A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Esiximos a intervención da Administración fronte as presións das industrias lácteas para baixar prezos

Esiximos a intervención da Administración fronte as presións das industrias lácteas para baixar prezos

27 de Febreiro do 2023

Vacas de leite

A Lei da Cadea permite que Xunta e MAPA interveñan directamente para que o prezo non sexa menor que os custos. Dende o Sindicato Labrego Galego animamos ás granxas a non asinar contratos que impliquen unha baixada de prezos

A finais do mes de marzo terá lugar a renovación de contratos entre granxas e industrias lácteas. Malia a que a Lei da Cadea Alimentaria especifica que estes teñen que ter unha duración dun ano, moitos dos que tamén se van renovar agora foron asinados por 6 meses, 3, 2, ou mesmo nalgúns casos subscritos mensualmente, xa que as industrias lácteas fixeron todo o posíbel para evitar comprometerse a asinar prezos razoábeis durante periodos máis longos.

Nesta mesma liña, as primeiras ofertas que están a recibir as gandeiras e gandeiros, até o dagora por dúas das cinco industrias máis grandes que operan na Galiza, propoñen prezos á baixa. Unha delas é Lactalis, a que ten un maior volume de recollida, e que de forzar unha baixada de prezos influiría nos datos do Observatorio Lácteo provocando que o resto de industrias se sumen a esa estratexia.

A día de hoxe, en comparación co ano pasado os custos de produción duplicáronse en cuestións básicas como os pensos, o gasoil ou os abonos, e triplicouse o custo en electricidade. Ademais, no caso das gandeiras e gandeiros, a eliminación do IVE de determinados produtos alimentarios -prácticamente imperceptíbel para as persoas consumidoras- implicou que as granxas non estean percibindo este 4% mensual de IVE, se ben elas si que seguen pagando IVE naqueles insumos imprescindíbeis para producir, polo que esta baixada non está a ser financiada nin polo Goberno, nin polos supermercados, nin polas industrias, se non polas persoas produtoras, que ademais agora están sendo ameazadas con novas baixadas de prezo polo leite.

Polo tanto, tendo en conta que a tendencia á suba nos custos de produción deste último ano mantense constante, e que os prezos dos produtos lácteos industriais tamén subiron, resulta totalmente inadmisíbel a intención das operadoras de tentar ampliar as súas marxes de beneficio a costa de estrangular unha vez máis o elo máis feble da cadea: as granxas.

Dado que a Lei da Cadea Alimentaria permite claramente que a Administración pública actúe para garantir que o prezo do leite cubra custos de produción e remunere o traballo das gandeiras e gandeiros, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas instamos á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a intervir inmediantamente fronte a aquelas empresas que están presionando á xente gandeira para baixar os prezos malia que todos os custos foron aumentando.

Así mesmo animamos á granxas a non asinar ningún contrato que implique unha baixada con respecto ao prezo asinado anteriormente.