Estratexia de legalización da violencia medioambiental da Xunta: decretos que fan legais irregularidades condenadas pola Xustiza. O Decreto 102/2023 permite que empresas e persoas a nivel privado suplan o traballo dos funcionarios/as públicos
3 de Xullo do 2023
Estratexia de legalización da violencia medioambiental da Xunta: decretos que fan legais irregularidades condenadas pola Xustiza. O Decreto 102/2023 permite que empresas e persoas a nivel privado suplan o traballo dos funcionarios/as públicos
En xaneiro do 2022 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Xunta de Galicia por externalizar avaliacións de impacto. Hoxe, ano e medio despois, a Xunta de Galicia búrlase da cidadanía galega e da propia Xustiza emitindo o Decreto 102/2023, un texto que procura legalizar a ilegalidade condenada polo TSXG.
A través do mesmo, a Xunta directamente crea un Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental e un Banco de persoas expertas en avaliación ambiental a quen externalizar as avaliacións, obviando a sentenza do TSXG que fai fincapé na importancia de que estes procesos sexan realizados por organismos públicos, a fin de evitar a posible inxerencia de intereses privados. O Decreto 102/2023 non só pretende sacar fóra do control público as avaliacións de impacto da inxente cantidade de polémicos proxectos enerxéticos ou mineiros en tramitación, senón tamén a propia inspección dos mesmos.
O forzado aceleramento administrativo da tramitación de polígonos industriais de produción de enerxía, así como os cada vez máis numerosos casos de proxectos eólicos paralizados polos tribunais debido á súa irregular xestión administrativa , está a ser motivo de preocupación entre as funcionarias e funcionarios públicos enleados na aprobación compulsiva de fábricas de enerxía liderada polo Partido Popular de Galicia.
O PPdG, facendo uso da súa maioría absoluta parlamentaria, busca con este Decreto lexitimar empresas e persoas a nivel privado para emitir valoracións e realizar tarefas de inspección para o que xa existe persoal de organismos públicos. En lugar de, no caso de ser preciso, incrementar este persoal público, a Xunta vai incorrer nun gasto extra para pagar a estas empresas e persoas que, ademais, coñecedoras da exacerbada vontade da administración galega por darlle para adiante a ducias de polígonos industriais eólicos, minas e outras actividades extractivas, pódense ver tentadas a facilitar a súa aprobación para seguir obtendo contratos e incrementar os seus ingresos.
Por outra banda, dende o SLG queremos chamar a atención sobre a potencial perigosidade de establecer un comité de persoas “expertas”, do cal vai ser moi complicado discernir cales destas persoas teñen ou tiveron relación, e de que tipo, cas empresas involucradas na construción de proxectos enerxéticos ou mineiros, ou co propio partido político que aproba este rexistro.
O Sindicato Labrego Galego insta á Xunta de Galicia a derogar de xeito inmediato o Decreto 102/2023 publicado hoxe no DOG, e condena a violencia institucional directa contra a poboación que supón a tentativa de legalizar a construción de macrosuperficies industriais en base á expropiación da veciñanza, a degradación e expulsión do territorio onde habitan, a afectación ao tecido económico e social da contorna, o impacto directo ás granxas e persoas labregas produtoras de alimentos, a destrución dunha significativa parte do patrimonio cultural galego e un atentado medioambiental e paisaxístico sen precedentes orquestrado con premeditación e alevosía polo Partido Popular de Galicia.