Se as industrias lácteas queren futuro para o sector, que paguen prezos que cubran custos de produción e remuneren o traballo. O incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria ou a ausencia de índices oficiais de custos aceleran o peche das granxas galegas
Compostela, 08 de Maio 2023. A interpelación ás institucións públicas realizada fai uns días pola Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL) a través da presentación pública dun informe sobre o sector non pode senón agravar a tensión existente entre estas e o sector produtor.
Erixíndose nunha posición victimista, as industrias lácteas pretenden desviar a atención das prácticas reais que, no día a día das granxas, están a poñer en entredito o futuro do sector leiteiro polo que están tan supostamente preocupados.
Son as industrias lácteas as que, como fixeron fai apenas un mes, e denunciamos dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), poñen en marcha estratexias de presión contra as granxas acordando baixadas xeralizadas de prezos ou amezando con ceses de recollida. Esta inestabilidade, beneficiosa para as industrias, acontece porque existe unha connivencia explícita por parte das insitucións públicas responsábeis de regular esta situación.
Por unha banda, a Xunta de Galicia segue negándose a proporcionar índices de custos de produción oficiais, de acceso público e puntualmente actualizados, dificultando que as gandeiras e gandeiros podan apoiarse en datos institucionais para negociar o prezo, ou o establecemento dun prezo mínimo a cumprir por lei que cubra custos de produción e remunere o traballo.
Por outra, pasado o tempo, confírmase que tanto a Xunta como o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación elaboraron e presentaron a Lei da Cadea Alimentaria -que prohibe a venda por embaixo de custos e establece prazos de negociación e renovación de contratos que as industrias non están respectando- máis como unha estratexia para apaciguar ao sector e manter os privilexios das industrias lácteas que ca verdadeira vontade de garantir relacións comerciais xustas entre os distintos elos da cadea.
Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos indignante a forzada interpelación realizada pola FeNIL ás administracións, pretendendo desviar a atención do feito de que industria e goberno autonómico e estatal están no mesmo bando.
Recentes datos proporcionados polo LIGAL advirten que, de seguir ca alza de custos de produción, as baixadas de prezo e o abandono insititucional, no 2025 só haberá 5.000 granxas de leite, e a perda de arredor de 1.000 granxas maís nos dous anos seguintes. Esta situación favorece ás industrias, xa que ao ter que negociar cun número menor de proveedores ten máis forza para impor prezos, e vai na liña das políticas neoliberais que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno do Estado están a aplicar ao sector produtor de alimentos.
De feito sería importante que a FeNIL aclarase tamén por que, malia que Galiza concentra a produción no Estado, segue sendo a que ten un prezo máis baixo de todas as comunidades autónomas, por detrás das Baleares. Se a Federación está realmente preocupada polo subministro debería deixar de castigar ao territorio que máis produce en todo o Estado.
Dende o SLG esiximos responsabilidade ás industrias e administracións públicas, e instámolos a expresar a súa preocupación polo futuro do sector con feitos, non con postas en escena. A alimentación é unha cuestión esencial para a cidadanía, non pode ser abandonada aos intereses especulativos industriais, sen embargo, a día de hoxe a baixada de prezos ao sector produtor ou a eliminación do IVE de determinados produtos alimentarios non está a redundar no prezo ao que as persoas consumidoras adquiren estes produtos.
O sector leiteiro é unha das principais actividades económicas vertebradoras do noso país, da cal dependen moitos núcleos poboacionais e a garantía dun medio rural habitado. Por un futuro para o sector leiteiro e un medio rural vivo: que as industrias e as insitución cumpran os compromisos acordados e garantan dunha vez prezos xustos para os nosos produtos.