Dirixímonos á CMR e á Consellaría de Industria para que aclare os detalles dun suceso que podería terse cobrado vidas humanas. Os aeroxeradores non só atraen, tamén xeran lóstregos. Galiza concentra unha salientábel cantidade de episodios eléctricos
15 de Xuño do 2023
Dirixímonos á CMR e á Consellaría de Industria para que aclare os detalles dun suceso que podería terse cobrado vidas humanas. Os aeroxeradores non só atraen, tamén xeran lóstregos. Galiza concentra unha salientábel cantidade de episodios eléctricos
O domingo 4 de xuño catro novillas dun afiliado do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) apareceron mortas a carón do perímetro dun polígono industrial eólico da provincia da Coruña, logo de que durante unha treboada se producira un forte trono nesa zona arredor das 16h., confirmando o rexistro de Meteogalicia o impacto dun raio nese punto.
*Achegamos IMAXES e VÍDEO realizado por un dos gandeiros afectados. Advertimos da súa sensibilidade.
A Secretaria Xeral do SLG, Isabel Vilalba, encamiñou hoxe unha solicitude dirixida ás Consellarías de Industria e Medio Rural urxíndoas a desenvolver as accións precisas para aclarar a orixe e circunstancias nas que tivo lugar este suceso, que podería ter afectado a tres gandeiros que se atopaban traballando na contorna, ao tempo que instou á Xunta de Galicia a facer valer o principio de precaución activando a paralización cautelar de tódolos polígonos industriais eólicos actualmente en construción até que sexa aclarado este incidente.
Asemade, solicitou que se dea inicio á elaboración dun informe independente realizado polas universidades galegas ao respecto das situación actual do noso territorio no tocante ao abano de interaccións que teñen lugar entre os polígonos industriais eólicos e as condicións meteorolóxicas, abondando nos seus efectos sobre a poboación, animais, patrimonio e recursos naturais.
O impacto de raios é a día de hoxe un dos accidentes máis habituais nos polígonos industriais eólicos, figurando entre os principais perigos a ter en conta polas empresas a nivel de riscos laborais e custos de mantemento destas instalacións. De feito, fai máis dunha década foi clausurado un macropolígono eólico no Mar do Norte, preto de Helgoland (Alemaña), dado que as perdas económicas por mor destas descargas eléctricas eran tan grandes que o seu funcionamento non resultaba rendíbel.
Por outra banda, canda a súa condición de ser considerados “un branco natural para o raio” -debido especialmente ao seu deseño e materiais empregados para a súa construcción-, no ano 2014 o grupo de investigación Raios, Electricidade Atmosférica e Alta Tensión, dirixido polo profesor Joan Montanyà, da Universitat Politècnica de Catalunya, demostrou que existe unha relación directa entre o movemento das turbinas dos aeroxeradores dos parques eólicos e a xeración de descargas que en determinadas condicións atmosféricas dan lugar a raios.
Esta equipa científica, referente en toda Europa, rexistrou varios lóstregos ascendentes iniciados por aeroxeneradores en rotación, detectando mesmo unha repetición periódica de emisións de descargas eléctricas que poden ir dende minutos até horas. Este comportamento periódico non se observou en torres estáticas, revelando que o efecto da rotación estaría a xogar un papel determinante na xeración destes raios, que ademais poden orixinarse a decenas de kilómetros de distancia dunha zona activa de treboadas.
Xa que logo, os aeroxeradores non só atraen as cargas elécticas dos lóstregos en maior medida que outras estruturas de verticais como poden ser as árbores, senón que en determinadas circunstancias meteorolóxicas poden xerar estas propias descargas eléctricas. Cabe polo tanto inferir un incremento do número de episodios eléctricos nas áreas onde se instalan, o cal implica un substancial aumento dos riscos e perigosidade para as persoas, e seres vivos en xeral, que habitan nestas contornas, entre os que loxicamente canda as descargas eléctricas tamén se atoparían os lumes forestais.
Asemade, non debemos esquecer que, ademais dos aeroxeradores, estes polígonos industriais están conformados por milleiros de kilómetros de liñas de alta e media tensión, tanto aéreas como soterradas, resultando pertinente aclarar, por exemplo, o papel xogado polos campos electromagnéticos na morte dos animais rexistrada o pasado 4 de xuño, así como afondar no estado e características dos sistemas de pararaios e canalización das descargas eléctricas cos que poda contar esta instalación industrial.
O informe “O sector enerxético galego: presente e futuro”, recentemente publicado polo Consello Económico e Social (CES, 2023) alerta de que Galiza acumula actualmente a maior densidade de potencia eólica instalada a nivel estatal, é dicir, o maior número de aeorxeradores por kilómetro cadrado. Investigacións centradas no estudo de treboadas, como por exemplo a realizada sobre Filomena (2022), revelou que Galiza foi un dos territorios peninsulares onde caeron máis raios, detectando turbinas eólicas nas proximidades da maioría dos lóstregos rexistrados a nivel de todo o Estado.
É dicir, o territorio ca máis alta densidade dun tipo de instalacións industriais que atraen e emiten raios, rexistra tamén un número de raios destacadamente superior en comparación co resto do Estado. Partindo desta realidade, e habida conta de que na nosa terra hai instalados xa arredor de 200 polígonos conformados por milleiros de aeroxeradores e centos de milleiros de kilómetros de liñas eléctricas, a actual intención da Xunta de Galicia de impor a construcción de 75 novos polígonos é, canto menos, neglixente.
Á luz dos datos científicos, a masificación deste tipo de estruturas conleva convertir amplísimas extensións do territorio galego en zonas de alta perigosidade, incompatíbeis co desenvolvemento de actividades cotiás por parte dun número cada vez maior de persoas que habitan perto dunha destas instalacións.
Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que sucesos como o acontecido o domingo 4 de xuño deben canto menos situarnos nunha posición de alerta e precaución, sendo imprescindíbel unha análise por parte da Administración que aclare, tanto as circunstancias nas que se produciu a morte dos animais o pasado 4 de xuño, como o grao de perigosidade que estas instalacións supoñen para a poboación galega no seu conxunto, e nomeadamente para a que habita no medio rural.