Case dúas semanas despois do verquido de ERIMSA aos afluentes do Tambre ningún organismo contactou cas veciñas. Demandamos o esclarecemento dos feitos acaecidos o 4 de abril, valoración de posíbeis sancións e restitución ás afectadas
18 de Abril do 2023
Case dúas semanas despois do verquido de ERIMSA aos afluentes do Tambre ningún organismo contactou cas veciñas. Demandamos o esclarecemento dos feitos acaecidos o 4 de abril, valoración de posíbeis sancións e restitución ás afectadas
O pasado 4 de abril unha chamada de persoal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alertou ao 112 dun verquido nos Río Gaiteiro e Maruzo, afluentes do Tambre, orixinada pola ruptura dunha balsa propiedade da empresa mineira “Explotación de Rocas Industrias y Minerales, S.A.” (ERIMSA), situada no termo municipal de Frades (A Coruña), e que afectou aos concellos de Frades, O Pino, Santiago de Compostela, Oroso, Trazo, Val do Dubra, Ames, A Baña, Negreira, Brión, Noia e Outes.
Canda esta alerta, denunciamos estes feitos diante da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en Augas de Galicia, na Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Sen embargo, a resposta proporcionada por parte da Consellaría de Medioambiente limítase a informar do traslado da denuncia a outros departamentos, desentendéndose desta problemática.
A día de hoxe, case dúas semanas despois, veciñas da zona denuncian que nin a empresa nin ningún organismo se puxo en contacto cas persoas afectadas para reparar ou indemnizar os danos (adxuntamos imaxes dunha fraga afectada), e trasladaron a súa preocupación ao SLG subliñando que non é a primeira vez que as súas terras se vén afectadas pola rotura da balsa de Erimsa en Frades (achegamos imaxes da visita realizada).
Ante esta indignante inacción por parte da administración pública fronte ás consecuencias das dubidosas prácticas desta empresa mineira reiteradamente denunciada polo SLG e outras organizacións sociais, dirixímonos novamente á mesma para esixir que exerza as súas competencias e dea inicio aos procedementos pertinentes para valorar se os feitos acaecidos poden ser constitutivos de delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, así como as infraccións administrativas que puideran corresponder, atendendo ao Regulamento de dominio público hidráulico e demais normativa de aplicación, solicitando que se investiguen os feitos denunciados, contribuíndo ao esclarecemento dos mesmos e ao restablecemento da legalidade.
En dous escritos dirixidos tanto novamente á Consellaría de Medioambiente, Territorio e Vivenda (Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático) como agora tamén ao Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a responsábel da loita contra o acaparamento de terras no SLG, Margarida Prieto Ledo, solicita á administración galega que, independentemente de que se teña dado traslado a outros departamentos e organismos, sexan exercidas pola Consellaría de Medioambiente as competencias que legalmente lle corresponden, e na súa virtude se investiguen os feitos denunciados e se inicien os correspondentes expedentes sancionadores.
De igual xeito, instamos ao Goberno español a que por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sexa aberta a investigación pertinente, xa que as competencias sobre a Rede Natura 2000 correspóndelle a este Ministerio, e aquí resultou afectada polo verquido unha zona protexida por esta figura.
Dende o SLG-CCLL seguiremos pendentes da actividade da mineira ERIMSA, á que vimos dando seguemento dende fai máis dunha década e alertando, tanto da súa dubidosa situación administrativa, como dos episodios de contaminación de recursos naturais e afección na pobación da contorna derivados da súa práctica extractiva. De igual xeito manterémonos en contacto con outros colectivos a nivel estatal que arestora estanse opoñendo á apertura dunha mina a ceo aberto propiedade desta mesma empresa na provincia de Segovia.
Asemade pedimos á Xunta de Galicia que deixe de colaborar con estratexias publicitarias empresariais que pretenden facer pasar por sustentábel o procedemento manual e químico de extracción de minerais implícito na actividade mineira, e que non mire para outro lado cada vez que hai un episodio de contaminación protagonizado por estas corporacións.