A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A veciñanza de As Nogais alerta do risco de demolición das pizarras do río Navia

A veciñanza de As Nogais alerta do risco de demolición das pizarras do río Navia

12 de Maio do 2023

rionavia

Defendemos a utilidade das pizarras do Navia como reguladoras do cauce hídrico e conservadoras da biodiversidade do río. Dirixirémonos á Confederación do Cantábrico para solicitar que faga pública a información ao respecto de posíbeis actuacións

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) facémonos eco da preocupación da veciñanza de As Nogais ante os movementos de persoal de Tragsa que semellan confirmar a intención da Confederación do Cantábrico de derrubar todas as pizarras do Río Navia.

Ao igual que as veciñas e veciños da contorna, consideramos que tomar esta decisión en tempada de seca non só non sería axeitado, senón que actuacións como, por exemplo, tirar o embalse das Grandas, constituiría un atentado hídrico que tería graves consecuencias para as granxas da comarca.

As pizarras do Navia son un eficaz sistema tradicional de rego que debe ser conservado, e do que resulta imprescindible o seu aporte como regulador do caudal hídrico, tanto na época de enchentas como de seca.

Aliás, contribúen a manter os pastos dos vales durante a seca do verán na zona do Alto Navia e teñen un aporte significativo no mantemento da biodiversidade, ao seren reservorios ecosistémicos onde desoban peixes, como por exemplo as troitas, e tamén onde crían varias especies de insectos, etc.

Dende o SLG-CCLL manterémonos en contacto ca veciñanza e vixiantes ante a posibilidade de que se leven a cabo estas demolicións, ao tempo que nos dirixiremos á Confederación Hidrográfica do Cantábrico para solicitar que faga pública calquera información existente sobre as posíbeis actuacións neste sentido planeadas na contorna, xa que temos constancia de noutros ríos galegos si se ten dado xa esta práctica.

Neste senso consideramos que sería importante configurar un órgano participativo, con presencia das organizacións agrarias, nas que as distintas conferedacións hidrográficas acheguen os datos pertinentes ao respecto deste tipo de actuacións.