A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Alertamos dos graves riscos sociais implícitos no Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan Recursos Naturais de Galicia

Alertamos dos graves riscos sociais implícitos no Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan Recursos Naturais de Galicia

24 de Maio do 2023

LeiDepredación23

O texto afonda na desprotección da poboación rural posibilitando a fragmentación eólica e debilitando as declaracións de impacto. Esta Lei situaría aos macroproxectos industriais como principais suxeitos de dereitos sobre o noso territorio e os nosos recursos

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba Seivane, e Xosé Pérez Rei, do departamento de asuntos xurídicos do SLG-CCLL, alertaron hoxe en rolda de prensa dos riscos vinculados ao Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos Proxectos que utilizan Recursos Naturais de Galicia, actualmente en exposición pública na páxina de transparencia da Xunta de Galicia e con prazo de alegacións aberto até o 6 de xuño.

Eliminar o rexistro eólico -a única fonte de información que permite a día de hoxe ir facendo un seguimento da implementación masiva de proxectos-; non impedir e, de facto, posibilitar a fragmentación de polígonos industriais eólicos; distorsionar o a utilidade das Declaracións de Impacto Ambiental (DIAs) incluíndo nas mesmas criterios económicos; favorecer a instalación de macroestruturas empresariais sen límites de altura nin extensión; privilexiar o gasto de auga e ocupación terras por negocios privados en detrimento dos usos que realice a poboación da zona a nivel particular ou profesional; ausencia de previsión de mecanismos de participación pública -tanto a nivel institucional como social-; posible invasión de competencias municipais e un ton xeral de arbitrariedade e flexibilización da aplicación de normativas cando se trate de macroproxectos industriais son só algúns dos aspectos máis preocupantes recollidos no borrador feito público.

A Secretaria Xeral do SLG identificou este texto como unha continuidade das anteriores leis de depredación -Lei 5/2017,de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia e a Lei 9/2021 de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia-, “porque vén a priorizar os intereses económicos de grandes empresas eléctricas e mineiras sobre as garantías dos impactos dos proxectos a nivel ambiental e sectorial e os seus prexuízos para as actividades e a poboación que habita nos territorios cobizados por estas empresas”.

Son precisamente os negocios vinculados a grandes estructuras industriais os que con esta lei terían prioridade sobre os usos da terra e da auga, o cal por exemplo no caso da produción de alimentos é extremadamente preocupante, xa que Galiza ten unha porcentaxe de superficie agraria útil das máis pequenas de europa, polo que alentar máis presión territorial industrial implicará empeorar esta situación e incrementar os custos de produción para as granxas.

Nunha flagrante incompatibilidade entre os supostos obxectivos da norma e os efectos finais que derivarían da aplicación do seu articulado, este anteproxecto de Lei alude á importancia de compensar grandes pegadas de carbono e grandes pegadas hídricas de proxecos industriais, para seguidamente concretar unha serie de condicións que priorizan axilizar a tramitación de uso de terras e augas precisamente para este tipo de proxectos, establecendo como criterio para a súa promoción o feito mesmo de que produzan unha grande cantidade de enerxía, independentemente de que iso supoña un deterioro irreversíbel da contorna onde se instalen e se incrementen as devantidas pegadas.

Nesta mesma liña, establece que os elementos singulares das instalacións industriais poderán superar a altura máxima prevista nas ordenanzas municipais, permitindo construír sen límite de altura nin de lindeiro ca parcela correspondente.

Dende o punto de vista xurídico, Xosé Pérez Rei, cualificou de “recorte democrático” a posición de fondo desta norma, concretado en cuestións como o feito de que non exista nesta Lei un apartado de definicións, como si adoita haber en moitas norma, polo que “todo queda á arbitrariedade do poder executivo, nesta caso da Xunta”. Ao mesmo tempo, salientou, unha das palabras máis repetidas no borrador é a verba “discrecionalidade”, prescindindo de establecer uns parámetros obxectivos que permitan o desenvolvemento da norma.

O avogado do SLG fixo fincapé tamén no compoñente estratéxico desta norma, que de xeito explícito non deroga prácticamente nada -presumiblemente co fin de non crear alarma social-, pero que na práctica, con cuestións como establecer como criterio de valoración as exportacións enerxéticas anuais, supón unha facilitación extrema da implementación de novos proxectos enerxéticos e mineiros en detrimento doutros usos, como pode ser a actividade agropecuaria, que tamén conta con normas que a protexen.

Tamén é chamativo que o texto aluda á vontade de compensar os impactos da instalación destes novos proxectos, puntualizou Pérez Rei, xa que precisamente suponse que proxectos con impactos significativos para a poboación e o medioambiente non deberían ser aprobados. Ao mesmo tempo, establece no seu articulado que non se vai facer diferenzas con respecto á orixe das empresas que se instalen no noso territorio, do cal podemos inferir unha chamada a grandes transnacionais, cas que dificilmente podrían competir as empresas galegas.

Pérez Rei tamén se detivo a explicar que esta Lei implicaría incluír dentro das avaliacións de impacto ambiental consideracións económicas de xeito discrecional e sen parámetros, tendo como criterio o maior beneficio: “Se nunha declaración de impacto ambiental é valorado o económico -en lugar de contar con avaliacións independentes- esta queda sen substantividade propia, sen poder valorar en si mesma a defensa do medioambiente, das actividades traicionais e da vida local. De feito en ningún momento se menciona a participación local na valoración deses beneficios sociais e económicos, nin no ámbito da sociedade civil nin no institucional.

O Sindicato Labrego Galego está traballando xa na elaboración de alegacións para presentar ao anteproxecto de Lei publicado, animando a outras organizacións a encamiñar tamén as súas achegas ao texto, así como iniciando contactos para articular un resposta social contundente fronte a este novo intento da Xunta de Galicia de modificar as leis para legalizar actividades e prácticas económicas arestora ilegais debido ás súas negativas consecuencias para a poboación e o medioambiente.

 



Ficheiro adxunto