O SLG, unha das máis de 100 organizacións que secundaron onte a manifestación convocada en Lugo por Un Vento Vén. Milleiros de persoas visibilizaron por terceira vez o rexeitamento da poboación das áreas urbanas ao espolio enerxético do rural
22 de Maio do 2023
O SLG, unha das máis de 100 organizacións que secundaron onte a manifestación convocada en Lugo por Un Vento Vén. Milleiros de persoas visibilizaron por terceira vez o rexeitamento da poboación das áreas urbanas ao espolio enerxético do rural
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), unha das máis dun cento de organizacións que secundaron onte a terceira manifestación nacional realizada en áreas urbanas galegas para visibilizar a unidade do pobo galego fronte a depredación enerxética, celebra o éxito da convocatoria lanzada pola coordenadora local Un Vento Vén e alentamos a continuar con esta xeira de mobilizacións e articulación social.
A concentración de polígonos industriais enerxéticos en base á lóxica de espolio das denominadas áreas de sacrificio, causante do deterioro irreversíbel dos espazos naturais onde se despregan, vulnera o dereito da poboación a habitar nunha contorna saudábel, onde primen os dereitos humanos e sociais por riba do interese lucrativo de empresas privadas.
Como enfatiza o “Informe sobre la viabilidad de las instalaciones eólicas, fotovoltaicas y termo solares, incluida la repotenciación e infraestructuras asociadas en los territorios declarados Reservas de Biosfera en España” elaborado polo Consello Científico do Comité Español do Programa M&B da Unesco para o Ministerio de Transición Enerxética a instancia de organizacións sociais como o SLG: “para que o resultado final [das enerxías renovables] poda ser reputado como sostible os medios tamén haberán de ser non só economicamente viables senón, ao mesmo tempo, ambientalmente asumibles e socialmente xustos”, e este claramente non está a ser o caso da Galiza.
A proliferación masiva de polígonos industriais eólicos, á que hai que engadir os 75 novos proxectos anunciados polo presidente da Xunta a finais de abril, chocan frontalmente ca socioloxía poboacional propia do noso rural, e impacta directamente contra a estrutura de produción de alimentos propia do territorio galego.
Os impactos medioambientais derivados da construcción destas megaestructuras, así como os significativos prexuízos para a saúde provocados polos campos electromagnéticos xerados polos milleiros de kilómetros de liñas de electricidade que os acompañan, afectan de xeito directo ás persoas que habitamos e producimos alimentos no medio rural.
En primeiro lugar, as modificacións lexislativas realizadas polo Goberno galego e estatal para dificultar a participación pública limitan os tempos de exposición, dilúen o peso das declaracións de impacto medioambiental e restrinxen a posibilidade de presentar alegacións a estes proxectos, vulnerando os nosos dereitos sociais.
Seguidamente, a declaración de útilidade pública destes polígonos industriais impiden na práctica que podamos negarnos aos mesmos, habida conta de que esta fórmula proporcionada pola Xunta de Galicia ás empresas do sector priviléxiaas ca expropiación forzosa das nosas terras e bens.
Como labregas e labregos temos a responsabilidade de alertar de que esta connivencia entre o goberno galego e o lobbie enerxético é especialmente preocupante no tocante a unha cuestión esencial para nosa saúde como é a alimentación e o coidado das augas. Se xa a día de hoxe na Galiza temos a superficie agraria útil (SAU) máis pequena de todo o Estado -moi lonxe do 1/3 de SAU que reivindicamos dende o SLG-, o acaparamento de terras para polígonos industriais limitaría inda máis, de xeito moi significativo, a nosa capacidade para producir alimentos.
Aliás, esta sustración territorial seguiríanos afastando ademais cada vez máis do obxectivo europeo de acadar un 25% de gandaría e agricultura en ecolóxico para 2030, arestora nun ínfimo 5,15% no agro galego. Por outra banda, canda as consecuencias negativas para a saúde das persoas, os graves impactos que a industrialización do rural ten nas cabanas gandeiras están a ser confirmados por recentes estudos científicos públicos.
Dende o Sindicato Labrego Galego solicitamos unha vez máis que sexa decretada unha moratoria eólica en todo o territorio galego así como a urxente revisión e modificación do actual Plan Eólico Galego, absolutamente obsoleto no actual contexto de expansión de empresas produtoras e comercializadoras de enerxía, procurando un modelo de produción respectuoso para as persoas e o medioambiente, en base a comunidades enerxéticas, co obxectivo de garantir a soberanía para os pobos, non o lucro exponencial de empresas privadas.