A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Esiximos que a CMR habilite un sistema de comunicación que garanta a total notificación de incidencias na PAC

Esiximos que a CMR habilite un sistema de comunicación que garanta a total notificación de incidencias na PAC

15 de Septembro do 2023

sentinel

Na era da dixitalización, a Consellaría do Medio Rural négase a comunicar incidencias que son penalizadas na PAC
Esixen que as persoas solicitantes estean pendentes de entrar periodicamente nunha aplicación para saber se hai notificacións

Hoxe, 15 de setembro, remata o prazo para emendar as incidencias dos controis por monitoraxe da Política Agraria Común (PAC). Esta monitoraxe consiste nun sistema de control de todas as parcelas que declaramos este ano na solicitude única da PAC, a través da información que proporciona o satélite SENTINEL.

Esta información chega ás granxas a través dun sistema de “semáforos”, no que verde significa que non se detectou incidencia; amarelo que se detectou un cultivo declarado distinto do observado, presenza de varios cultivos na parcela, dúbida razoable onde se solicita a documentación complementaria ou dúbida razoable sobre unha zona concreta da liña de declaración; vermello: problemas de abandono, presenza de improdutivos, resultados non admisibles en función da liña solicitada e outros casos.

A normativa da PAC especifica con claridade que é responsabilidade da Administración, neste caso da Consellería de Medio Rural, a comunicación dos semáforos amarelos ou vermellos ás persoas e entidades solicitantes, para que poidamos adaptar a nosa solicitude ou comunicar que o satélite está equivocado (tendo que aportar nós as probas de que o satélite non ten razón...).

Non é o primeiro ano de controis por monitoraxe, pero é o primeiro ano de implantación desta PAC. Até o dagora realizáronse varios controis por monitoraxe, e enviouse comunicación ás persoas afectadas e a entidade que lle tramitou a PAC a esa persoa, que é o lóxico para que o sistema de notificación cumpra os seu obxectivo.

Sen embargo, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) detectamos que a inmensa maioría das incidencias enviadas o día 29 de agosto -última data de notificación de incidencias- non foron comunicadas nin ás entidades nin ás persoas solicitantes, impedindo a posibilidade de seren subsanadas ou, no caso de ser erros do SENTINEL, aclaradas. Esta desleixo e deixadez de responsabilidades por parte da Consellaría vai traer consecuencias para as granxas, xa que as incidencias detectadas polo satélite que non sexan correxidas van implicar penalizacións e reducións nas contías percibidas na PAC.

Dende o SLG-CCLL dirixímonos ao FOGGA para aclarar esta situación, ao que a Administración pública respostou co peregrino argumento de que as incidencias non comunicadas son xestionadas a través dunha “comunicación pasiva”. É dicir, non lle comunican a ninguén que hai unha incidencia, senón que hai que entrar no expediente a través da sga@pp ou do Portal do cidadán para saber como están os semáforos de cada parcela, o que significa que o 99% das granxas que teñen esas incidencias non comunicadas non se van enterar, e serán penalizadas sen opción a subsanar.

Aliás, é tamén importante deixar claro que tanto a sga@pp, como o portal do cidadán e neste momento a PAC son parte da dixitalización excluínte. A meirande parte das persoas solicitantes non poden preparar por si mesmas as alegacións ao SENTINEL e outras cuestións vinculadas a esta dixitalización obrigatoria.

O SLG-CCLL vaise dirixir á Valedora do Pobo Galego, así como ao Defensor del Pueblo a nivel estatal e á European Ombudsman para denunciar esta situación discriminatoria.

Ademais, desde o Sindicato Labrego Galego imos estar moi atentas para que non se produza nin unha soa redución das axudas da PAC por causa destas incidencias non comunicadas. Reiteramos que a normativa da PAC especifica con claridade que hai que comunicar ás persoas beneficiarias calquera resultado da monitoraxe, incluídos os casos con resultado non concluínte, e permitir, en caso necesario, adaptar as solicitudes, e dende logo a Consellaría do Medio Rural non ten potestade para decidir non facelo.