O Sindicato Labrego participará nas mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres en todo o territorio galego. O encontro anual da Secretaría das Mulleres do SLG, o 18 e 19 de marzo en Bergondo, centrarase na identificación das violencias
Como cada ano, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas estará presente nas mobilizacións e distintas accións convocadas para mañá, mércores 8 de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, e facemos nosas as reivindicacións das Marcha Mundial Das Mulleres na Galiza [ConvocatoriasMMM].
Aliás, como organización integrante do movemento labrego internacional La Vía Campesina (LVC), estaremos participando a través da gandeira e integrante do Comité de Coordenación da Coordenadora Europea da Vía Campesina, Sonia Vidal, na I Escola de Mulleres de La Vía Campesina, que vai ter lugar dende o 7 até o 14 de marzo en Maputo (Mozambique), e que contará con 70 participantes de 39 países en representación das 10 rexións de LVC.
Marzo é tamén o mes no que ten lugar o encontro anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego. Este ano celebraremos a XVII edición desta xuntanza, que desta volta terá lugar en Bergondo o 18 e 19 de marzo baixo o lema “Identificando as violencias e construíndo un bo trato”, e durante a cal desenvolveremos espazos de traballo e convivencia centrados en avanzar na identificación dalgunhas das violencias que afectan ás mulleres labregas, finalizando cun obradoiro da activista feminista Tareixa Ledo para avanzarmos no bo trato, tamén con nós mesmas, así como autovalidarnos e recoñecernos.
Fronte a un sistema que relega a Vida á condición mercadoría, dende o SLG-CCLL demandamos unha viraxe radical e urxente que sitúe con claridade a vida das persoas e do planeta no centro das políticas socioeconómicas.
Levamos décadas alertando a través de todo tipo de mobilizacións, estudos, campañas e un longo etcétera, da violencia estructural do capitalismo neoliberal como sistema económico, e do seu impacto diferenciado nas mulleres. Somos nós, as mulleres, quenes maiormente nos responsabilizamos de todo o que ten que ver cos coidados médicos das persoas achegadas; quenes temos os salarios máis baixos, e as que en maior medida temos xornadas laborais reducidas, ou deixamos de ter traballos remunerados, para poder criar ás nenas e nenos ou atender a quen o precisa; somos inmensa maioría mulleres as que traballamos profesionalmente no eido dos coidados á dependencia; somos nós, as que ao longo de todo o planeta, alimentamos ao mundo pero non temos a propiedade das terras ou non constamos como titulares das explotacións, e habitamos áreas rurais violentadas pola cobiza das depredadoras agroindustrias e industrias enerxéticas.
Para poder vivir en liberdade como mulleres é imprescindíbel acadar o compromiso institucional e social ca activación de estratexias de traballo que garantan a nosa dignidade en cuestións esenciais e irrenunciábeis como son os nosos dereitos sexuais e reproductivos, laborais e de igualdade, tanto a nivel de xénero como no tocante á nosa orixe xeográfica, poñendo fin a armas discriminatorias esgrimidas polo capitalismo neoliberal, como son as actuais leis de estranxería.
Un ano máis, queremos tamén aproveitar esta data para pór en valor a loita das compañeiras do Servizo de Atención aos Fogares (SAF), que atenden a máis de 25.000 persoas dependentes no noso país. Dado que tódalas persoas somos interdependentes, os coidados deben ocupar a pedra angular dunha sociedade que aspire á dignidade vital das persoas que a integran. Sen embargo, lonxe de ter un recoñecemento económico e social acorde ao trascendental aporte que fan á sociedade no seu conxunto, estas traballadoras son invisibilizadas e insultamentemente desprezadas por unha Administración acomodada en infrarremunerar as actividades laborais feminizadas, apoiándose estratexicamente nesta minusvaloración para impulsar ao mesmo tempo un modelo de saúde mental e física privatizados, que converten os coidados de calidade nun luxo ao alcance só daquelas persoas que teñan cartos para pagalos. Esiximos o fin da precariedade laboral que están padecendo as traballadoras do SAF e unha fonda adecuación das súas condicións de traballo que permita realmente desenvolver este servizo público esencial con dignidade e respecto para as traballadoras e as persoas usuarias.
Dende o Sindicato Labrego Galego, ás vísperas dunha nova xornada combativa do 8 de marzo, chamamos tamén á unidade de acción nos feminismos, a pór en valor a fortaleza que nos dá a nosa propia diversidade como característica histórica das nosa estratexia de loita, a facermos fronte como compañeiras, canda a sociedade no seu conxunto, ao actual escenario de violencia multidimensional que cada vez afasta a máis millóns de persoas do dereito a ter unha vida que mereza a pena ser vivida.