A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A aprobación masiva de polígonos industriais eólicos evidencia violencia institucional contra a poboación

A aprobación masiva de polígonos industriais eólicos evidencia violencia institucional contra a poboación

27 de Xaneiro do 2023

Carral2901

A Xunta privilexia o negocio de empresas multinacionais sacrificando a saúde e a calidade de vida das galegas e galegos. O Sindicato Labrego súmase á convocatoria de manifestación que terá lugar este domingo 29 ás 12h. dende Carral

Esta semana a sociedade galega puido comprobar unha vez máis que os partidos políticos que ocupan a Xunta de Galicia e o Goberno de España teñen convertido estas institucións en meras xestorías de negocio do oligopolio enerxético.

A tramitación en tempo récord de 120 polígonos industriais eólicos, cunha celeridade nunca vista cando se trata de atender demandas da poboación, nin tan sequera en cuestións esenciais como a atención sanitaria, a atención á dependencia ou o dereito a contar con un modelo de produción de alimentos de proximidade que garanta alimentación de calidade, recalcan unha vez máis que as formacións políticas están dispostas a atacar o benestar da cidadanía para favorecer os multimillonarios beneficios de corporacións privadas.

Tanto o Conselleiro de Industria, Francisco Conde, coma o Delegado do Goberno, José Miñones, sinalan como motivación principal para ter aprobado de xeito masivo 77 solicitudes de macropolígonos industriais eólicos priorizar o subministro de multinacionais estranxeiras como ALCOA e Showa Denko.

Esiximos á Xunta de Galicia que explique que tipo de procedemento de tramitación permitiu que expedientes que non puideron ser resoltos durante meses foran ditaminados agora en cuestión de días.

A Administración galega non é un goberno que coordine políticas públicas para garantir a cobertura das necesidades da poboación, senón o departamento comercial destas empresas e doutras como Endesa ou Greenalia. Esta violencia institucional concrétase en actos como estragar por completo as contornas medioambientais, provocar consecuencias na saúde a milleiros de persoas que viven no rural galego, ou empeorar a lacra de incencios industrializando espazos naturais. Esta agresividade contra a poboación levou mesmo á Xunta a excepcionar 13 polígonos industriais que, malia quedar fóra do plan sectorial, foron tramitados igualmente para favorecer a transnacionais coma ALCOA, Century ou Showa Denko.

Así, mentras as galegas e galegos vivimos rodeadas de liñas de alta tensión -con graves consecuencias para a nosa saúde- e pagando as desorbitadas facturas cas que nos empobrece o oligopoloio enerxético, Alcoa ten garantido o 30% da subministración enerxética ca autorización de 5 polígonos eólicos a ENDESA.

O de maior potencia (180mw) situaríase entre Vilalba, Xermade, Guitiriz e As Pontes, precisamente unha das zonas nas que contamos cun importante número de granxas gandeiras e labregas, moitas delas afiliadas e afiliados do SLG, e que de continuar adiante o plan de depredación enerxética da Xunta de Galicia e o Goberno de España verían expropiadas as súas terras e completamente estragada a súa contorna, e as súas vidas, impactando de xeito irrecuperábel nunha cuestión esencial para a nosa supervivencia como é a produción de alimentos.

Dende o Sindicato Labrego Galego animamos á cidadanía galega á participar o vindeiro domingo 29 na manifestación que terá lugar en Carral, convocada pola asociación Savemos o Val de Barcia e o Monte Xalo e que secundamos múltiples organizacións, con saída ás 12h dende o Monumento aos Mártires de Carral.

Fai menos dunha semana milleiros de persoas manifestámonos en Vigo para dicirlle aos gobernos que o pobo vai estar unido contra a violencia da Xunta de Galicia e o Goberno de España, de xeito cada vez máis evidente ao servizo dunhas empresas que se comportan como verdadeira mafia, influíndo nos cargos políticos para conseguir modificacións lexislativas que avalen a súa agresividade contra a veciñanza afectada pola ameaza destes macropolígonos industriais, por exemplo facendo desaparecer as Declaracións de Impacto Ambiental ou o dereito a alegar. Cada vez son máis persoas as que entenden que o modelo eólico da Xunta de Galicia non ten nada que ver coas enerxías verdes ou renovábeis, senón co extractivismo salvaxe e destrución ca que formacións neoliberais como o PpdG socaban os dereitos humanos e sociais da poboación no beneficio e intereses determinados de persoas que integran estes partidos, e que posíbelmente serán recompensadas logo con salarios no entramado empresarial do oligopolio enerxético, como foi pagado no seu momento o servizo prestado pola ex-conselleira de Medioambiente, Beatriz Mato, que pasou direta da Xunta a Greenalia.