Reiteramos o cumio de irregularidades que arrodean a xestión administrativa desta solicitude e severa afección medioambiental. A Deputación de Lugo confirma ao SLG que non foi consultada sobre a afección da mina á Reserva da Biosfera Terras do Miño
13 de Febreiro do 2023
Reiteramos o cumio de irregularidades que arrodean a xestión administrativa desta solicitude e severa afección medioambiental. A Deputación de Lugo confirma ao SLG que non foi consultada sobre a afección da mina á Reserva da Biosfera Terras do Miño
Como temos denunciado dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e outras organizacións sociais do país, son numerosas e rechamantes as irregularidades que arrodean ao proxecto de explotación e ao plan de restauración da explotación de recursos mineiros da sección C) de ampliación a San Acisclo número 4076, situada no termo municipal de Muras (Lugo), da promotora Materiales Cerámicos Materias Primas SL, cuxa transmisión no ano 2007 estaba condicionada á presentación dun proxecto actualizado de explotación e un plan de restauración -presentado máis tarde nos anos posteriores-, non constando como aprobado o plan de labores, constatándose unha paralización das actividades mineiras dende o 2008 sen que medie autorización previa da Xefatura Territorial, e non tendo sido acreditada a súa vixencia, habida conta de que non foi emitida resolución da consolidación destes dereitos.
No mes de marzo do ano pasado dirixímonos á Área de Relacións Internacionais e Reservas da Biosfera do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, así como á Deputación de Lugo, para acadar o seu pronunciamento ao respecto das irregularidades que arrodean a este proxecto de explotación e plan de restauración da explotación de recursos mineiros. Froito desta denuncia realizada polo SLG, a Deputación de Lugo, órganismo titular da Presidencia da Reserva da Biosfera Terras do Miño, emitiu un informe non que aclaraba que non fora consultada por ningunha Administración Pública respecto deste proxecto, polo que en ningún caso procedera a informar, e moito menos autorizar, ningunha actuación referido ao mesmo.
Porén, a concesión de explotación vén de ser autorizada pola Consellaría e Industria e Innovación.
Fronte a esta nova tentativa por parte da Xunta de Galicia de permitir a actividade desta mina, o Sindicato Labrego Galego e outras organizacións sociais presentamos un recurso potestativo de reposición contra a resolución de autorización da actualización do proxecto de explotación e plan de restauración da concesión de explotación de recursos, tanto por infracción normativa e nulidade de pleno Dereito ao abeiro dos artigos 47 e 48 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, como polas consideracións, xa trasladadas no seu momento a través das nosas alegacións ao proxecto, referidas á afección directa á poboación e ecosistemas.
De xeito explícito facemos fincapé novamente en que esta explotación mineira a ceo aberto prevé a súa localización a escasos metros da Rede Natura 2000 ZEC e ZEPVN “Serra do Xistral”, sobre zonas protexidas de Augas Potables que se solapan coa Rede Natura 2000 e sobre masas soterradas de auga tamén solapadas coa Rede Natura 2000; destacamos tamén a severa afección aos recursos hídricos e ao val fluvial do Río Landro que solapa coa Rede Natura 2000 “Serra do Xistral” con afección crítica á conectividade ecolóxica, así como a afección severa a especies de fauna e flora catolagadas como vulnerables e en perigo de extinción e a afección grave á Reserva da Biosfera “Terras do Miño”.
Aliás, dende o SLG queremos chamar a atención tamén sobre a situación de indefensión na que se atopa unha das persoas cuxa vivenda sería afectada severamente pola actividade desta mina, á cal non lle foi permitido personarse neste procedemento administrativo.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas queremos unha vez máis dar a voz de alarma ao respecto das irregularidades que arrodean a xestión administrativa da ampliación da mina San Acisclo, denunciada tamén por outras organizacións sociais do país, e demandamos a súa inmediata paralización e peche definitivo en aras do cumprimento da actual normativa medioambiental.
Representantes do SLG-CCLL estarán esta tarde apoiando á veciñanza no pleno extraordinario e urxente do Concello de Muras no que se tratará a impugnación da autorización outorgada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a este proxecto de explotación, logo de que a semana pasada o Partido Popular bloquease a celebración do pleno.