A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Demandamos información sobre a transformación de parcelas rústicas en urbanas en concellos rurais

Demandamos información sobre a transformación de parcelas rústicas en urbanas en concellos rurais

23 de Xuño do 2023

catastro

Solicitamos información ao concello de Vilalba e pedimos que as persoas afectadas sexan informadas dos seus dereitos. Pedimos a anulación do cobro con carácter retroactivo resultante da diferencia entre o IBI rústico e o IBI urbano

O 12 de xuño a sede electrónica do catastro publicou un edicto de regularización catastral que afectaría a sete concellos da provincia de Lugo, mediante o cal as persoas con propiedades situadas nos municipios de A Pastoriza, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Láncara, Trabada e Vilalba pasarán a pagar un IBI urbano por fincas que até o dagora eran consideradas como rústicas.

 

Este proceso simplificado de valoración colectiva implica tamén a aplicación retroactiva deste IBI urbano, polo que as persoas titulares das fincas terían que abonar os últimos catro anos.

 

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de dirixirse ao concello de Vilalba -en vindeiros días aos restantes concellos afectados- para trasladarlle que foron realizadas consultas ao respecto con traballadores/as municipais a fin de coñecer as implicacións desta modificación, así como para solicitar onde poder consultar a listaxe de persoas afectadas, comunicándosenos que polo momento o Concello non ten acceso a estes datos.

 

Dadas as importantes implicacións que pode ter este procedemento para as veciñas e veciños con propiedades nos núcleos rurais, dende o SLG-CCLL solicitamos ás responsables municipais que se dirixan á Xerencia Provincial do Catastro para que canto menos lles faciliten as titulares catastrais e parcelas afectadas por este procedemento simplificado de valoración colectiva.

  

Unha vez que se teña o listado, solicitamos que a equipa técnica municipal informe ás afectadas das implicacións desta modificación, das alegacións que poden presentar unha vez lles sexa comunicada, así como das actualizacións e informacións que precisen sobre este procedemento.

 

Asemade, pedimos que se estuden e regulen as bonificacións no IBI, no caso de non existir xa, para minorar a presión fiscal sobre as parcelas e inmobles revisados, fundamentalmente pola falta de servizos, inexistentes na maioría dos núcleos rurais. Tamén solicitamos que no caso de que se poña o cobro atrasos por esta regularización, estes sexan anulados.