como a carne ou o leite. Pero o certo é que non só non hai neste momento liña de traballo ningunha de apoio ao sector vexetal, senón que a Consellaría está a agravar as dificultades do mesmo retirándolle apoios económicos que poderían estar percibindo.