Solicitamos entrevista co delegado do Goberno español para esixir o cumprimento de protección da produción de alimentos. Demandamos tamén á Xunta a suspensión de tódalas tramitacións de polígonos eólicos até contar ca nova delimitación
1 de Febreiro do 2023
Solicitamos entrevista co delegado do Goberno español para esixir o cumprimento de protección da produción de alimentos. Demandamos tamén á Xunta a suspensión de tódalas tramitacións de polígonos eólicos até contar ca nova delimitación
Compostela, 1 de Febreiro 2023. Neste mes de xaneiro entrou en vigor a Política Agraria Común para o novo período 2023-2027, a cal procede a regular a Zonificación agroambiental para a implantación de enerxías renovables.
Polo tanto, nun prazo máximo de tres meses, o Goberno central ampliará a ferramenta "Zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables", elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), que pasará a denominarse "Zonificación agroambiental para a implantación de enerxías renovables", e que procura mitigar os prexuízos que a intensiva industrialización enerxética do medio rural está a provocar na actividade agrogandeira e, polo tanto, na produción e fornecemento de alimentos á cidadanía.
Habida conta desta inminente modificación, incompatible ca recente aprobación acelerada e masiva de proxectos forzada polo MITECO e a Xunta de Galicia, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vimos de solicitar unha entrevista co Delegado do Goberno, José Manuel Miñones Conde, para demandar a paralización da tramitación de polígonos industriais eólicos, e onde lle trasladaremos a vital importancia que para Galiza ten o mantemento da nosa xa de por si escasa Superficie Agraria Útil (SAU), que malia ao noso potencial como país produtor dun ben tan esencial como é a alimentación, o abandono institucional ten reducido a un limitado 21%.
A nova delimitación para a implantación de polígonos industriais enerxéticos vai operar modificiacións significativas, xa que esta zonificación vaise desenvolver, como mínimo, tendo en conta as seguintes áreas como zona de máxima, moi alta ou alta sensibilidade agraria:
a) Os terreos que formen parte de explotacións agrarias prioritarias (Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, que responde ao mandato do artigo 130.1 da Constitución Española).
b) O regadío de promoción privada, que contribúa á seguridade alimentaria e á sustentabilidade agraria a nivel estatal coas mesmas características que os terreos de promoción pública.
c) Terreos utilizados en zonas agrarias periurbanas.
d) Terras incluídas nos plans de estercos gandeiros, dada a súa contribución á loita contra o cambio climático.
e) Os terreos que conforman mosaicos agroforestais para a prevención de incendios forestais.
f) Terreos aptos e/ou rexistrados para as figuras de protección alimentaria de orixe, identificación xeográfica, método de produción ecolóxico, integrado ou de calidade, así como para o desenvolvemento de razas autóctonas e variedades locais de interese agrario e para a acreditación da venda de proximidade.
g) Os terreos de conectividade do espazo agrario e ecolóxico.
Dende o Sindicato Labrego demandamos que se respete esta nova zonificación procurando a protección das nosas granxas fronte invasión eólica, polo que solicitamos tanto ao MITECO como á Xunta de Galicia a inmediata paralización, tanto daqueles proxectos en tramitación como daqueles dos que inda non está publicada a súa aprobación, para adaptalos a esta nova zonificación en aras de salvagardar a supervivencia do noso agro e do noso medio rural.