A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG pide que se investiguen as denuncias de maltrato por parte da agroindustria Surexport

O SLG pide que se investiguen as denuncias de maltrato por parte da agroindustria Surexport

21 de Xuño do 2023

surexplotación

Organizacións sociais alertan do illamento forzoso de traballadoras migrantes sobreviventes dun accidente en Huelva. Esta multinacional de orixe andaluza ten presenza na Terra Chá, onde tamén foron denunciadas vulneracións de dereitos laborais

Dende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) facémonos eco das denuncias relativas á situación na que se atopan as traballadoras de Surexport que sobreviviron a un accidente de tráfico in itinere que tivo lugar o pasado Primeiro de Maio, Día Internacional das Persoas Traballadoras, no que faleceu unha muller e 39 persoas resultaron feridas de diversa consideración, das cales seis tiveron que ser ingresadas, unha delas na Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Estas mulleres son todas traballadoras migrantes orixinarias do Magreb, contratadas pola empresa en orixe, que se atopaban nun bus de Surexport dirixíndose cara o seu centro de traballo en Huelva.

Neste momento, segundo denuncian diversos medios de comunicación, varias das traballadoras que recibiron a alta hospitalaria, -canto menos cuestionábel nalgúns casos, nos que apenas se poden nin mover-, atópanse illadas pola empresa Surexport no antigo Albergue Don Diego de San Juan del Puerto, recibindo ameazas e coaccións, tratando de que non sexan asesoradas por organizacións de apoio ás persoas migrantes e dificultándoselles o acceso a internet para que non se podan comunicar nin solicitar axuda.

O Sindicato Labrego Galego ten alertado en reiteradas ocasións da vulneración de dereitos humanos e, de xeito destacado, laborais, que opera esta corporación que conta con instalacións en Lugo, na zona da Terra Chá, onde precisamente tamén faleceu un traballador no ano 2021. Apenas un mes antes, o SLG e outras organizacións sindicais e sociais galegas dimos inicio a unha campaña de sensibilización ao respecto dos abusos desta agroindustria adicada á exportación de froitos vermellos.

Ademais dos hábitos de esclavismo agroindustrial que semellan caracterizar a esta multinacional de orixe andaluza, Surexport tamén é motivo de polémica no noso país por escuras manobras de acaparamento de terras dos montes comunais, como está a acontecer en Loentia (Terra Chá), provocando mesmo que a veciñanza trasladara a súa preocupación fai un par de meses á Delegada do Goberno.

Dende o Sindicato Labrego Galego instamos a tódalas institucións correspondentes a aclarar inmediatamente en que situación se atopan as mulleres presuntamente illadas e maltratadas durante a súa convalecencia logo do grave accidente sufrido o 1 de maio.

Por outra banda, reiteramos á Xunta de Galicia e Inspección de Traballo a necesidade de realizar un seguemento pormenorizado das actividades desta empresa, que tanto en Andalucía como na Galiza adoece dun funcionamento pouco transparente e abundantes denuncias de explotación laboral, vulneración de dereitos humanos e violencia machista.